"Hai datos obxectivos que me fan ser optimistas, aínda que falte moito.
Con medidas adecuadas, e nun período de dez ou quince anos, Galicia ten
un enorme potencial para se converter nunha área produtora de alimentos
de calidade e con moi boa saída ao mercado no conxunto de Europa, pero para confirmalo hai que ter unha estratexia desde os poderes públicos e valentía á hora de aplicar as medidas",
di Edelmiro López, profesor titular do Departamento de Economía
Aplicada da USC e ex director xeral de Desenvolvemento Rural na Xunta,
que lembra que o abandono do campo estase a frear desde a chegada da
crise.
"Non é que o rural estea mellor, senón que as oportunidades de traballo
noutras actividades se reducen", explica. O feito é que o número de
persoas que traballan no sector agrogandeiro segue diminuíndo, pero pola
xubilación dos máis vellos e non polo abandono dos novos.
Nos últimos
anos, o número de persoas de menos 40 anos traballando en explotacións
non baixa. "Cando a xente podía gañar 3.000 euros na construción
nas Canarias, era difícil convencelos para que quedasen, pero nesta
situación son moitos os que aguantan e incluso hai casos puntuais de
xente nova que o intenta de cero", engade López, que cre que
aproveitar esta mala etapa para reactivar o rural dependerá agora "de
que se apliquen políticas públicas axeitadas para mellorar as condicións
do traballo no agro".
O traballo é duro e os atrancos moitos nun país que pasou de ser
eminentemente rural a situarse na media da UE en canto á actividade
agrícola. Pero hai moita leira por sachar. (...)
Os problemas, xa que logo, son claros. Edelmiro López resúmeos en
varios puntos: o demográfico, cunha falta evidente de relevo xeracional e
unha poboación envellecida; a baixa produtividade das explotacións e a
volatilidade dos prezos; a falta de desenvolvemento dunha industria
agroalimentaria forte; a continuidade dun balance agroalimentario
deficitario; e, por riba se cadra de todos, o problema da terra.
Ese é o problema estrutural básico do sector agrario galego, tanto no
que se refire ás deficiencias na base territorial das explotacións,
cunha reducida superfice e unha enorme fragmentación parcelaria; como en
canto aos enormes desaxustes ou deficiencias nos usos do solo. Un só
dato: a superficie agraria utilizada (SAU) por explotación en
Galicia sitúase nas 8,5 hectáreas, pouco máis dun terzo da media estatal
(24,2 ha) ou da da UE dos 15 (22 ha).
Así, o reto urxente para o agro galego, tal e como aclara Edelmiro
López, é lograr arranxar o problema que supón "que a terra estea
dividida entre máis dun millón e medio de propietarios cando hai menos
de 50.000 explotacións agrícolas profesionais". Se hai que resumir as
propostas urxentes para o sector, este experto teno claro.
"Hai
que facilitar o acceso aos factores de produción para poder montar unha
explotación; no caso galego, esta cuestión fundamental ten que ver coa
terra", asegura.
"Isto só pode funcionar se establecemos mecanismos a través dos
cales aquelas terras que non se traballan, e sen tocarlle á propiedade,
poidan ser postas a disposición mediante o arrendamento
daqueles que si as queren traballar", engade, tras aclarar que esta
actuación debería ir moi ligada tamén "á cuestión dos usos da terrra e a
conseguir unha ordenación axeitada que non permita o abandono ou a
plantación masiva de terras con piñeiros e eucaliptos".
Pero tamén se precisa que aqueles que queiran quedar no agro "teñan
unha retribución digna polo seu traballo". "Isto lévanos ás políticas
agrarias e ás políticas agrarias que contribúan a estabilizar os prezos,
cortar a especulación e recuperar certa regulación pública", indica
López, que aclara que para obter prezos dignos non só se precisa
esa mínima regulación pública dos mercados agrarios, senón tamén "un
cambio de chip" tanto nas administracións como na sociedade galega.
"Debemos centrarnos en producións especializadas e con valor engadido e
menos nas producións estandarizadas", asegura, apostando polo apoio ás
denominacións de orixe ou ás marcas galegas recoñecidas e de calidade.
"Por
poñer un exemplo, non é o mesmo producir leite indeferenciado, co que
só podemos competir vía custos cunha marxe moi baixa para o produtor,
que adiantarse e apostar por queixos diferenciados, leite de calidade, iogures ou batidos", insiste.
"Hai condicións para darlle a volta a todos estes problemas,
pero as solucións non caen do ceo, senón que hai que buscalas e
construílas", di Edelmiro López, que cre que o primeiro paso
debe vir tamén da sociedade e de "deixar de asociar o rural ao atraso e a
pobreza para velo como un medio e un piar clave do desenvolvemento
económico do país". "Primeiro hai que crelo e logo adoptar as medidas
axeitadas para logralo", di.
"A sociedade galega debe ser consciente de que o rural non é un
problema, senón unha grande oportunidade de futuro; debemos crer no seu
potencial e ser exixentes cos que nos gobernan, sexan quen sexan", di.
Pero non o hai.
"O Exectuvio non ten proxecto e o que busca é maximizar os votos e manterse no poder;
no tema da terra, por exemplo, habería que ser valentes e tomar medidas
aínda que teñan custo elecdtoral; se non é así, acabaremos cunha terra
xestionada por funcionarios ou ardendo cando lle toque", remata." (Praza Pública)
No hay comentarios:
Publicar un comentario