"F.M.F.C., que mantivo unha relación coa concelleira de Santiago Rebeca Domínguez, denuncia que dous policías o amenazaron para que se marchase da cidade, segundo figura nunha declaración presente nas dilixencias previas 5542/2013.
Nestas dilixencias, o Xulgado Número 1 de Santiago imputou a sete
concelleiros de Compostela e por aprobar o pagamento da defensa do edil
Adrián Varela para o caso Pokemon.
Na súa declaración nos xulgados, F.M.F.C. dá detalles sobre presuntas
irregularidades nas contratacións de varias áreas do Concello de
Santiago, da liorta interna do PPdeG ao fío do caso Pokemon e da vida
privada dos concelleiros. Con todo, dende o punto de vista penal, o máis
grave son as presuntas ameazas realizadas por dous individuos que se lle identificaron como policías.
F.M.F.C. relata que quedara con Domínguez para que lle devolvera un
cargador de iPod tras romper a relación a finais de 2013. Á cita non
acudiu a política, senón dúas persoas que lle pediron a documentación e
identificáronse como policías. Posteriormente amenazárono con que debía
“desparecer” de Santiago para evitar “tener problemas”.
Un dos presuntos policías identificouse cunha placa. Na comparecencia xudicial, os funcionarios de Xustiza amosáronlle varios modelos de placas,
e a testemuña declarou que o modelo que máis se parecía é o de Policía
Local. A testemuña asegura que coñecía a unha desas persoas que o
ameazaron de vista.
Coñecíao dunha das reunións que celebraban
concelleiros e destacados dirixentes do PP na casa de Domínguez e da
tamén concelleira María Castelao, para coordinar a súa defensa nos casos
derivados da Pokemon. Os presuntos policías tomaron nota da matrícula
do coche da testemuña e negáronse a dar os seus nomes.
Tras as ameazas, o médico de 33 anos F.M.F.C. decidiu volver ao seu Portugal natal
e poñer en coñecemento da Xustiza o sucedido. Na súa comparecencia nos
xulgados en decembro, relatou ademais varias presuntas irregularidades
na contratación pública do Concello de Santiago.
Por exemplo, sobre a súa imputación da súa ex-parella na Pokemon, F.M.F.C aseguroulle que Domínguez admitiulle ter cambiado algunha folla, pero descargou a responsabilidade desta acción noutras persoas,
que lle terían colocado os documentos diante para asinar. Isto é
coherente do que trascendeu da declaración da concelleira de
Normalización nos xulgados.
Domínguez está imputada na Pokemon por
supostamente asinar o pago a Vendex dunhas facturas de xeito irregular.
Segundo informou La Opinión, a moza declarou nos xulgados que o fixo por presións do alcalde Ángel Currrás.
Currás e Domínguez, malia que forman do mesmo goberno, pertencen a dous
bandos enfrotados a morte dentro do PP. De feito, a testemuña asegura
que a concelleira lle contou que foi o propio Currás, a través dun militante do PP, quen promoveu a denuncia inicial pola que finalmente sete dos seus concelleiros foron imputados polo Xulgado Número 1 de Santiago.
F.M.F.C. tamén contou nos xulgados que a cadea Leroy Merlin realizou regalos e festas tanto
para Domínguez como para a súa compañeira María Castelao, concelleira
de Servizos Sociais.
A testemuña asegura que Castelao lle pasou a
Domínguez varios orzamentos para as festas infantís do Nadal e que as
propostas eran descartadas ou tidas en conta en función de se a súa
ex-moza coñecía ou non aos empresarios ofertantes. Por último, asegura
que a súa ex-moza tamén se ofreceu a quitarlle multas municipais.
Sobre a imputación dos sete concelleiros de Santiago por aprobar
pagarlle a defensa na Pokemon ao concelleiro de Deportes Adrián Varela,
F.M.F.C dá numerosos detalles sobre reunións entre destacados dirixentes
do PP galego cun dos bandos dos conservadores santiagueses. GC
informará sobre estas reunións nos vindeiros días.
A testemuña tamén contou a Xustiza algúns datos sobre a vida
sentimental de varios membros do Goberno de Santiago. GC non publicará
esta información porque, malia que axuda a entender a guerra civil dos
conservadores santiagueses, considera que eses datos pertencen á esfera exclusivamente privada.
Para dar credibilidade a súa versión, F.M.F.C. aportou ao xulgado
fotos, sms, whatsapp e correos electrónicos que proban que efectivamente
mantivo unha relación con Domínguez.
GC ofreceu a Domínguez, Castelao e ao Concello de Santiago dar a súa
versión sobre os feitos relatados pola testemuña presuntamente ameazada
polo Policía, pero este medio só obtivo resposta polo de agora de fontes próximas a Domínguez.
Estas fontes argumentan que todo se trata dunha reacción propia dun
momento no que rompe unha relación e negan todas as acusacións lanzadas
por F.M.F.C contra Rebeca Domínguez, que prefire non rebater polo miúdo
tales acusacións. (...)" (Galicia Confidencial, 23/03/2014)
No hay comentarios:
Publicar un comentario