5/2/16

Facer iogur para sacar rendemento ao leite

 
 David Fernández [Imaxe Campogalego]  

"David Fernández é de formación óptico mais decidiu darlle unha volta á súa vida e volver á casa hai agora dous anos. A súa familia é gandeira desde sempre. “Crieime no rural e na miña casa sempre houbo vacas”, explica en conversa con Sermos Galiza como parte da reportaxe Outra forma de transformar o leite, que publicamos no número 180 do semanario en papel.

Contan con entre 45 e 50 cabezas de gando que muxen “tres veces ao día”. Cando chegou de volta a Touro “había unha crise que facía inviábel meter máis cabezas de gando e decidín apostar na tranformación”, di David Fernández.

Para “gañar o meu soldo” este gandeiro decidiu outorgar valor engadido á materia prima –o leite-- producindo iogur. “Da outra produción non podía sacar un salario máis”, sinala. O nome co que se comercializa, Gurgur, saíu da crianza dun primo de David, "pedía o iogur así e pareceunos que era doado de lembrar" e mesmo ten gancho. 

Na actualidade transforman aproximadamente 300 litros á semana, dun total de 1.800-2.000 diarios, dos que sacan dúas liñas de produción. Un envase de 4 kg., que distribúen entre estabelecementos hosteleiros da contorna e outro de 140 gr., dirixido tamén a restaurantes e casas rurais, principalmente.

Venda directa e de proximidade

“Estamos moi focados no Camiño” de Santiago, afirma David Fernández quen entende que “existe un nicho de mercado para nós”. Porén, acrecenta, “o complexo é vender, non transformar”.

A receita do seu iogur Gurgur é “sinxela”, afirma, “o problema é colocalos no mercado”. Ao igual que acontece con outras iniciativas semellantes, como é o caso de Arqueixal, David Fernández optou pola “venda directa” tecendo unha “rede local”.

“Se damos vendido a un quilómetro non o vendemos a dous”, apunta, “polos gastos de desprazamento” que supón.  Neste senso, describe a súa distribución como “radial” e na “área de Compostela”.

Perante a crise que atinxe o sector lácteo galego a transformación sitúase como un elemento chave para a viabilidade das explotacións, quer de maneira individual, quer colectiva. E é que nun dos princiapais países produtores –o maior territorio no Estado español e o terceiro da UE—Galiza continúa a percibir en orixe os prezos máis baixos. "       (Sermos Galiza, 05/02/16)

No hay comentarios: