2/2/16

Galicia destruíu en xaneiro case o 80% do emprego creado en 2015

"Os datos de desemprego volven traer malas novas para Galicia, terceira comunidade autónoma onde máis se incrementa o paro rexistrado en xaneiro ao aumentar en 7.639 persoas con respecto ao mes anterior. 

O número de parados inscritos nas oficinas de emprego queda así en 236.447, logo desta suba relativa do 3,34%, tamén a terceira maior e superior á media estatal (+1,4%).

 Galicia volve situarse no podio do paro no Estado logo de liderar o incremento do desemprego en decembro e despois de que as cifras da EPA alertasen do estancamento na caída do paro e da constante perda do diferencial positivo coa media de España. En termos interanuais os datos melloran ao reducirse o desemprego en 22.555 persoas con respecto a hai doce meses, pero é o quinto mes consecutivo de incremento. 

En Galicia, o desemprego sobe en todas as provincias e céntrase fundamentalmente no sector servizos.

 Así, o 96% do incremento do paro rexistrado dáse neste sector: son 7.336 persoas que ingresaron nas listas das oficinas de emprego fronte ao 7.639 total, un dato que revela a masiva finalización dos contratos pola campaña de Nadal. Pola contra, o número de parados descende en 8 persoas na agricultura e en 317 na industria e increméntase na construción (544) e tamén no colectivo sen emprego anterior (84).  (...)

Non obstante, os datos son aínda peores en canto ao emprego. Segundo os datos do Ministerio, Galicia rexistrou no pasado mes de xaneiro 15.240 afiliados menos á Seguridade Social con respecto ao mes anterior. Unha destrución de máis de 15.000 empregos fronte ao aumento interanual de cotizantes de 17.554, quedando a media de cotizantes en 930.883 persoas.

 Nun só mes, Galicia destruíu o 86,8% dos empregos creados no último ano e o 77,6% dos que creara en todo 2015, cando o número de cotizantes aumentara en 19.641 persoas.  

En definitiva, máis de 17.500 persoas pasaron a contribuír ás arcas públicas por medio do seu traballo no último ano, fronte ás máis de 22.500 que deixaron as listas de desemprego. Esta diferenza de máis 5.000 persoas entre a redución do paro e a alta de traballadores é debido a varias circunstancias, como a emigración e fuxida da poboación activa, o desánimo que leva a desapuntarse das listaxes de demandantes de emprego ou o paso á economía en b. Polo tanto, non todo o descenso do paro rexistrado equivale a novos postos de traballo. (...)"             (Praza Pública, 02/02/16)

No hay comentarios: