"O presidente do Colexio oficial de Médicos de Pontevedra, Isidro Lago, presentou a súa dimisión como presidente do Consello Galego de Colexios de Médicos. Esta é a segunda dimisión dun alto cargo do Sergas tras anunciar este martes a súa marcha o xefe de Pneumoloxía do CHOU.
A decisión enmárcase nas desavinzas que a entidade mantén coa Consellería de Sanidade despois
de que o pasado 21 de decembro o Pleno da Xunta Directiva do Colexio
oficial de Médicos de Pontevedra ratificase por unanimidade a súa
decisión de manter rotas todo tipo de relacións con esta Consellería.
Este mércores, nunha rolda de prensa, Isidro Lago anunciou publicamente
unha decisión que onte martes xa comunicara a cada presidente dos
respectivos colexios das outras provincias tras a reunión que mantiveron
co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Segundo comentou
Lago, "os presidentes do Consello solicitáronme de forma insistente que continúe no
cargo", no que de momento ten que seguir en funcións, tal e como
establecen os estatutos, en espera de facelo efectivo na próxima reunión
deste órgano.
Este mércores explicou que é "unha incongruencia" estar á fronte do Consello dada a postura que defende a entidade en Pontevedra.
De modo que "tras meditalo moito, co apoio da Xunta Directiva de
Pontevedra" presenta a súa disimión para que esta situación "non
prexudique" a ningunha das dúas entidades.
RUPTURA
Isidro Lago lembrou que o pasado 23 de novembro a entidade colexial
pontevedresa acordaba unanimemente romper todo tipo de relación coa
consellería de Sanidade apuntando que "estabamos dispostos a retomar os
mecanismos de comunicación ao noso alcance en aras ao ben común".
"Puñamos a esperanza", indicou Lago, na reunión que celebraron o 29 de
novembro entre o Pleno do Consello Galego de Colexios de Médicos e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda que estivo acompañado polo conselleiro e a directora xeral do Sergas.
"O señor conselleiro logrou facer dunha produtiva e cordial reunión co
presidente da Xunta, un fracaso persoal", asegurou Isidro Lago. "O fracaso que supuxo a actitude do conselleiro foi tanto pola pobreza das súas achegas á
mesma, como polas súas declaracións inmediatamente posteriores" que a
xuízo do presidente do Colexio de Médicos de Pontevedra "non parecen ser
produto da espontaneidade, máis ben dunha elucubración previamente
estudada".
Esas declaracións, nas que Comesaña dixo que os colexios querían pechar puntos de atención continuada (PAC),
xa foron desmentidas tanto polo Consello Galego pola súa "falsidade"
como polo propio presidente da Xunta, o que "roza xa unha auténtica
deslealdade, pois quedou meridianamente claro na citada reunión, as
cuestións que pola súa complexidade non se tratarían posteriormente en
rolda de prensa".
"Existen dúas realidades, as que ve o conselleiro e o seu equipo, e a realidade que percibimos os médicos e pacientes", apuntan para xustificar a decisión de manter rotas todo tipo de relacións coa Conselleria de Sanidade aínda que as mantén coas áreas sanitarias da provincia de Pontevedra e os seus xestores, que "aínda sendo cargos inferiores, son profesionais cualificados".
RETOS DE FUTURO DO CONSELLEIRO
Pola súa banda, a redución das listas de espera nas intervencións
cirúrxicas, consultas e citas diagnósticas aos tempos previos á pandemia
é o gran obxectivo marcado para 2023 nos acordos de xestión do Servizo
Galego de Saúde (Sergas).
Así o indicou este mércores o conselleiro durante en acto de firma dos
convenios co sete áreas sanitarias galegas, celebrado na propia
Consellería en Santiago. Comesaña explicou na súa intervención que a actividade cirúrxica "segue resentida en España", pero "Galicia atópase na boa dirección".
Deste xeito, puntualizou que Galicia conta co cuarto mellor tempo de
espera cirúrxico, con 75 días, de acordo cos últimos datos do Ministerio
de Sanidade. Mentres, nunha primeira consulta, Galicia está en quinta
posición, ao presentar 55 días de espera media, 24 menos que a media
española.
O conselleiro de Sanidade recalcou que estes "son mellorables" e que o obxectivo é "recuperar as cifras de 2019,
que foron as de mellor rexistro histórico". Así, lembrou que o tempo
medio de espera global ese ano era de 42 días no caso das probas e
consultas, e de 54 días, nas intervencións cirúrxicas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario