"O sector do leite na Galiza está en crise. Iso non é ningunha
novidade. Após a desaparición das cotas e da aprobación dun novo pacote
lácteo en Madrid a caída dos prezos e o incumprimento dos contratos
asinados entre as explotacións e a industria tornáronse nun continuum.
Porén, nas últimas semanas a situación empeorou logo do cesamento da
recollida en orixe por parte da empresa luguesa Leite Río.
Inicialmente foron explotacións de Teixeiro, A Terra Chá, Mazaricos, Santa Comba e Vimianzo mais a entidade, titularidade de Jesús Lence, comunicou a gandeir@s de Rodeiro (A
Coruña) que deixaría de lles recoller o produto a partir do 15 de
xullo. En total unha vintena de explotacións que manexan por volta de 17
mil litros ao día.
A imaxe do sector volve a ser cisternas vertendo leite ao chan, quer
na estrada, quer nos predios, como símbolo de protesta polo que está a
acontecer. E é que, para alén do máis, segundo os dados --provisionais--
fornecidos pola Fondo Español de Garantía Agraria (FEGA),
a produción leiteira descendeu no noso país un 7,5% a respeito do
pasado ano. Fronte ás 617.721 toneladas de maio'14, neste exercicio
rexistráronse 208,05 toneladas; por volta de 18 mil menos. En troca, no
conxunto do estado a produción aumentou un 6% polo puxe de territorios
como Catalunya, Castela e León e Asturies.
Aliás, Galiza continúa a ser o territorio cos prezos en orixe máis baixos (0,284) fronte aos 0,306 céntimos de media no conxunto do Estado español. Esta cifra supón unha queda de 0,072 céntimos a respeito do pasado ano.
A resposta de Madrid
Perante este contexto, un dos máis críticos para o sector nos últimos
anos, as organizacións agrarias, xuntos con outros axentes, promoveron a
constitución dunha plataforma en defensa do leite galego coa que
encetarán unha campaña de mobilizacións para reclamaren medidas urxentes
aos gobernos español e galego.
Entrementres, en Madrid, o Ministerio de Agricultura convocou o 7 de xullo a Interprofesional Láctea (INLAC),
órgao que abrangue a respresentantes da produción e transformación
xunto coa propia administración. Após o encontro, a ministra, Isabel
García Tejerina, anunciou as medidas que adoptará o goberno español para
atallar a crise do sector.
As tres grandes iniciativas que impulsará a administración española será o pulo pola constitución de organizacións de produtores lácteos (OLP) supra-autonómicas para o que o executivo creará unha liña de axudas de 1 millón de euros através do propio Ministerio.
Doutra banda, Tejerina anunciou a posta en andamento dunha campaña de comunicación cuxo obxectivo sexa incentivar o consumo de leite; da aprobación de avais públicos para que as explotacións con dificultades económicas opten a créditos bancarios e o control das vendas por baixo dos custes de produción (dumping) nas grandes distribuidoras alimentarias, unha tarefa que, dixo, asumirá a Axencia de Información e Control Alimentar (AICA).
Desde as organizacións sindicais advirten que as medidas aprobadas
"están ben" mais "son a medio prazo" polo que, sinalan, "necesitamos
medidas urxentes para o 20% das explotación que están a cobrar o leite
entre 18 e 22 céntimos" por litro, asegurou en declaracións recollidas
por Campo Galego Román Santalla (UPA) após a xuntanza da Interprofesional.
Neste senso, manteñen a convocatoria dunha mobilización para o 17 de
maio así como as demais accións que teñen previstas desenvolver, entre
elas unha tractorada. "Non vemos ningún motivo para desconvocar". " (Sermos Galiza, 09/07/2015)
No hay comentarios:
Publicar un comentario