6/7/20

Sanidade di que os positivos por COVID-19 non poderán ir votar o 12 de xullo. O BNG pide suspender as eleccións na Mariña ante "a dimensión do rebrote"

"O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, sinalou este domingo que as persoas que desen positivo por coronavirus non poderán ir votar nas eleccións autonómicas do próximo 12 de xullo, mentres que os contactos estreitos que estean en corentena si o poderán facer tomando medidas de precaución.

Nunha rolda de prensa na que anunciou o peche do distrito sanitario da Mariña durante cinco días a causa do brote de COVID-19 rexistrado na zona, que acumula 106 positivos, Almuiña destacou que os contactos son "persoas sas" que estiveron con algún positivo e ás que se lles fai un seguimento para ver se desenvolven síntomas. Han de permanecer illadas durante ese período.


"Esas persoas poden votar. Un contacto, evidentemente, pode votar", expuxo o conselleiro, que lembrou que o voto é "un dereito fundamental". "Pode, con máscara, ir ao colexio e volver a casa a continuar a corentena", concretou. "Un positivo non pode", dixo a continuación e sinalou que estes casos poderán ir ás urnas se superan o seu período de confinamento.


No caso de que alguén teña síntomas pero estea pendente do resultado da proba para comprobar se ten COVID-19, terá a consideración de "positivo" a efectos das restricións que se lle aplican."             (Galicia Confidencial, 05/07/20)


"O BNG pide suspender as eleccións na Mariña ante "a dimensión do rebrote".

 O BNG reuniu de urxencia á súa Executiva nacional este domingo e pediu a suspensión das eleccións na comarca, para a que a Xunta anunciou un peche polo brote de COVID-19, que entra en vigor ás 00,00 horas do luns e terminará o venres.
A formación propón esta medida ante a "dimensión" do rebrote, que afecta a un centenar de persoas (106 deron positivo ata agora e sete delas curáronse xa) e que provoca o confinamento de máis de 600, e "nun contexto no que falta un protocolo" por parte da Xunta. "A día de hoxe, Galicia segue sen ter un protocolo de actuación para afrontar un rebrote", insistiu.
A "única prioridade", manifestou o BNG, ten que ser "a saúde das persoas, atallar o rebrote e minimizar as súas consecuencias". Non se pode someter aos veciños da comarca ao "dilema de escoller entre a preservación da súa saúde" e o dereito ao voto, sinalou e reivindicou que os cidadáns "teñen dereito a exercer o voto coas máximas garantías de seguridade sanitaria".

Cando o brote estea "controlado e superado" será momento de "buscar a fórmula máis adecuada" para que os veciños dos 14 municipios afectados poidan exercer o seu dereito ao voto "con todas as garantías tanto democráticas como sanitarias", defendeu.

A formación que lidera Ana Pontón acusa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de actuar con "improvisación e irresponsabilidade" desde que comezou o rebrote, "primeiro tentando minimizar o problema e despois tratando de eludir a súa responsabilidade nos concellos".          (Galicia Confidencial, 05/07/20)

No hay comentarios: