"Sicixia é unha historia para escoitar a vida na Costa
da Morte". Así describe Ignacio Vilar o seu sexto filme, que estes días
comeza a rodar na Rapa das Bestas de Sabucedo, na Estrada.
Porén, é a Costa da Morte o escenario principal e mesmo o protagonista
xenuino dunha historia na que o son é un elemento clave.
O
filme, protagonizada por Monti Castiñeiras, Marta Lado, Sonia Castelo e
Tamara Canosa, rodarase ao longo de oito semanas esparexidas entre mes
de xullo e o de abril de 2016 e podería estar rematado en setembro dese
ano.
Xiao é un enxeñeiro de son que traballa para o Arquivo Sonoro de
Galicia percorre as vilas e lugares máis recónditos de Galicia na
procura dos sons, das xentes e a natureza. Nesta viaxe coñecerá a
Olalla, quen traballa na colleita de algas, e que espertará en Xiao a
paixón pola vida, a terra e o salvaxe da Costa da Morte.
Unha historia de amor e desamor na Costa da Morte
que toma como título este termo da Astronomía que se refire ao momento
no que os centros do Sol, da Terra e da Lúa coinciden en liña recta.
"É unha historia para escoitar a vida na Costa da Morte, para ver a
Costa da Morte a través dos sons" -explica Vilar- "Hai tempo que quería
facer unha película neste lugar, dende hai 25 anos, cando percorrera a
pé todo o litoral e quedei moi impresionado".
A actividade de
Xiao como enxeñeiro de son é o enganche perfecto para poñer o foco nos
ruídos, rumores, melodías e sotaques destas comarcas, dende a súa propia
lingua e usos que "o cine ten a obriga de recoller e axudar a protexer e
a potenciar", sinala Vilar. Pero tamén, destaca, "o da Pedra
de Abalar de Muxía", ou o do mar "que nesas treboadas impresionantes se
escoita a quilómetros", ou o son da Cova da Xoana no Monte Pindo.
O filme será gravado en formato dixital. "Neste
momento quero experimentar coa linguaxe. O cinema dixital dános
instrumentos para contar historias de forma diferente", explica Vilar.
"Nesta rodaxe omos ser un equipo técnico moi reducido. Non hai
maquillaxe, non vai haber luces...", di.
"Nas miñas películas, o que
manda é a historia, e é a historia a que me manda experimentar na
linguaxe", engade. "Adaptámonos á historia. Unha cousa da industria
cinematográfica que non me gusta é que tes que adaptarte ás esixencias
de produción. E onde queda a historia? Temos que adaptarnos á historia,
non ao revés", salienta." (Praza Pública, 02/07/2015)
No hay comentarios:
Publicar un comentario