16/7/15

Se a conselleira non ten un plan para solucionar o do leite de maneira inmediata, debería dimitir

"Este venres a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo Galego chama a manifestarse en Compostela en defensa de solucións á crise que sofren os produtores de leite e en demanda de prezos xustos e dignos.

 A Plataforma, impulsada por Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias e Xóvenes Agricultores, leva semanas denunciando unha situación na que as explotacións están recibindo polo leite un prezo inferior en moitos casos aos custes de produción, con milleiros de granxas por debaixo dos 26 céntimos por litro, chegando mesmo a niveis moito menores. Crítícase, ademais, unha situación na que as granxas están a sufrir unha presión por parte da industria que roza a chantaxe e a extorsión.

E todo, ademais, ante a inacción do Goberno galego que, a través da propia conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, chegou mesmo a minimizar o problema, asegurando que a situación é mellor que en 2010 ou 2012 e argumentando que "o 56% dos produtores galegos está recibindo prezos por riba dos 29,81 céntimos".

 Os sindicatos fan fincapé na importancia do sector, non só para as persoas que viven directamente da venda do leite: "As granxas son un sector ao redor do que xira un tecido económico e social moi importante, con todo tipo de empresas e comercio, cun peso fundamental en moitos concellos e comarcas", destaca Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), con quen falamos.

As declaracións da conselleira na xuntanza cos alcaldes constitúen un auténtico insulto para o sector. A máxima responsable da agricultura en Galicia minimiza a maior crise que tivo o sector leiteiro galego. Isto é inaudito. Ningunha persoa pode dicir iso, por unha cuestión de dignidade, cando ve que hai miles de familias que poden perdelo todo. E creo que estas palabras son unha boa representación do problema político que temos nesta cuestión, máis alá do problema máis inmediato.

Se esta persoa non ten ningún plan, ningún programa, ningunha ferramenta efectiva para solucionar isto de maneira inmediata, se non ten peso político, por ética debería dimitir. O de menos é quen estea á fronte do departamento, pero hai unha necesidade moi forte de que se lle dea unha solución realista e inmediata a este problema, que é fundamental para o emprego e a economía de moitas comarcas galegas. 

Ademais, o presidente do Goberno galego chámase Alberto Núñez Feijoo, pero non sabemos que está pasando con este señor, se está sequera no país. Á xente acábaselle o tempo. Xa está ben de minimizar o problema, de dicir que non afecta.

Agora din que van comezar a mirar con Europa unha maneira de traballar cos excedentes. É incrible. Era necesario un plan lácteo, dende hai varios anos, que estudase como iamos afrontar a fin das cotas. É un esperpento que a conselleira diga que vai comezar agora a mirar este tema. Non nos pode dicir que a solución é unha campaña de promoción do consumo de leite nas escolas, ou un programa de promoción, que xa veremos como o fan e cando. Temos un modelo completamente esgotado.

Os produtores e produtoras somos reféns, porque en gran medida moitas das políticas agresivas que está desenvolvendo a industria contra o sector forman parte dun enfrontamento directo que mantén a propia industria co Goberno. 

A industria fíxolle un plantón masivo á conselleira e ela aínda quería desculpalos, aducindo a que tiñan medo relacionado cunha posible sanción do tribunal da competencia. Con isto enganará a quen se deixe enganar. Esta mesma semana toda a industria se reuniu co ministro, e non houbo problema. Debe ser que Competencia actúa só cando a xuntanza é coa conselleira.

 Espero que o día 17 se vexa un apoio moi importante ao sector. Será importante, porque o sector está moi desanimado, porque é moi grave a situación que están vivindo, e o seu desánimo agrávase cando ven a actitude dos seus responsables políticos. Espero que o Goberno tome nota o 17 e actúe. Veremos se temos un Goberno que só serve para figurar en inauguracións e no autobombo, ou se temos un Goberno que actúa e exerce como tal, levando a cabo unhas políticas que garanten o emprego e que apoian os nosos sectores produtivos.

 O primeiro é isto: o Goberno debe ter capacidade de negociación con todas as partes da cadea, hai que chegar a acordos, o prezo ten que permitir a subsistencia das explotacións. 

Segundo, hai que garantir un funcionamento garantido en todas as partes da cadea, e isto significa que na cadea de valor cada parte teña garantida súa marxe. 

Terceiro, ten que haber unha produción acorde á necesidade dese produto no mercado, que haxa unha planificación para evitar o actual problema de excedentes; e en boa medida o culpable son as mensaxes que lanzou esta administración, que lles estivo dicindo aos produtores que de cara ao remate das cotas tiñan que incrementar a produción, porque había grandes oportunidades, cando xa nese momento os datos de mercado internacional e de consumo interno desaconsellaban totalmente ese crecemento desordenado da produción. 

Hai que ordenar o sector, cunha estratexia de cara á produción, de cara á base territorial, de cara á valorización deses produtos a nivel industrial... A isto chámaselle política agraria. E debería ser a función da persoa responsable dese departamento. Temos unha ausencia de política agraria que teña como fin reforzar os sectores produtivos agrarios galegos.

A primeira cuestión ten que ver cos modelos de produción. Temos que buscar modelos de produción que lles dean fortaleza a eses proxectos. Neste momento, hai que ter en conta a incerteza existente no mercado, temos que ver como se enfronta esta situación de incremento de produción e baixada de consumo. Apostamos por ser cautas no que respecta á asunción de máis custes financeiros e de amortización. 

Pero pensamos que temos que crear un gran movemento para ter unha base territorial suficiente para poder estar no mercado con fortaleza. Sería bo que se apoiasen procesos de transformación, pero abandonando un pouco esta idea de ter un proxecto faraónico que vaia ser a salvación do sector en Galicia, porque se cadra non aparece. O que pode haber son moitos proxectos  máis pequenos que vaian conseguindo valorizacións nos distintos programas de transformación de lácteos, buscando unha saída ordenada no mercado.

E temos que conseguir medidas políticas que acheguen solucións reais: os contratos sen prezo non son solución. Deberíamos desenvolver unha mediación específica para o lácteo, gratuíta e áxil, que garantise que todas as partes da cadea puidesen traballar con marxes axeitadas. Temos que conseguir unha serie de condicións que non sexan a lei da selva que temos hoxe en día: a imposición unilateral de condicións abusivas.

 Temos que deseñar propostas para o sector con criterios de sostibilidade social. Dende o SLG facemos tamén fincapé na defensa dun modelo social de produción de leite. Pensamos que é un erro fomentar e darlle diñeiro público a granxas con miles de animais concentrados que o que van facer é destruír emprego, destruír o tecido social no medio rural, poden derivar mesmo en problemas de contaminación de augas. Apostamos por un modelo no que moita xente poida vivir dignamente da produción de leite, que é a antítese de ter granxas con miles de vacas concentradas, con man de obra precaria."            (Marcos Pérez Pena

No hay comentarios: