"Está o resultado das eleccións máis aberto do que deixan translucir as
enquisas? É unha pregunta que cabe por moi distintos motivos.
Primeiro, e
sobre todo, porque non hai experiencia previa dunhas eleccións no verán
e, menos, no medio dunha pandemia.
Segundo, porque hai un elevado
número de electores indecisos, o 31,6% segundo o CIS.
Terceiro, porque o
incremento dos rebrotes, ou das noticias sobre os rebrotes, pode
prexudicar a participación do baluarte máis firme do PPdeG: os electores
de máis de 60 anos.
Hai que lembrar o contexto previo: o ano pasado o PPdeG levou
tres trompazos seguidos, dous nas eleccións ao parlamento español e
outro nas eleccións locais. Nas eleccións xerais, cousa inédita en
Galicia, a diferenza entre as opcións de esquerda e/ou nacionalistas e o
bloque de dereitas -PP, C´s, VOX- foi de 8 puntos porcentuais. Nas
eleccións locais, Arteixo é a vila máis grande gobernada polo PP. Ata en
Vilalba perdeu as eleccións. Iso da idea do cerca que está, ou estivo,
do precipicio.
Convén dicilo con todas as letras: o PPdeG está moi lonxe de ser
o partido que foi en Galicia con Fraga e Cuíña. O feito de que Feijóo
esconda as siglas do seu partido e intente identificarse con Galicia é
un recoñecemento de como están as cousas. Hoxe o PPdeG é un partido coma
outro calquera. Non é aquel partido-réxime, de outrora, nin o PNV de
Galicia, de tan forte raíz. O seu peso vai empequenecéndose conforme
pasa o tempo. Antes das últimas eleccións municipais un alcalde popular
dunha vila media indicaba melancólico: “Morréronnos seiscentos
votantes”. Os resultados confirmaron o pesimismo das súas expectativas.
A evolución comparada dos resultados das distintas eleccións
dende o cambio de século, con algunhas idas e vindas debidas aos ciclos
políticos, mostra esa liña xeral. Como mostra o mapa electoral, pouco
ten que facer nas cidades do país. O que lle dá o seu plus, e o que fai
que apareza ante os ollos dos cidadáns como a mesma natureza das cousas,
é o feito de reter o poder da Xunta durante case corenta anos e, a
través dese poder, focalizar recursos e influencia.
Que a prensa sexa case unanimemente de dereitas e lle faga o
xogo contribúe a dar esa impresión que se desfai nas conversas no
traballo e na rúa. A prensa galega tende a ser moi didáctica: se o fai
Feijóo está ben e, se non, está mal. É moi acérrima, a prensa. Hai moito
conservador en Galicia, e moi fero, quen pode negalo, pero a outra
metade, a progresista e nacionalista tamén existe.
Antes da pandemia, de feito, as enquisas indicaban que a súa
maioría absoluta pendía dun fío. Non lle beneficiaba ao PPdeG a división
da dereita en tres opcións nin o clima irrespirable da política
española inducido por Casado. Por iso a súa liña de conduta, razoable,
foi poñer no recanto da irrelevancia a VOX e Cs para concentrar o voto
da dereita e, ao mesmo tempo, abrir xogo ao centro e á esquerda,
buscando a ese votante cauto que quere estabilidade e que o último que
desexa é unha sociedade encabronada, como neste momento o é a sociedade
española.
Se un se atén ás enquisas, o primeiro obxectivo está logrado.
VOX e C's móvense apenas entre o 1 e o 2% das expectativas de voto cada
un. Está claro que vai a haber voto útil na dereita polo horror que lles
causa a posibilidade dun goberno de coalición. Para o segundo aspecto
véxase o estraño caso do programa do PP. Se o len, comprobarán que, para
unha persoa non experta en matices, e mesmo para unha clarividente,
resultaría ben difícil de distinguir dos programas dos seus adversarios.
O Feijóo-Xano ou bifronte é unha constante.
Polo demais, non é por azar que o PP de Casado teña reducido nos
últimos días a belixerancia para abrir paso a unha atmosfera máis
apracible. É, sen dúbida, porque esa atmosfera de polarización prexudica
as opcións de Feijóo. O control dos tempos é a primeira materia do
curso en política. E en Galicia, polo menos de momento, non gustan eses
excesos retóricos que poden ser xerme de conflito social. O elector
galego soe ser moderado e liberal, no vello e nobre sentido da palabra.
Iso non quere dicir que Feijóo non puidera beneficiarse da
atmosfera de radicalización inducida polo PP. Escribe Ignacio
Sánchez-Cuenca que os datos confirman que a estratexia de crispación da
dereita tivo certo éxito, “coa peculiaridade de que é a clase alta a que
mostra maior irritación co Goberno”. Os datos do Eurobarómetro mostran,
que “en España nin a educación, nin o xénero, nin a educación, nin a
idade, nin o feito de vivir con fillos na casa, producen grandes
diferenzas na valoración do goberno. Pero a clase social si que produce
cambios importantes”.
Feijóo capitalizou tanto o enfado da dereita túzara como a
percepción, para ánimos máis mornos, de que foi eficiente a resposta
ante o virus, a pesar de que a xestión nas residencias privadas e as
consecuencias na taxa de mortalidade dos recortes sanitarios abra un
grande espazo para a crítica.
Pero, en definitiva, a xestión da pandemia deulle, diso non cabe
dúbida, aire a Feijóo. Sucedeu en toda España: a valoración da acción
das administracións sanitarias das comunidades autónomas foi ben
avaliada, pero non así a xestión do goberno central. A positiva
evolución da crise explica a mesma convocatoria do 12 de Xullo. Ningún
goberno convoca eleccións para perdelas.
Iso non quere dicir que non poda haber imprevistos. O pobre
debate electoral do luns, cunha cota de pantalla do 15'8%, mostrou unha
certa sintonía entre as forzas chamadas a formar un goberno de coalición
se o PP resulta, finalmente, perdedor. Esa é a liña que interesa máis a
PSdeG, BNG e Galicia en Común. Non pode haber cambio político se o
elector non recibe dúas mensaxes: a primeira, que o resultado non está
decidido de antemán, a segunda, que é posible e desexable un goberno
alternativo para encarar os retos futuros de Galicia. Tal vez chegan un
chisquiño tarde a esa estación, pero nunca se sabe." (Antón Baamonde, eldiario.es, 01/07/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario