7/7/20

Non ten moito sentido que Galicia pasase á fase de plena normalidade antes que Canarias ou as Baleares, así que parece probable, e moitos así se malician, que Pedro Sánchez estea xogando a carta da vitoria de Feijóo como modo de promover un líder alternativo, dentro do PP, a Pablo Casado

"(...) Non ten moito sentido que Galicia pasase á fase de plena normalidade antes que Canarias ou as Baleares, así que parece probable, e moitos así se malician, que Pedro Sánchez estea xogando a carta da vitoria de Feijóo como modo de promover un líder alternativo, dentro do PP, a Pablo Casado. 

Hai que dicir, honestamente, que, de converterse en líder da dereita española, Feijóo sería menos estridente e seguidor de VOX, menos aventureiro no plano económico, pero, case con toda seguridade, un competidor electoral máis temible. Feijóo está máis callado e experimentado como líder, entenderíase mellor co Ibex e, por suposto, non da ese aspecto de pimpín que adorna a Casado. 
 
Por iso, servidor, de ser Sánchez, non infravaloraría ao Presidente da Xunta. Ese erro xa o pagaron outros antes. Feijóo é, segundo fontes ben informadas, un killer político. O adxectivo é, ou quere ser, descritivo. Ata tres dirixentes do PP mo describiron así, por separado, en diversos momentos. Na súa boca era unha descrición lacónica. 

É unha fama que o acompaña e que, posiblemente, non lle prexudica, porque, nun político, ter fama de expeditivo resulta cool. Nun artigo no ABC Luís Herrero, despois de contar como se sentira usado por Feijóo, versionea o apóstrofe La política no mejora a los seres humanos. Como diría Michael Corleone, "no es personal, solo es negocio". 


Outra característica de Feijóo é a súa polisemia. Feijóo declarou nalgunha ocasión ter votado a Camilo Nogueira ou Felipe González, sen dúbida para mostrar que non é un sectario, pero non cabe dúbida de que chegou a onde está en brazos de Romay Beccaría e da parte máis rancia do PP galego. 

Alberto Núñez Feijóo só é intelixible no ámbito do xiro á dereita que impulsou Aznar e Aznar non veu ao mundo para unir senón para separar. Feijóo tanto agradece e recoñece o esforzo do Goberno central en relación á pandemia como denuncia á súa oposición por “bolivariana” ou apela a “parar a coalición entre o PSOE e o Partido Comunista”. 


Dende logo, hai varias versións de Feijóo dispoñibles no mercado. Tamén hai que dicir que a prensa galega colabora co seu presidente, sen dúbida por un exacerbado idealismo. 

Dígoo sen ironía, non sexa o lector malpensado, porque estou convencido de que o seu conservadorismo é profundo e sincero, máis aló dos beneficios materiais que podan obter.


Cando Feijóo se pon diante do micro, tanto dentro de Galicia como, sobre todo, nos medios radicados en Madrid, sabe modular a mensaxe. Nos de dereitas acentúa a nota dura, para que se lle note que é da casa, nos de esquerdas faise ou quérese facer simpático e moderado. En Galicia, tanto promete un AVE entre Lugo e Ourense, como fixo na campaña de 2009 e outra vez na de 2016, como anuncia a porta de saída da crise grazas aos investimentos de Pemex, e a promesa de construír 21 buques, despois da venda de Barreras, como fixo en 2012, ou promete un “xiro social” en 2016, contra toda evidencia dispoñible, ou se despacha e se queda tan a gusto, afirmando que o Sergas de 2009 no tería resistido á pandemia. Posto en modo electoral a Feijóo non lle gaña ninguén. 


En fin, unha dobre versión que remeda á que practicou outro Feijóo, propietario do Gran Circo Feijóo Compañía Internacional, Ecuestre, Gimnástica, Acrobática, Excéntrica, Cómica y Taurina que estaba integrada por corenta artistas, doce cabalos, dous bravos becerros e o popular burro cantor Rigoletto. No blog Del Berbés hacia arriba sobre historias de Vigo, debido a Jorge Lama, baixo o epígrafe El Gran Circo Feijóo pode lerse esta noticia: 


"El número principal de aquel espectáculo lo protagonizaba Secundino Feijóo en colaboración con su mujer, Francisca Salas. El artista-empresario salía a la pista con cuatro vacas amaestradas, que bailaban al son de su gaita. Dicen incluso que cuando salía al extranjero, Secundino se vestía con traje de luces y renombraba a las vacas como toros. 'Maniobraba al compás de un pasodoble solemne y pomposo', se podía leer en un periódico de la época".             (Antón Baamonde, eldiario.es, 24/06/20)

No hay comentarios: