26/3/24

A macrocelulosa que proxecta Altri na Ulla, unha ameaza social e medioambiental

 "Por se quedasen dúbidas, a publicación no Diario Oficial de Galicia do macroproxecto que o grupo portugués Altri ten a intención de poñer en marcha en terreos de Palas de Rei confirma as súas características, tendo por principal obxectivo a produción de celulosa -algo que a empresa veu ocultando ata agora- e secundariamente lycocell (fibras textiles a base de celulosa). A firma promotora en Galicia será a filial de nova creación Greenfiber S.L, participada por Altri (75%) e Greenalia (25%), empresa en cuxo consello de administración figura a ex conselleira de Medio Ambiente con Feijóo, Beatriz Mato.

Sabéndoo ou non, a Xunta declarouno (decembro de 2022) proxecto industrial estratéxico. Dándolle así o apoio institucional que precisaba a empresa para acollerse ás subvencións Next Generation EU (uns 250 millóns de diñeiro público). Da documentación aportada pola empresa podemos concretar as súas características.

A factoría ocupará 366 hectáreas na área da Vacariza (Leira de Quintas, parroquia de Remonde, Palas de Rei), dez veces máis do que ocupa a celulosa Ence en Pontevedra. A autodenominada “biofábrica” contará cunha capacidade final total de produción de 400.000 toneladas de celulosa ao ano e de 200.000 toneladas de lyocell. Isto requirirá unha potencia de consumo eléctrico de 110 megavatios, unha captación de 46.000 m³/día de auga (16 hm3/ano) e un permiso de vertedura industrial ao río Ulla de 30.000 m³/día de augas residuais previamente tratadas. Nunha primeira fase a empresa anuncia unha produción de 250.000 t/ano de celulosa e 60.000 t/ano de lyocell. Nesa fase inicial estímase un procesado de ao redor de 1,2 millóns de toneladas de eucalipto (Eucalyptus globulus e nitens) ao ano, o que implica que a pleno rendemento a súa capacidade de procesado chegaría a 2,4 millóns de toneladas (en 2022, Galicia cortáronse 6,2 millóns de toneladas). A produción final de celulosa requirirá 31.000 m³/día de auga e a de lyocell 15.000 m³/día de auga.

A empresa tamén prevé emisións de xofre reducido total, óxidos de xofre, óxidos de nitróxeno, monóxido de carbono e material particulado, para o que se instalará unha cheminea de 75 metros de altura como único foco emisor do forno de cal, a caldeira de recuperación, a de emerxencia e a de biomasa. Por establecer unha comparación, Ence en Pontevedra ten unha capacidade de 515.000 toneladas de celulosa ao ano, mentres que a da planta de Navia (Asturias) é de 685.000 toneladas ao ano. En total 1.200.000 toneladas, do que exporta o 92-95%, especialmente a países do norte de Europa. Polo que respecta ao procesado de eucalipto, Ence procesa aproximadamente 1,8 millóns en Navia e 1,3 millóns en Pontevedra. A elección desta localidade tivo como base, segundo a empresa, a dispoñibilidade de recurso forestal, auga e terreos. O investimento anunciado no Diario Oficial de Galicia é de 900 millóns de euros e a concesión de augas do río Ulla prevese a 75 anos.

A contestación social

Un megaproxecto desta natureza en pleno corazón do país, nunha zona que pola súa singularidade foi proposta pola Xunta, tanto no 2008 como no 2011, para ampliar a Rede Natura 2000, que comporta ademais de entrada unha ameaza para o ecosistema e os recursos naturais, especialmente en relación co altísimo consumo de auga e cos vertidos contaminantes no río Ulla, espertou tódalas alarmas. A suposta compatibilidade entre a factoría e o medioambiente/conservación de especies e do patrimonio natural que predican os portavoces da empresa non se ve por ningunha parte. E por iso se constituiu a Plataforma Ulloa Viva, que está levando a cabo un gran traballo de concienciación entre a veciñanza da comarca e concellos limítrofes, e tamén en foros de todo o país galego. Máis concretamente en zonas que se van ver indirectamente afectadas pola máis que previsible contaminación das augas do Ulla, por caso, cantos viven da extracción marisqueira na ría de Arousa.

Ese rexeitamento véñeno manifestando tamén os diferentes grupos ecoloxistas. Fronte ao apoio sen fisuras tanto do presidente Rueda (“os que critican o proxecto esconden outros intereses”, dixo na súa habitual maneira de botar balóns fóra) e do PP (cos alcaldes dos concellos felicitándose en bloque pola iniciativa empresarial), o BNG asegura que á vista das súas características agora desveladas o proxecto é “unha bomba ambiental no corazón de Galicia”, e anuncia mobilizacións para impedilo. Está tomando corpo, ademais, un movemento transversal de contestación no país, cunha forte presenza nas redes sociais, pero tamén aproveitando a celebración de eventos como sucedeu durante a gala dos premios de teatro “María Casares”.

A organización ecoloxista Adega denunciou a Altri por “ocultar información” para impulsar a súa planta de celulosa en Palas de Rei. E pormenoriza os efectos destrutivos que, de seguir adiante coa implantación da factoría, vai producir tanto no ámbito social como no ambiental.

Outras organizacións ecoloxistas como Greenpeace, Ecologistas en Acción, Amigos de la Tierra, SEO BirdLife e WWF elaboraron un amplo informe no que describen os grandes riscos que esta macrocelulosa comporta para a cidadanía e para o medio natural das terras da Ulla. Enumerámolas de seguido:

  1. Afectación directa á Rede Natura 2000 (ZEC Serra do Careón e outros) e os proxectos de ampliación da mesma.
  2. Afectación directa a especies endémicas e especies en perigo de extinción.
  3. Excesivo consumo de auga sen valorar os efectos futuros do cambio climático.
  4. Vertedura de augas residuais tratadas ao río Ulla, coa consecuente afectación a toda a conca e á ría de Arousa (incluído o ZEC Sistema fluvial Ulla-Deza e o Parque Nacional dás Illas Atlánticas) e os seus sectores produtivos.
  5. Potenciación do modelo de eucaliptización do territorio (afectación á biodiversidade e incremento do risco de incendios).
  6. Fomento dunha cadea produtiva da madeira de baixo valor engadido.
  7. Posta en perigo de proxectos e iniciativas xa existentes de desenvolvemento agroecológico na comarca.
  8. Afectacións patrimoniais (Camiño de Santiago).
  9. Fomento da industria da moda rápida.
  10. Emisións contaminantes á atmosfera e emisións indirectas (transporte, etc.)"

(Carlos Montenegro, Tempo Dixital, 24/03/24)

No hay comentarios: