"Os colectivos contrarios á continuidade de ENCE en Lourizán adoitas
incidir nas "relacións próximas" entre os dirixentes da empresa e os
poderes públicos, sobre todo o exercido polo Partido Popular, tanto en
Galicia coma en Madrid.
Son rechamantes as relacións persoais entre algúns altos cargos da compañía e políticos en activo e tamén que un bo número dos e das actuais integrantes do Consello de Administración pasaron con anterioridade por posicións destacadas dentro do Goberno galego ou na Administración Central, nun novo fenómeno de portas xiratorias entre
o poder político e as xerarquías empresariais.
Ademais, son varios os
episodios nos que se criticou que determinadas decisións políticas
favoreceron os intereses da empresa.
Dous nomes destacan por riba dos demais, pola súa significación
pública, e polos cargos que ocuparon: o de Isabel Tocino (ministra de
Medio Ambiente 1996-2000) e Carlos del Álamo (conselleiro de Medio
Ambiente da Xunta 1997-2003).
Tanto un coma outro tiveron que
adoptar durante os seus mandatos decisións que afectaron á actividade de
ENCE e ás súas regulacións e controis ambientais. Antes de ocupar a
Consellaría, Del Álamo foi director xeral de Montes e Medio Ambiente
Natural da Xunta de (1990-1996) e en xuño de 1996 foi nomeado director
xeral de Conservación da Natureza do Ministerio de Medio Ambiente.
Outro
conselleiro cun importante pasado político é Pascual Fernández Martínez
(nomeado por Alcor Holding, S.A), que foi Secretario de Estado de Augas
e Costas do Goberno de Aznar, con Jaume Matas como ministro de Medio
Ambiente.
Cómpre salientar, igualmente, que María José Echevarría,
subdirectora xeral de Coordinación Ambiental da Xunta de Galicia é
esposa do director da fábrica de Ence-Pontevedra, Antonio Casal.
Unha
relación familiar que foi denunciada pola APDR, que pediu a súa
inhabilitación. A Xunta respondeu ás criticas sinalando que as
competencias de tramitación da Autorización Ambiental Integrada
corresponden á Subdirección Xeral de Avaliación Ambiental, sobre a
que Echevarría non ten mando ningún.
No Consello de Administración atopamos outros nomes
con relacións máis ou menos estreitas co poder político.
Figuran, por
exemplo, Fernando Abril Martorell, fillo do que fora vicepresidente do
Goberno e Ministro de Economía con UCD. Tamén Pedro Barato Triguero, ex
secretario da organización empresarial agraria Asaja, próxima ao PP.
Decisións políticas
Dende a privatización de ENCE en 2001, o Goberno central e a Xunta
adoptaron en varios momentos decisións importantes que beneficiaron a
empresa. Xa en 2002 a Xunta concedeulle a Autorización Ambiental
Integrada que a compañía solicitara para poder seguir producindo.
A
empresa conseguiu, ademais, que o Goberno de Fraga saltase a autonomía
municipal en materia urbanística, creando un Proxecto sectorial de
incidencia supramunicipal exclusivo para ENCE, co que a planta
evitou someterse á normativa municipal, dándolle legalidade urbanística a
todo o complexo. O Concello de Pontevedra iniciou unha longa batalla
legal que non se resolveu ata o ano 2012, no que o Tribunal Supremo
anulou o proxecto de supramunicipalidade.
Porén, de momento a Xunta
conseguiu mantelo, entendendo que a sentenza se cumpriu, simplemente,
publicando en decembro de 2012 o proxecto no Diario Oficial de Galicia.
Esta supramunicipalidade sérvelle á Xunta para legalizar
urbanisticamente unhas instalacións que deberían estar sometidas á
normativa urbanística municipal.
Unha modificación lexislativa de 2013 tamén lle permitiu á empresa non ter que renovar a súa Autorización Ambiental Integrada, que caducaba o 31 de decembro de 2015. A autorización, de todos os xeitos, está recorrida ante os tribunais.
Outra decisión polémica ten que ver coa caducidade da concesión.
O 19 de maio de 2011 a Audiencia Nacional ordenoulle ao Ministerio de
Medio Ambiente a apertura do procedemento de caducidade da concesión de
Ence, en sentenza firme.
En xullo de 2014 unha sentenza do Tribunal Supremo
instou de novo á Administración Xeral do Estado a incoar o expediente
de caducidade da concesión que goza Ence, demandándolle que adoptara
todas as medidas legalmente contempladas para a paralización das
actividades e suspensión do uso e explotación das instalacións.
A APDR denuncia ademais que na concesión outorgada a Ence se explicita como causa de caducidade o
feito de que a DBO (Demanda Biolóxica de Osíxeno) das augas de vertido
supere as 20 ppm "un límite superado de forma sistemática por ENCE ata o
ano 2005 e con moita frecuencia desde esa data ata a actualidade".
Nestes anos ENCE tentou tamén outras vías para incrementar o seu
beneficio e reducir a capacidade de control dos poderes públicos sobre a
súa actividades. Por exemplo, buscou sen éxito que o Ministerio de Medio Ambiente recoñecese a innecesariedade dos terreos nos que se asenta por
perda das condicións naturais e a suposta imposibilidade de devolvelos
ao seu estado orixinario e recuperalos para o goce da cidadanía, polo
que o lugar sería para sempre terreo industrial. E tamén tentou que os
terreos de Lourizán quedasen adscritos á Autoridade Portuaria de Marín,
sen éxito.
En calquera caso, a presenza de ENCE en Lourizán tiña como data límite o 29 de xullo de 2018. O
29 de xullo de 1988 entrou en vigor a Lei de Costas, que fixaba un
prazo máximo de 30 anos para quen fose titular dunha concesión outorgada
con anterioridade a ela. Porén, a modificación da Lei de Costas en 2013
abriu a posibilidade de prorrogar as concesións de dominio público
marítimo terrestre outorgadas ao amparo da lei anterior.
A empresa foi
pasando por riba de todas as súas datas de peche e beneficiouse de
modificacións lexislativas e medidas políticas para manter a súa
actividade que chegará, se non se impide, ata o ano 2073." (Marcos Pérez Pena , Praza Pública, 26/01/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario