4/2/16

Batefogo, unha forma máis racional de combater os incendios forestais

"En lugar de botarlle a culpa ao pirómano cómpre mirar á falta de servizos”. Esta é unha das reflexións de Miguel Pardellas, un dos impulsores de Batefogo; unha iniciativa para previr os lumes aplicando solucións a medida, despois de estudar que sucede sobre o terreo, escoitando aos paisanos. O papel do eucalipto e os primeiros pasos desta iniciativa en Manzaneda son algúns dos puntos desta entrevista. 

Como xurdiu a idea do proxecto Batefogo? Que persoas e organizacións están involucradas?
É difícil identificar o momento exacto no que xurde o proxecto. As tres cooperativas e eu -autónomo- que facemos parte da equipa de traballo somos amigos e temos inquedanzas comúns ao respecto do desenvolvemento rural e a situación socioambiental do país
A idea de poñer en marcha un proxecto que compaxinara prevención de incendios e desenvolvemento rural xa estaba nas nosas conversas e creo que toma forma despois de que as compañeiras de Feitoría Verde e eu participaramos nun encontro de profesionais da participación ambiental a nivel estatal no ano 2014 en Extremadura.
 Na viaxe de volta, acordamos poñernos a concretar as ideas que tiñamos na cabeza e contar coas outras dúas cooperativas coas que colaborabamos habitualmente: Maos e EnComún.
Un dos antecedentes de actuacións similares que vostedes sinalan é o o Plan 42, programa integral para a prevención dos incendios forestais desenvolvido pola Junta de Castilla y León. Podería explicar en que consistiu? 
O Plan 42 foi un programa moi ambicioso que puxo en marcha a Junta de Castilla y León para coordinar actuacións en materia de prevención de incendios a través da participación social. O seu nome ven de que inicialmente chegaba a 42 concellos (normalmente en zonas periféricas e de montaña da comunidade autónoma), nos que se desenvolvían encontros coa veciñanza para decidir onde facer limpezas, camiños ou mesmo iniciativas de pastoreo extensivo para controlar a biomasa.
Que obxectivos acadou?
O proxecto foi todo un éxito e, sen que se deran maiores explicacións, pero a Junta deixouno de lado, quedando moitos proxectos e propostas sen realizar.
Manzaneda é o primeiro concello de Galicia que se suma ao proxecto. Que actuacións concretas pensan desenvolver neste municipio? 
En Manzaneda estamos a desenvolver unha especie de “iniciativa piloto”. Davide, o seu alcalde, brindounos a oportunidade de probar a metodoloxía e valorar que facer e como. A primeira fase do traballo está a piques de rematar, que é a elaboración dun estudo do territorio onde valorar riscos e potencialidades. 
Con este documento iremos á veciñanza para que sexan elas e eles os que digan se a diagnose é correcta ou non e que facer a continuación. É na fase de propostas na que nós poñeremos enriba da mesa iniciativas que están a desenvolverse noutras partes do país e do estado, para ver se poden ou queren reproducilas.
Que particularidades ten por ser unha zona tan montañosa?
O feito de que sexa unha zona montañosa ten os problemas habituais de mobilidade e accesibilidade a servizos que, unido ao envellecemento e despoboamento da poboación, dificultan a posta en marcha de proxectos. Non obstante, cremos que hai marxe de manobra e que o batefogo pode servir tamén para atraer a novos poboadores que impulsen iniciativas produtivas e de servizos.
Un dos primeiros pasos da aplicación do proxecto é identificar os puntos quentes onde arde o monte e tentar atopar a causa. Que conclusións sacan até o de agora do observado en Manzaneda?
Hai dúas tipoloxías de incendios moi frecuentes: en zonas máis ou menos baixas e poboadas, incendios ligados a queimas agrícolas, de extensións máis ou menos reducidas e que, en ocasións, poñen en perigo vivendas ou a espazos produtivos, como os soutos, importantes na economía da comarca. Despois temos os grandes lumes de serra, máis difíciles de ligar a unha causa concreta, e que afectan fundamentalmente a mato.
Está asumido por todos que as crises do lumes forestais que sofre recorrentemente Galicia teñen que ver co abandono do rural. Partindo disto, hai quen di que a política antincedios é inútil, que só serve para poñer parches e non contar a causa última do problema. Non corren o risco proxectos de intervención social como Batefogo de quedarse tamén nun mero parche?
Precisamente o batefogo contempla como obxectivo último o de reverter a dinámica de abandono do rural. Os incendios, ou mellor dito, as medidas contraincendios ou de prevención, non deixan de ser un camiño para traballar cuestións que entendemos están de fondo: a xestión participada do territorio, a construción de iniciativas produtivas e de servizos ligadas á sustentabilidade que dean emprego no rural e fixen poboación, a posta en valor de prácticas e coñecementos tradicionais, o recoñecemento cultural e patrimonial, etc.
Un dos obxectivos básicos de Batefogo é "Xerar unha nova cultura forestal". Cal é a súa opinión sobre a masiva explotación en moitas comarcas do monte para plantar especies que resisten ben o lume?
Entendemos o monte como un ecosistema; un ecosistema que en Galiza está moi humanizado e que está suxeito, dependendo das zonas, a intereses contrapostos. A idea é buscar consensos entre a veciñanza na xestión deste ecosistema, como mecanismo de regulación e prevención. 
Mais a nosa aposta é que estes consensos sexan en clave de sustentabilidade, e por tanto, respectuosos coas dinámicas propias dos ecosistemas naturais desde unha perspectiva ampla. Isto é, apostar pola diversidade en lugar do monocultivo, facer manexos sustentábeis dos recursos que permitan a rexeneración do propio ecosistema, potenciar actividades que melloren a súa calidade, etc.
Moito se fala sobre o papel da industria vencellada ao eucalipto...
Neste contexto, a aposta polo monocultivo do eucalipto, por exemplo, non é do noso gusto; se ben, entendemos que poden buscarse dinámicas de compatibilidade con outras especies e usos, coa vista posta noutra forma de xestionar o monte. En calquera caso, entendemos que é unha decisión que corresponde á veciñanza e que o noso papel debe ser en clave de facilitación das decisións colectivas e educación en usos sustentábeis.
Ten base a teoría de que informar dos lumes invita a potencial pirómanos a queimar o monte porque así síntese o centro de atención da opinión ṕública?
Non temos unha opinión formada ao respecto da relación información-pirómanos. Ademais, considerar que o problema dos incendios en Galiza é un problema de pirómanos é simplificar moito o problema e considerar que temos unha taxa desta doenza extremadamente alta (poderiamos dicir que incluso inigualábel no resto do mundo…). 
Habería que preguntarse que hai detrás de fenómenos como o de “chamar a atención”. Soidade, dependencia, mesmo problemas ligados ao alcol. O Batefogo quere preguntarse tamén sobre estes problemas, estas doenzas sociais. Igual, en lugar de botarlle a culpa ao “pirómano” ou ao medio de comunicación, cómpre mirar á falta de servizos, á falta de coidados…
Que papel xogamos os medios de comunicación na prevención dos incendios?
Entendemos que os medios de comunicación teñen un papel fundamental na sensibilización da cidadanía, en xeral, e en particular das persoas que habitan zonas conflitivas, desde un punto de vista dos incendios. Se a información é completa e complexa,non presentando só o negativo, por exemplo, e veraz, podería contribuír a previr os lumes.
Están abertos a participación de outras administracións? Que se lle pide para participar? 
O proxecto nace con vocación de servizo público, como unha ferramenta, sobre todo para as administracións locais e provinciais, para a xestión do territorio. De feito, en pouco máis dun ano, tivemos xa contactos con varios concellos e mesmo coa Deputación de Lugo; e na nosa intención está solicitar xuntanzas nos próximos meses con máis concellos (varios se puxeron en contacto con nós nas últimas semanas) e o resto de Deputacións. 
Ademais, pensamos que o batefogo pode ser tamén unha boa opción para comunidades de montes. Non pedimos nada para participar máis que vontade de buscar novas estratexias e fórmulas para evitar os incendios forestais. Iso e un orzamento que permita desenvolver o traballo da mellor maneira posíbel.
De estaren interesados, como teñen que facer os responsábeis públicos para contactaren con vostedes?
Calquera pode poñerse en contacto connosco a través do noso blogue ou facebook."                  (Manuel Vilas | Manzaneda | Galicia Confidencial, 26/01/2016)

No hay comentarios: