"Fixeron realidade iso que deu en
chamarse economía social e circular. Sonia, Montserrat, Emilia, Soraya e
Violeta son as cinco socias de pleno dereito de Mulleres Colleiteiras,
unha cooperativa sen ánimo de lucro fundada en 2015.
Vinte e catro meses antes entre vinte e trinta mulleres xitanas,
colectivo maioritario nesta Cooperativa, iniciaban a recollida de aceite
vexetal usado no barrio coruñés de Monte Alto, co apoio da ONG
Arquitectura sen Fronteiras, das entidades do barrio, da súa Asociación
de Veciños e de moitas persoas que se implicaron directa ou
indirectamente naquel proxecto piloto. Hoxe, Mulleres Colleiteiras está
recoñecida. Recibiu o accésit do Premio Nacional Xuntas polo Clima
(2019) e a Pomba de Ouro da Plataforma LaTeuaTerra (2018).
O seu
crecemento é proba do funcionamento exemplar das economías social e
circular que rexen esta empresa, que comezou con 20 puntos de
recolección e que hoxe conta con 65, que se ampliarán este ano a 85,
distribuídos por toda A Coruña, Oleiros, Arteixo e Ferrolterra. No ano
2017, Mulleres Colleiteiras recolleu 43.994 quilos de aceite vexetal
usado. Este ano chegarán aos 130.000. Esta é a súa historia.
«Vivo a experiencia de saber o que é traballar, e unha oportunidade»,
conta Montserrat, xitana de apenas vinte anos, cando se lle pregunta
por este traballo. Sonia, a súa compañeira, da mesma idade e tamén
xitana, responde así: «É unha experiencia nova. Nunca traballara.
Estámonos independizando. Para nós é máis difícil». Sonia e Montserrat
acaban de chegar, xunto con Emilia Allegue, ao primeiro punto de
recollida desta xornada. Chegaron na furgoneta verde de Mulleres
Colleiteiras desde o seu Centro de Operacións, situado no Polígono
Industrial de Oleiros. A ruta de recollida de aceite vexetal usado acaba
de comezar.
Sonia e Montserrat sacan do contedor laranxa as botellas de plástico
cheas deste espeso líquido, colócanas nunhas cestas de caucho de cor
negra e lévanas á furgoneta. Cada cesta ten unha etiqueta, que contén a
dirección do punto de colleita co fin de poder saber, ao final da
xornada, cantos quilos de aceite había nel. Cada un deles ten as súas
cestas de caucho coa súa identificación.
«Gaño 315 euros ao mes. Só traballo vinte horas á semana. Estou a proba.
Agora comezarei a xornada completa», explica Montserrat na furgoneta,
mentres nos diriximos ao segundo punto de recolección, o Mercado de
Conchiñas. «Só temos esta furgoneta. Necesitamos outra, unha na que se
poidan poñer directamente os contedores e recolocalos logo
automaticamente.
Non damos abasto pero non dispoñemos de orzamento para
comprar unha furgoneta máis. Somos autónomas. Traballamos de 9 a 15
horas os luns, mércores e venres. E os martes e xoves de 9 a 16 horas»,
explica mentres conduce a furgoneta Emilia Allegue, que leva dous anos
nesta cooperativa.
«Somos unha cooperativa sen ánimo de lucro porque pensamos que é a
forma ideal de facer realidade a economía social e circular. O que se
pretendeu e se pretende con esta cooperativa é que as mulleres da mesma,
a maioría en exclusión social, participen en todos os ámbitos da
empresa.
Elas son socias traballadoras. A empresa é súa. Fixeron unha
achega mínima de capital. Nun principio fan unha práctica, págaselles a
dieta, o transporte, ensínaselles algo tan básico como abrir unha conta
corrente no banco e dáselles unhas pautas para facer o seu traballo.
Poñerei un exemplo que fará máis clara a situación que vivimos. Se ás
nosas traballadoras lles chega unha carta que non comprenden, ou se
teñen que realizar unha xestión complexa para elas porque nunca a
fixeron, axúdaselles. Facémolo para que aprendan e poidan un día ser
donas das súas vidas. Hai empresas de inserción social e centros
especiais de emprego, que fan un itinerario formativo de tres anos e
logo os seus traballadores volven á marxinación.
Neste tipo de empresas houbo casos de explotación. Naquelas, as
persoas non teñen un horizonte, a posibilidade de quedar, de seguir
formándose. Isto non sucede en Mulleres Colleiteiras. Tras realizar as
prácticas e o período de proba, se elas se senten seguras, sen
obrigalas, pregúntaselles se desexan ser socias de pleno dereito. A
dignidade e o respecto son esenciais neste proceso.
Hai que pensar na
situación de cada unha, normalmente delicada. Doutra banda, neste
proceso tamén se ten en conta a conciliación familiar e laboral. Se unha
traballadora chega media hora tarde por motivos familiares, pode
recuperar esa media hora pola tarde do mesmo día, ou outro día. Isto
fálase sempre.
Tivemos algún caso, no que unha traballadora tivo que
deixar o seu posto porque na súa casa ninguén facía a comida, nin
coidaba da familia. Nós conciliamos organizándonos. A conciliación é o
primeiro. Levámola a cabo individualmente, adaptándonos á situación de
cada traballadora, á súa problemática. Sonia e Montserrat viven no
poboado xitano e desexan independizarse», explica Susana Pena Liaño,
xerente da Cooperativa.
Susana gaña 1200 euros ao mes. Non é socia da Cooperativa, é persoal
contratado e o seu soldo cóbrese cos 25.000 euros aportados, desde o ano
2018, pola Consellería de Igualdade do Concello da Coruña. Outras
institucións que colaboran con Mulleres Colleiteiras son a Estación
Depuradora de Augas Residuais EDAR, o Concello de Arteixo, a Consellería
de Medio Ambiente do Concello da Coruña, a Deputación da Coruña e a
Xunta de Galicia. O Club de Leóns de Oleiros tamén colaborou coa
cooperativa para a compra de maquinaria especial para o depurado do
aceite vexetal usado. Destaca a colaboración da EDAR, que foi e é
fundamental para o desenvolvemento de Mulleres Colleiteiras e tamén para
a Estación Depuradora de Augas Residuais, para o seu mantemento eficaz e
sostible.
«Un litro de aceite vexetal usado equivale a 1000 litros de
auga limpa de mar. Nos sumidoiros e na depuradora teñen problemas
gravísimos co aceite que chega alí polas canalizacións, desaugues,
inodoros… O aceite, unido a outros residuos, forma bloques máis duros
que o formigón na EDAR. Estes bloques hai que destruílos cun trade.
Doutra banda, gástase moitísima auga en limpar este aceite na
depuradora», explica Emilia Allegue.
Chegamos ao segundo punto de recollida de hoxe, situado no Mercado de
Conchiñas. Sonia e Montserrat descenden da furgoneta, van cara ao punto
laranxa, colocan as botellas de plástico cheas de aceite vexetal usado
nas esportas negras de caucho ben etiquetadas, e lévanos á furgoneta.
Mentres o fan pasan casualmente dous ciclistas da asociación de reparto
Van en Bikke, coa que Mulleres Colleiteiras colabora desde 2017.
«Distribúennos folletos informativos, nos que se explica como se debe
reciclar o aceite vexetal usado, e reparten funís, que facilitan ás
persoas o reciclado», explica Emilia Allegue.
Como se recicla o aceite vexetal usado? De forma sinxela. Para
iniciar o ciclo de reciclado necesítase unha botella de plástico e un
funil. Vértese o aceite vexetal usado que teñamos na casa e desexemos
reciclar na botella de plástico. Péchase ben a botella e lévase, o máis
limpa posible, a un punto laranxa de recollida. Que pasa logo co aceite
que as Mulleres Colleiteiras recollen? Algo marabilloso, que garda
moitos soños. En primeiro lugar, finalizada a ruta do día, lévase o
aceite recollido ao centro de operacións de Mulleres Colleiteiras, no
Polígono de Oleiros, na Coruña.
No Centro, nunha nave alugada a ese
concello desde 2016, pésase o aceite de cada punto de recolección.
Posteriormente, vértese a través dun sistema de enreixado, co que se fai
o primeiro filtrado. Nesta operación baléirase unha a unha cada botella
de aceite. Unha vez realizada esta operación vértese o aceite nun
tanque de 400 quilos. Aquí será valorizado, é dicir, depurado por unha
empresa á que Mulleres Colleiteiras llo vende a 40 céntimos o quilo.
Esta empresa venderallo á súa vez, tras depuralo ou valorizalo, a unha
multinacional que o transformará en biodiesel.
Nun futuro próximo, grazas ao investimento de ao redor de 40.000 euros,
que realizaron Mulleres Colleiteiras, dese tanque de 400 quilos o aceite
pasará a un de 1500 no cal, a través dun proceso de temperatura (por
calor), separarase o aceite da auga e do residuo orgánico. Logo, o
aceite pasará a unha centrifugadora, onde se depurará de novo e
finalmente a un tanque de 14.000 quilos, onde se almacenará.
«Faremos
nós todo o proceso de depuración converténdonos en valorizadoras deste
residuo. Para lograr isto, para o que xa contamos con todas as
infraestruturas, necesitamos 10.000 euros, que teremos que depositar na
Xunta de Galicia para conseguir a autorización que nolo permita. Este é
un dos nosos obxectivos e tamén un dos nosos soños. Pero hai máis: levar
este aceite, xa depurado no noso centro de operacións, ás caldeiras da
calefacción dos colexios, ás dos centros cívicos, ás das entidades
financeiras, de institucións etcétera.
Se o logramos, pecharíamos o
círculo, conseguiríamos aquilo polo que loitamos cada día: que a nosa
sexa unha empresa onde a economía circular e social estean completas»,
detalla Susana Pena Liaño e engade: «Traballamos nun proxecto de I+D+ I
da Universidade da Coruña, en concreto coa Unidade de Combustible do
Campus de Ferrol, con empresas de economía social e coa cooperativa A
nosa Enerxía para lograr que o aceite que recollemos vaia, unha vez
depurado, ás calefaccións. Hoxe este aceite véndese a empresas
multinacionais pero pódese usar directamente nas caldeiras de
calefacción, é dicir, sen ser convertido en biodiesel».
Despois do Mercado de Conchiñas chegamos ao punto de colleita IBS Pai
Rubinos, logo imos ao do Bar Atlántico 57, ao do Orzán, ao do Mercado de
San Agustín, ao de Cidade Vella, ao de Praza Parque, ao do Mercado
Monte Alto, onde comezaron as Mulleres Colleiteiras, ao do Parque de
Marte, ao do Campo da Leña, ao de Zalaeta, ao de reataurante Overa e ao
do comedor da empresa Showa Denko, desde onde nos dirixiremos ao centro
de operacións para acompañar as Mulleres Colleiteiras no labor de pesado
e baleirado do aceite.
«Ademais destes proxectos, estamos realizando as dilixencias
necesarias para conseguir os certificados IS0 9001 e ISCC para a
trazabilidade de biocarburantes. Son necesarios para que podamos
participar no concurso para a recollida de aceite vexetal usado do
Consorcio das Mariñas. Doutra banda, presentámonos ao convenio para a
limpeza de contedores de aceite vexetal usado do Concello da Coruña,
pero non nos admitiron porque somos unha cooperativa sen ánimo de lucro.
Nas súas bases só se permite a participación de Empresas de Inserción
Social e de Centros Especiais de Emprego. Recorremos estas bases. Ao
fin, a empresa que gañou cometera irregularidades graves na súa xestión e
retiráronlle o convenio. Esperamos poder presentarnos cando salga a
oferta de novo», explica Susana Pena Liaño.
Acaba o día. O aceite está no tanque. Todo no Centro de Operacións de
Oleiros está xa limpo. Queda analizar como foi o día e a ruta de mañá.
«Preparo as rutas unha semana antes. Hai puntos aos que imos recoller o
aceite cada quince días, outros, os menos, unha vez ao mes, e outros
unha vez por semana.
En base a esta planificación», aclara Susana Pena
Liaño, quen como Sonia, Montserrat, Emilia, Soraya e Violeta, sente que
está facendo as cousas ben e que por iso Mulleres Colleiteiras ten
futuro a pesar do mercado negro do aceite vexetal usado, malia as
competencias desleais, malia a perversión das axudas públicas. Malia
todas as dificultades, elas duplican a súa actividade cada ano. Están aí
e xa son un referente de bo facer." (Juana Vera, Luzes, 12/04/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario