"(...) Con Podemos toma corpo a oposición ás políticas de austeridade. Podemos
expresa o malestar dun país devaluado entre un 20 e un 30% -vivimos en
épocas en que se pode cuantificar a dor- e dálle voz aos damnificados,
especialmente aos precarios que viron coutadas radicalmente as súas
posibilidades de normalización social.
O sistema expulsou a toda unha
xeración do seu paraíso e esa xeración, moi educada e cultivada, deulle
forma á contestación saíndo case da nada. Podemos é, nese sentido, unha
milagre fascinante.
Unha milagre que, repito, está aquí para quedar. No peor dos
casos Podemos imprimiulle un xiro á esquerda ao discurso do PSOE e
contribuíu a esnaquizar, moi velozmente, a hexemonía ideolóxica da
dereita. Iso, expresado na aritmética parlamentaria podería
querer dicir, para entendernos, entre corenta e cincuenta deputados.
Pero é que cabe que Podemos substitúa ao PSOE.
Non está fóra de lugar
imaxinar que poda gañarlle á batalla a ese partido e que quede por riba
del nas próximas eleccións xerais. Se Podemos polariza, como sucedeu en
Madrid ou Barcelona, na Coruña como en Compostela, o camiño está
expedito.
Polo momento Podemos está dixerindo a IU e articulando un novo
segmento que inclúe sectores nacionalistas. O discurso de ruptura do
réxime do 78 é o nexo de unión. Aínda veremos, naturalmente,
moitas fases da transubstanciación. É de prever que os liderados finais
xa non sexan os de Iglesias ou Errejón.
Han de aparecer novos rostros
que encarnen esa mensaxe, como San Xoán deixou paso ao Mesías. Ou, se
prefiren outras referencias, como Trotsky pasou a ser o profeta
desarmado que narrou Isaac Deutscher. A revolución, xa se sabe, devora
aos seus fillos.
Así que Podemos está aquí para quedar. Podemos, un partido
convencional, formará parte da nosa paisaxe futura. Non é arriscado
facer ese prognostico. Agora ben, visto dende o futuro, que será
do nacionalismo galego que arrastra unha crise tan profunda?
Desaparecerá o BNG coma IU, con quen garda tantas analoxías? Que
será de Anova, que tivo o seu momento estelar nas pasadas autonómicas?
Agárdanlle os Idus de Marzo?
Serán absorbidos pola forza da nova
corrente ou conseguirán construír un novo espazo máis amplo, o que, sen
dúbida, obrigará a revisar o que foi a súa narrativa? Non é imposible
que o nacionalismo quede estabilizado nesa eterna marxe que contenta aos
fieis, pero carece de toda influenza digna de consideración. A outra
posibilidade implica unha repristinación de tal calibre que costa
traballo imaxinala.
En definitiva, visto dende o futuro, cabe que o nacionalismo quede
subsumido pola forza expansiva do ciclo que se abre, pero tamén existe a
posibilidade de que saiba emerxer despois de mergullarse nas augas
profundas. Non creo que podan caber dúbidas acerca do peso que Podemos
vai ter na España que se acerca.
No poder e na oposición vai marcar o
paso. O nacionalismo galego, no entanto, está no final dun ciclo ou no
comezo doutro, segundo coma se mire.
O resultado das eleccións municipais non augura nada bo para o
BNG nas próximas xerais. Podería quedar arrasado. ANOVA, pola súa parte,
só pode concorrer metamorfoseado nas Mareas, que –é de esperar- poden
atopar nelas unha nova rampa de despegue.
Con todo, as Mareas, neste momento a forza con máis futuro sobre o
papel, deben resolver enormes dilemas. O primeiro: continúa a incógnita
sobre se Podemos estará fóra ou dentro delas. Un deses dilemas será non o
do nacionalismo, neste preciso momento fóra de campo, senón a pregunta
acerca de cal ha de ser o seu futuro, cando os espazos se normalicen.
As Mareas poden bascular sobre Podemos, e converterse en algo para dixerir, como IU, ou sobre o pivote nacionalista.
Nese caso alguén tería que responder que nova identidade lle
correspondería a ese nacionalismo refundado, en que podería consistir a
modernización do seu discurso –Anova non ten introducido ningunha
novidade especial sobre ese particular-.
A terceira posibilidade,
inaudita, sería sentar as bases do que teño chamado noutra ocasión unha
nova ORGA. Non está esta opción presumida polos analistas de turno, que
tampouco souberon prognosticar nin o auxe nin a caída de AGE: no entanto
as cousas ocorren.
Sexa coma for, estamos, en España, ante a emerxencia dunha nova forza que disputa o eixo da esquerda, a hexemonía nese ámbito. En Galicia todo parece indicar que estamos ás portas dunha recomposición na que a figura final aparece moi incerta.
Con todo, visto dende o futuro, parece evidente que se dará nalgún
momento unha disxuntiva: ou emerxe unha nova forza nacional galega con
aspiracións de ser maioría que tería nas Mareas o seu modelo
ou acaso Podemos se leve o premio de gañar para si o que PSOE e BNG, e
acaso AGE, lle deixaron nestes anos.
Existen, por suposto, máis
posibilidades –que todo se vaia polo sumidoiro entre elas-, pero imaxino
que é mellor non pensar nelas, aínda que resulta tan fácil, vistos os
antecedentes." (Anton Baamonde, Praza Púbrica)
No hay comentarios:
Publicar un comentario