21/11/22

Prensa Ibérica, propietaria de Faro de Vigo, faise con El Correo Gallego por 1,6 millóns de euros

"O xulgado considera que a oferta do grupo de comunicación blinda a continuidade da actividade e o cobro das débedas aos acredores e pon en dúbida a solvencia da oferta presentada por ACCA Media, Numancia Capital e Blecua Capital algúns de cuxos directivos teñen procesos pendentes.

O xulgado do Mercantil número 2 da Coruña outorgou a venda ao Grupo Prensa Ibérica por 1,6 millóns de euros de Editorial Compostela, titular da cabeceira santiaguesa El Correo Gallego, ao considerar que a súa oferta no proceso concursal garante a continuidade da actividade e o cumprimento cos acredores.

Nunha sentenza emitida este xoves, o xulgado ratifica a decisión da administración concursal que declinou a balanza en favor do grupo de comunicación propietario de cabeceiras como Faro de Vigo e La Opinión ao determinar que a súa oferta era mellor que a outra en liza, promovida polas empresas ACCA Media, Numancia Capital e Blecua Capital.

A maxistrada determina que a proposta de Prensa Ibérica "supón un gran beneficio para os intereses dos acredores" e constitúe "o único sistema posible para a continuidade da actividade empresarial". A "maior solvencia" económica, a experiencia no sector, a forma de pago ou o prezo superior ofrecido respecto da outra oferta son os factores que sinala o xulgado como elementos crave para outorgar a compra a Prensa Ibérica.

E é que a sentenza recolle que ningunha das tres sociedades que conforman a outra oferta presentada na poxa leva a cabo "unha actividade en prensa diaria", á vez que resalta que unha destas empresas --ACCA Media, a que asumía maior compromiso na compra co 50% do total-- ten o mesmo domicilio social que Editorial Compostela.

A documentación presentada por esta empresa e que recolle a sentenza reflicte que conta cun capital social de 3.005 euros e un persoal de 450 traballadores, algo que a maxistrada non considera acreditado. Ademais, apunta que outra das compañías --Numancia Capital-- non achegou as contas anuais "de ningún exercicio".

A unión deste tres entidades para facerse co Correo Gallego contaba co respaldo da cabeceira La Voz de Galicia, tal e como informu Galicia Confidencial, que mostrara durante a poxa o seu compromiso de colaboración no caso de que se fixesen co control da cabeceira compostelá fundada en 1878.

OFERTA ECONÓMICA E TRABALLADORES

A resolución xudicial incorpora o resultado das votacións levadas a cabo entre o persoal de El Correo Gallego, integrada na actualidade por 46 empregados --aos que se suman outros 15 contratados a través dunha empresa de traballo temporal-- e que apoiou de forma maioritaria a oferta promovida pola unión do tres compañías. Con todo, e tal e como informou GC, houbo diferencias entre as votacións no persoal de ETT e no da plantilla.

Con todo, o xulgado determina que a de Prensa Ibérica, da que destaca que "achega as contas anuais depositadas e auditadas sen tachas do últimos tres exercicios", é a proposta que "garante en maior medida" a continuidade dos postos de traballo.

Ademais, establece na súa resolución, contra a que cabe recurso de reposición nun prazo de cinco días desde este xoves, que a súa oferta económica é superior á do outro puxante, posto que a interpretación da proposta no escenario "máis favorable" cara a estes últimos resulta, en todo caso, un 15% inferior á presentada polo grupo gañador da poxa."                   (Galicia Confidencial, 17/11/22)

No hay comentarios: