"O concello de Melide, gobernado polo PP, afronta a grave crise
económica coa construción de dúas pistas de padél, un deporte
minoritario en Galicia. Para iso, destinará 56.550 euros, a maior parte
deles con fondos europeos.
Será a Deputación da Coruña a que poña a maior cantidade de diñeiro. En
total, 50.000 euros. O concello aportará 6.500 euros. Estas dúas pistas
súmanse a outras dúas que xa ten o concello. Estas infraestrutras,
segundo a web municipal do concello, pódense reservar no pavillón
polideportivo entre as 17 e as 22.00 horas.
"Alí, contactando co técnico
responsable do pavillón municipal, poderase solicitar reserva con dous
días de antelación, ou incluso con tres no caso de que a reserva se faga
un venres para xogar o luns", recolle esta web. (...)
Non é a primeira vez que institucións gobernadas polo PP adican fondos europeos
para, entre outras cousas, á construción de pistas de deportes moi
minoritarios nas aldeas. A final do pasado ano, Agader destinaba 4,5
millóns, en teoría, a "servizos básicos para a economía e a poboación
rural". Na relación de iniciativas subvencionadas sorprendían os máis
de 423.104 en pistas de pádel.
Estas axudas foron para varios concellos rurais, cun número potencial
de xogadores ínfimo. Para as canchas o Concello de Vilamarín foron
70.000 euros, para Mañón 109.000 (esta cantidade inclúe outras
infraestruturas), Forcarei 53.000, Rodeiro 19.000, Santa Comba 28.000,
Muros 70.000 e Cabanas 74.000.
Unha circunstancia que denunciou a asociación ecoloxista ADEGA.
"Curioso concepto o que a Xunta ten do desenvolvemento rural en xeral e
dos servizos básicos para a poboación en particular", argumentaba con
retranca a maior asociación ecoloxista do país." (Galicia Confidencial, 17/04/2013)
No hay comentarios:
Publicar un comentario