18/1/13

A Xunta gasta case 300.000 euros para manter a tramitación de expedientes

"Altia faise cun novo contrato do Goberno galego. Esta empresa xunto con Atos Origin, Indra, Plexus ou El Corte Inglés levaron a maior parte dos 37 millóns de contratos informáticos nos últimos tres anos. 

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) non fai máis que adxudicar contratos nas últimas semanas. E os de máis orzamento van a parar, case sempre, para as mesmas empresas.
Se hai uns días informabamos de que a Xunta lle adxudicaba a actualización do portal para as entidades locais de Galicia á empresa da que é apoderada a sobriña de Romay Beccaría, Atos Origin, por case medio millóns de euros, agora tócalle o turno a Altia, outra das empresas máis beneficiada por contratos informáticos nos últimos anos.
E é que, desta volta a Amtega acaballe de axudicar a esta compañía o "servizo complementario de soporte e mantemento dos sistemas de tramitación de expedientes administrativos e presentación en rede" da Xunta por un importe de 284.000 euros, sen IVE.
É o segundo contrato que recibe en menos de dous meses. A finais de novembro, Amtega destinaba 741.355 € a Indra para dar soporte a varios sistemas, 307.800 máis a Indra para dar soporte ao correo electrónico e 1.619.703 a Altia para mantemento e licenzas de bases de datos e aplicacións. 
A maior parte deles son contratos a dedo. A Xunta de Galicia tamén xa lle deu, cando menos, cinco contratos a Atos Origin por esta vía dende que goberna Alberto Nuñez Feijóo, ademais doutros por procedementos regrados. Nos últimos catro anos, a consultora logrou en total máis de 4.5 millóns da administración autonómica.
Precisamente, Indra, Atos, Altia, Plexus o El Corte Inglés son as empresas que máis se teñen beneficiado dos contratos informáticos da Xunta. Nos últimos 3 anos e medios foron case 37 millóns de euros que a Xunta destinou a maior parte destas empresas. Neste mesmo período, foron máis de 4.000.000 € os destinados a licenzas de software privativo coas grandes multinacionais como Microsoft.
Este tipo de contratos xa foron denunciados pola CIG-Administración que reclamou un estudo para saber se as subcontratas son realmente para facer unha labor puntual ou para realizar tarefas estruturais da Administración, o que podería dar lugar a cesión ilegal de traballadores.  
O colectivo denuncia a "sorte incrible na lotaría de contratación pública coa Xunta, en concreto coa Amtega, onde traballan conxuntamente coas traballadores públicos decenas de asistencias técnicas".       (Galicia Confidencial, 16/01/2013)

No hay comentarios: