"As residencias de maiores convertéronse no epicentro da pandemia ao
acumular preto do 45% dos falecidos pola COVID-19 dende o inicio da
crise en Galicia.
Máis de 1.100 persoas foron contaxiadas nestes centros
residenciais e máis de 150 mortes están vinculadas a eles. Moitas
traballadoras denuncian a falta de previsión por parte das direccións e
das autoridades sanitarias, que só comezaron a actuar "cando lle viron
as orellas ao lobo".
Mais no medio da traxedia que asolaga boa parte da rede residencial do
país, hainas que foron quen de parar o virus na porta. Illas de certa
"tranquilidade" entre a desfeita. No centro Divina Pastora de Vilagarcía
viven cada día coma unha "pequena vitoria". O contador
de persoas infectadas mantense a cero dende o comezo da crise, igual ca
na residencia Sanitas Mayores A Coruña, onde viven un total de 117
maiores.
Cada unha delas botou a andar con axilidade os protocolos de actuación
perante esta crise inédita, cun ollo posto en China e Italia e outro no
desenvolvemento dos acontecementos máis achegados. Un "reto nunca antes visto"
do que ambas as residencias destacan, por riba de todo, o "traballo
admirable", a "profesionalidade e humanidade exquisitas" e o
"compromiso" dos traballadores e traballadoras para manter os coidados
das persoas maiores, "o chanzo máis débil da cadea".
PUNTOS DE LUCIDEZ
A actitude preventiva xogou un papel transcendental nesa contención de casos de COVID-19. Dende Sanitas Mayores, xa en xaneiro fixeron un "pedido maior de EPIs" ao
observar "a situación en China" e ao imaxinar que "a falta de produción
do país asiático" lles puidera afectar. Unha decisión tomada con dous
meses de anticipación e que a día de hoxe definen como un "punto de lucidez" e
outro de "boa fortuna" que permitiu que todo o persoal da residencia
puidese afrontar a chegada da pandemia a Galicia coa protección
necesaria.
Con todo, Sanitas súmase agora ao "chamamento dos
profesionais para conseguir máis EPIs" de cara a manter a seguridade do
persoal ao longo da xestión desta emerxencia que aínda non rematou e que
se prevé longa.
No caso de Divina Pastora de Vilagarcía, a súa directora, Celina Rey,
recoñece ao teléfono que as primeiras semanas foron complicadas pola
falta de material, pero agora séntense máis "arroupados" a este
respecto. Nesta residencia, parte do persoal determinou quedar a durmir no propio centro
co gallo de "salvagardarse eles mesmos e salvagardar as súas familias e
os residentes".
"Algún día entre quendas volven á casa, pero foi
iniciativa dos propios traballadores a decisión de vivir aquí mentres
dure a pandemia", relata a directora, que asegura que se "están deixando
a pel todos os días" no coidado dos maiores e que a "máxima
preocupación" é manterse con saúde para poder continuar os servizos.
UN PERCORRIDO POLOS PROTOCOLOS
As comunicacións coas familias e residentes ao redor do coronavirus
comezan en Vilagarcía a comezos de marzo. O día nove xa non sae ningunha
persoa do centro e o 12 rexistran as últimas visitas de familiares. Pechan as súas portas ao exterior e reorganízanse no interior:
o cadro de persoal pasa entón a dividirse en dous grandes grupos que
desenvolven xornadas de traballo de 14 horas en días alternos para
"evitar rotacións e entradas e saídas de traballadores". Xa o día 20
dan un paso máis nas restriccións e deciden implantar o confinamento das
persoas residentes dentro das propias habitacións e salas.
En calquera dos casos, o peche das portas ás visitas
resulta un dos puntos clave nos protocolos das residencias contra a
COVID-19. En Sanitas Mayores botaron a andar medidas de prevención no
centro residencial da Coruña xa dende finais de febreiro, momento no que
acordan "un criterio máis conservador ca o do Ministerio de Sanidade".
Así pois, se os empregados visitaran China, Irán, República de Corea ou
o norte de Italia nos últimos 14 días, debían "autoillarse" e non ir
traballar "incluso sen síntomas". Chegado o cinco de marzo poñen en
marcha medidas anticiparadas para familiares: piden "restrinxir" as
visitas e manter a hixiene de mans á entrada e saída da residencia. Dous
días despois prohíbense tamén as saídas dos residentes, suspéndense as
actividades grupais e evítanse as zonas comúns.
Así mesmo, a residencia reforza o equipo de limpeza e
procédese, xa dende o día catro, á desinfección de espazos comúns e ao
lavado no centro dos uniformes dos empregados. Polo de agora, o
protocolo implementado dá os seus resultados e non rexistra ningún
infectado, aínda que informan que se "medicalizaron" para lograr "dar o apoio necesario ao sistema sanitario e axudar a desconxestionalo".
Na Divina Pastora respiran tamén con tranquilidade, sobre todo, despois
de que o 100% do cadro de persoal - 62 traballadores no total - dera negativo nos test aplicados
na semana pasada. "Foi un momento moi importante de retomar forzas e
ilusión. Sabemos que estamos ben e iso quere dicir que as medidas están dando os seus froitos",
relata Rey, que asegura que eses negativos fixéronlles coller aínda
máis impulso para seguir traballando. No caso de Sanitas tomaron dende o
comezo da crise a "iniciativa de realizar tests a todos os residentes
que presentasen síntomas, por leves que fosen", igual protocolo que
implementan a traballadores. Ademais, no inicio da xornada cada
traballadora fai unha toma de temperatura para controlar a aparición de
síntomas.
O DÍA A DÍA: "EMOCIÓNS A FLOR DE PEL"
O tempo vai pasando, a vida nos centros continúa, e cada día supérase
"coma unha pequena vitoria", conta Celina. "As emocións están a flor de
pel" nestas xornadas difíciles nas que, a pesar de todo, "empezamos e
acabamos a quenda cun sorriso". "Somos conscientes de que as cousas
poden cambiar en calquera momento, pero afortunadamente hoxe en día a
situación está contida no centro", di calmada Celina.
Nestes días "de incertidume" vívense sensacións "encontradas".
Ao mesmo tempo que están "tranquilas" porque a organización funciona,
observan con "moita preocupación" os datos de novos contaxios e
falecementos que está deixando esta pandemia. "A carga emocional que
temos nas propias residencias é moi grande", conta Celina, que se lle
fai costa arriba non poder dar unha resposta certeira cando os seus
maiores preguntan cando van poder saír e ver as súas familias.
Situacións complicadas de xestionar nas que tamén bota unha man, cos
residentes e cos propios empregados, a psicóloga do centro.
A maior inquietude dos residentes é a saúde das súas familias.
"Están máis preocupados polos que están fóra ca polos de dentro", conta
Celina. Por iso mesmo, a comunicación co exterior por medio das redes é
un dos piares que tamén se viu reforzado neste contexto. Na Divina
Pastora as videochamadas vanse sucedendo en todas as habitacións cada
poucos días, igual ca en Sanitas, onde tamén facilitan información
personalizada a través dunha app para os familiares. Ademais, explican,
nesta residencia da Coruña comezaron a traballar con outra ferramenta a
través da que a familia deseña un álbum de fotografía que logo imprimen
no propio centro para dárllelo aos maiores.
Celina Rey pensa que "máis adiante" chegará o momento da "avaliación",
mais polo de agora, queda coa lección de vida que están dando as persoas
maiores: "Levan o confinamento dunha maneira admirable, con paciencia e
facilitándonos o día a día moitísimo. Son xente admirable, todo un exemplo de fortaleza", retama dicindo. " (Uxía Iglesias, Galicia Confidencial, 15/04/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario