22/1/13

Despidos na Voz e 15 millóns á directiva en 4 anos

"A dirección de La Voz de Galicia está intensificando a súa política de reducción de traballadores a pesares de ser o medio que máis cartos públicos recibe por parte da Xunta de Galicia, máis de 10 millóns na primeira lexislatura de Feijóo.
O Comité Intercentros e o Comité da Corporación Voz de Galicia denuncian que dende 2008 a empresa despediu 122 traballadores, recortou os salarios do persoal e comezou a aplicar unha política de presións e amoestacións, mentres que os membros da súa dirección repartironse 15 millóns de euros en dividendos, retribucións e indemnizacións. 
Reparto de dividendos
Así, lembran que os directivos e administradores desta empresa levan repartido no período 2008-2011 un total de 7.382.837€ en dividendos, incluso coa empresa entrando en perdas, mentres as indemnizacións e retribucións da alta dirección foron de 8.291.875€. En total, 15.674.712€ en catro anos. "Son datos auditados; quen queira pode comprobalo. En definitiva: sáennos moi caros para o que fan", sinalan.
Por iso, veñen de denunciar as políticas laborais que está a practicar a dirección porque, a pesares dos axustes realizados, a empresa continúa despedindo e abrindo expedientes sancionadores ao persoal. 
Presión a traballadores
O último destes episodios tivo lugar o pasado venres, cando a empresa comunicoulle a dúas traballadoras de Santiago que ben optaban por baixarse o salario e a xornada as dúas nun 30% ou despedirían a unha delas, dándolles un prazo unicamente de 48 horas para se decidir. 
"Se a razón para facer semellante cousa é que «con unha administrativa chega», cómpre que comecemos a pensar con cantos directivos e directivas nos chegan a nós para que a empresa continúe polo camiño que a levan os actuais xestores", denuncian os comités. 
Produto de baixa calidade
A representación dos traballadores tamén lle llembran á dirección que deberían ser conscientes "de que non é posíbel facer o mesmo produto con tan pouca xente por moito que utilicen medidas de presión como a recente apertura de expedientes ou amoestacións a compañeiros por non poder asumir a maior carga de traballo".
Así, critican que os "sacrificios" laborais caian sobre un cadro de persoal que hai ben pouco asinou un convenio até 31 de decembro do 2014 no que xa se asumían grandes recortes e reducións de postos de traballo."             (Galicia Confidencial, 17/01/2013)

No hay comentarios: