"Após incrementar a partida destinada a docentes de relixión nos
orzamentos de 2013, até a equiparar, con 27,7 millóns de euros, ao que
custa o mantemento dos comedores escolares, a consellaría de Educación
está a utilizar o profesorado de relixión para impartir outras materias.
A denuncia vén de facela pública CIG-Ensino, considerando "gravísima"
a "actitude prevaricadora" alentada polo departamento que dirixe Jesús
Vázquez. Segundo tivo coñecemento a central sindical, nalgúns casos
est@s docentes ocupan o 50% do horario impartindo outras materias, como
acontece no CEIP Doiras, no concello de Cervantes.
Acrecenta o sindicato que a inspectora deste centro público, Celsa
González, non só non mostrou a súa disposición a corrixir esta
irregularidade senón que informou de que non é esta a única escola onde
profesorado de relixión dá aulas doutras materias do currículo.
Tal comportamento, que se dá namentres a consellaría despide
profesionais interin@s das diferentes especialidades, amosa "a deriva
confesional e ideolóxica que o PP pretende transladar" ao ensino "máis
aló da lexislación vixente, xa de por si fornecedora do adoutrinamento
relixioso". CIG-Ensino solicitará da Xunta os horarios académicos de
todo o territorio lucense para comprobar que a "ilegalidade" foi
corrixida. (...)
Comparando a relación de postos de traballo do profesorado contratado
para dar aulas en infantil e primaria co número de unidades nos colexios
da Galiza e a proximidade entre estas, sobrarían ao redor de 50
mestr@s, e ningunha del@s imparte as horas lectivas que cobra.
Por derradeiro, os perto de 28 millóns de euros destinados á educación
relixiosa supoñen un investimento catro veces maior daqueloutro
realizado para o fomento do galego (7,4 millóns) e dúas veces maior que o
reservado para libros de texto." (Sermos Galicia, 13/03/2013)
No hay comentarios:
Publicar un comentario