"Veremos o que sucede o 12 de xullo. Ata agora, todas as enquisas
coinciden en que Feijóo gañará as eleccións con confort: por así dicir,
coma quen toma unha caña e un pincho de tortilla. Tiña que ser así?
A
pregunta é pertinente, porque nestes momentos, a práctica totalidade das
cidades e vilas de Galicia, e tres das catro deputacións están en mans
da coalición PSdeG-BNG, co apoio de Unidas Podemos.
Ese dato, por certo,
demostra que un goberno alternativo é perfectamente posible e que eses
partidos están máis formados na cultura do pacto do que era o caso en
2005, cando Touriño e Quintana gañaron as eleccións.
Ademais, nas eleccións xerais de 2019 a suma de votos de
PP+Vox+Ciudadanos foi do 44% pero a suma de votos de PSdeG+UP+BNG do
52%. Nas que houbera uns meses antes, en abril, as porcentaxes foran
similares. Os electores galegos, nas súas franxas centrais, desaprobaban
o clima áspero e hostil impulsado polas forzas que se fixeron a
fotografía na praza de Colón.
Esa foi a lección que Feijóo, se non a
sabía xa, aprendeu. Unha diferenza do 8% entre os dous bloques é
considerable. Nunca sucedeu nada parecido dende o inicio da autonomía.
Con esa marxe, o PP podería ter que desaloxar San Caetano.
Pero, no medio, sucedeu algo. Ou tal vez non. Se un molla o dedo
e comproba a dirección do vento, parece que este, a día de hoxe, é
favorable para Feijóo. Por qué? Foi a xestión da pandemia, que favoreceu
a xesticulación presidencial e a desaparición dos adversarios? Sen
dúbida, esa xestión está sendo ben valorada. Trátase da distancia social
de Feijóo respecto a un Casado atento as pulsacións dese Madrid
inflamado non só por Abascal? Dende logo, hoxe por hoxe, Galicia parece
preferir ser un oasis de calma na hiperventilada España.
Pero hai máis. Feijóo, a quen todo o mundo describe como astuto
-que é a primeira condición dun político-, soubo desoír as chamadas de
Cs para formar unha entente cordiale mentres se desmarcaba de
Vox. Feijóo necesita concentrar o voto da dereita e sabe como facelo. O
pacto con Arrimadas non lle aporta nada e Feijóo presume, con razón, que
os votantes de Vox, por máis excitados que se sintan, pregáranse ao
voto útil para evitar que esquerda e nacionalistas cheguen ao poder.
Pero o gran misterio de verdade, aquel que os politólogos de
garda han de saber analizar, é o voto dual: o feito de que xente que nas
eleccións xerais vota a socialistas e nacionalistas, nas eleccións
galegas se absteña ou vote ao PP. Para gañar as eleccións, en condicións
de relativa equipotencia electoral tes que reunir tres condicións:
concentrar o voto no teu campo, que se absteña unha parte -por pequena
que sexa- dos teus adversarios e/ou saber captar algúns dos seus votos.
Son condicións que Feijóo parece saber cumprir.
Non porque o PP de Galicia sexa o gran partido que foi. Hoxe por
hoxe, o PP de Galicia é un partido importante, pero de ningún modo
aquel partido-réxime, confundido coa propia xestión da autonomía, que
chegou a ser na época de Fraga. Aquel que inauguraba autovías,
hospitais, colexios e institutos e era a viva imaxe do Estado do
Benestar tal e como se manifestaba na Terra. O PP de Galicia está tan
sometido aos avatares da polarización social e política coma calquera
outro partido. O seu crédito está á baixa.
Tampouco porque a súa xestión sexa feliz. Con Feijóo
desapareceron as dúas caixas, para ser absorbidas por un banco
venezolano, o que é tal vez o suceso negativo máis importante da
economía de Galicia nas últimas décadas e, by the way, pouco
explicado nos seus detalles.
A historia de Barreras e Pemex é cómica, e
daría para unha película de Berlanga. De feito, é unha pena que a prensa
estea tan entregada porque daría para un saboroso folletín. O
investimento externo é mínimo e a balanza externa depende de Inditex ou
Citröen, que pouco teñen que ver co que a Xunta faga ou deixe de facer.
Por outra banda, segundo os informes Foessa, existe unha aguda
percepción social da degradación dos servizos públicos -sanidade,
educación, servizos sociais-. O investimento en I+D+i leva dez anos
estancado, case coincidindo co goberno de Feijóo. A CRTVG, como o
afirman os seus traballadores, adoutrina con vaidosa fruición. A chusca
polémica creada pola xerente do CHUS, prima do presidente, dá conta de
que non sempre os cargos están ocupados por xente moi cualificada que,
ás veces, son da familia. En realidade, se alguén erguera a voz e
preguntará polos logros do PP na última década tal vez non atoparía unha
resposta moi contundente....
No hay comentarios:
Publicar un comentario