5/5/14

Cariño reivindica un dialecto propio a través da «Pixínpedia»


«Aljén tiña que facelo aljún día. Aquí vos deixo máis de cen entradas de termos que se usan en Cariño e arredores e que tiñan que ser recompilados antes de que se perderan. Sejuramente faltaravos aljún e sobraranvos outros. 

Espero que participedes para, entre todos, ir reunindo unhas palabras que non veñen no dicionario jallejo, pero que para min son do máis correcto, sobre todo porque para moitas non hai outra que as substitúa». 

Esta é a declaración de intencións coa que Xohán Docal, pixín [así se coñece aos cariñeses] de 47 anos, abriu a páxina de Facebook da Pixínpedia, no ano 2011. Ronda os 500 termos desta variante dialectal, «ou o que sexa». Vai unha mostra.

Abolito. Avó, avoa.
Acabar de andar ao mar. Morrer.
Afebillar. Dar unha xota ou incluso matar.

Aljarear. Facer barullo. Cando na tarrafa dás chaves e acendes as luces a sardiña aljarea e, por extensión, a xente.

A meia do demo. Dise da persoa que afirma que algo non lle gusta despois de dicir que lle gusta moitísimo.

Amoado. Recheo da empanada, cando o fas na casa para mandar facerla ao panadeiro.
Andaravilla. Muíño de vento, xujete dos nenos ou eólico.
Cantar Karina. Que vai mandar carallo co tempo.
Caldeirada. Cando vés a maior parte da ruta con moito mar.
Carpantada. Cantidá jrande.

Cilinjrar ou ir á cilinjra. Bojar cun remo só pola popa.

Coca. O nome dado ao cormorán. Vén da coca tarasca, tamén cuca fera, ser mitolóxico con corpo de dragón e pescozo de serpe moi popular na Idade Media e parecida a esta ave mariña.

Concuño. Concuñado.
Correr o semblante. Haber vento en altura ao devalar moito as nubes.
Chanfuliqueiro. Chapuceiro. Chanfulicada. Chapuza, arjallada. Chanfulicar. Resolver as cousas.

Chorrada. Pesca excepcional. Pronúnciase con o moi pechada, case u. Traer unha chorrada: pescouse moi ben. Facer unha chorrada: vendeuse moi ben.

Durmixiar. Sono lixeiro, pouco profundo.
Escaldación. Ardores de estómajo. «As sardiñas déronme escaldación toda a noite».
Esparejada. Período indeterminado de días. «Botou unha esparejada sen vir por aquí».

Facer merios e imperios. Expresión irónica sobre o moito que fixo un e non era tanto.
Farjañada. Abundante en número. «Friteu unha farjañada de chinchos e aínda así non chejaron. Había unha farjañada de xente».

Fojeiras. Andando á ardora, cando se vía alumear un cardume de peixe, se era tan jrande que alumeaba todo o mar dicíase que ía un «blanco» de peixe

Jodechinchos. Mejicano (turista) que vai pedir peixe aos barcos da tarrafa.
Joder a pavana. Incordiar.
Jolear. Beber ou comer de maneira compulsiva.
Jórjola. Burbulla.

Lanjranismo. Ser lanjrán. Unha maneira de vivir e case un movemento filosófico en Cariño.

Larear. Cando unha comida ten demasiada sal ou picante dise que larea.

Larjar ao chou. Cando non había sistemas de localización do peixe, larjar vendo tirarse o mascato. Agora, larjar nun sitio novo con calquera aparello para probar. Adaptación do verbo inglés to show (amosar).

Larjar a peixe visto. Intentar pescar onde xa pescaron. Fig. Intentar unha xujada que a outro lle saíu ben.

Madroco. Último estadio dunha jran borracheira.
Manjorro. Intestino do polbo. Tamén aplicado ao aparato xenital masculino.

Matar a mar a paus. Cando aljén intenta facer un traballo desproporcionado ás súas posibilidades ou que está fóra de lugar ou tempo.

Pajar o pandote. Pajar por todos.
Papar a jaia. Estar sen facer nada, (dolce far niente).
Parecer de Fijeiroa. Dicir que te vas, que te vas, e non te das ido.
Picar o chicote. Cortar unha relación.
Pinjar. Mollar o pan na salsa. Poñer pinjando. Criticar.
Piñuada. Pila de aljo. Á piñuada. Á pila.
Plaia do Mallorquín. Nome do peirao (de Cariño).

Rechupeta. Estar á... Se a travesa de proa era a chupeta, pode que chamarlle así a estar só diante no fútbol sexa propio de Cariño.

Refolja. Repuesto. Hai que levar aparello de refolja.
Roila-roila. Broma: facer nós na roupa de quen se baña.
Sompompaxe. Cando non se recibe resposta dunha pregunta.
Ten a rebixe. Dise de alguén que non para quieto.
Ter saca. Ter éxito, que gusta.
Unha vella facendo o caldo. Vagalume.
Vilancho. Nativo da vila (Santa Marta de Ortijeira).
Xa lle ladra. Dar síntomas de embriaguez, xa se lle nota.

Zajaritos. Andando á árdora, se se vía peixe, pero pouco coma pa larjar, «van catro zajaritos».

Zarapallada. Choiva miúda. Zaparallar ou zarapallear. Chover miúdo."            (La Voz de Galicia, 30/03/2014)

No hay comentarios: