26/2/16

Apicultores galegos lanzan un plan para evitar a proliferación duns 500 millóns de velutinas



"Os apicultores galegos reaccionan ante a praga da avespa velutina e levarán a cabo desde o vindeiro mes de marzo, e durante a primavera, un programa científico para tratar de frear a súa expansión.

A Asociación Galega de Apicultura (AGA) promove este proxecto que será coordinado por investigadores da Universidade de Vigo e co que se pretenden capturar e eliminar 30.000 raíñas de vespa asiática e reducir así o máximo posible a proliferación da especie e diminuír todas as problemáticas que causa, especialmente no verán.

O plan, presentado a pasada fin de semana, será financiado con 52.000 euros de fondos propios de AGA e nel teñen previsto participar uns 500 apicultores socios do colectivo. A Asociación tomou a iniciativa, segundo explica, "ante o avance extraordinario da avespa velutina e ante a falta dunha actuación decidida de certos poderes públicos" e tamén pola falta de "avances certos nas investigacións e dunha coordinación necesaria".

Xesús Asorey, secretario técnico de AGA, explica a decisión de "enfrontarse directamente á predación da avespa asiática", fundamentalmente, pola "descoordinación das administracións". "Cada unha actúa polo seu lado e así non hai maneira de facer un plan serio para parar esta praga; tería que ser Medio Rural quen tratase de coordinase con concellos, deputacións e centros de investigación, pero segue sen facerse", asegura.

O obxectivo é capturar 30.000 exemplares de raíñas desta especie invasora a través de 3.000 trampas e 25.000 doses de atraintes entre os meses de marzo e xuño. Foi este o método máis eficaz empregado, especialmente en Francia, e que permitirá "diagnosticar os mellores métodos de captura e control da velutina co menor impacto posible sobre outros polinizadores".

De capturarse 30.000 raíñas, evitarase que se formen outros tantos niños e cada un destes niños pode acoller entre 15.000 e 18.000 exemplares de avespa asiática. En definitiva, evitar a proliferación de entre 450 e 540 millóns de exemplares en Galicia, unha cantidade que non é nin moito menos toda a presente e que dá conta da magnitude do problema.

A coordinadora a nivel científico será a doutora Sandra Rojas Nossa, da Universidade de Vigo, apicultora e socia de AGA, e contará coa axuda dun equipo de traballo formado por asociados das once delegacións comarcais do colectivo e que realizarán os traballos de campo propostos no programa de control e cuxos datos serán tratados no Grupo de Ecoloxía Evolutiva e da Conservación do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal.

A idea é levar a cabo un control integral da praga, algo inédito en Europa, para poder dar co sistema máis eficaz para capturar a vespa velutina en cada fase do seu ciclo de vida. Primeiro levarase a cabo o trampeo masivo no momento no que as raíñas saen a crear niños primarios, empregando diferentes combinacións de trampas e atraintes. O apicultor enviará aos investigadores os datos co reconto dos exemplares atrapados, número de raíñas e outros insectos afectados.

O 4 de xuño, na Mostra Galega de Apicultura en Arzúa, poderíanse xa presentar os primeiros resultados, antes dunha segunda fase na que se intentarán avanzar nos diferentes métodos de protección mecánica das colmeas. Pero este segundo proxecto dependerá dos fondos que AGA obteña das administracións. "Os cartos que temas só chegan para a primeira fase, que é a prioritaria agora", explica Asorey.

Ademais, representantes de AGA, xunto con outros apicultores do Estado, vaixarán o 3 de marzo a Bruxelas para expoñer no Parlamento Europeo a problemática da vespa velutina. Pedirán máis medios, así como unha investigación a nivel comunitario que afonde na creación de feronomas que sirvan como atraintes específicos ou de cebos de orixe orgánica.

Unha praga que non se detén

Segundo os datos da Consellería de Medio Rural a finais de 2015, máis da metade dos concellos galegos están afectados pola praga da avespa asiática. Nun total de 160 municipios foran detectados niños da vespa velutina, cen localidades máis que hai ano e medio e uns sesenta máis que seis meses atrás. Son, malia todo, unhas cifras moi optimistas ao basearse tan só nas denuncias que chegan á Xunta e non incluír outras moitas localidades onde tamén se detectaron enxames que non foron comunicados.

Especialmente grave é a situación, no entanto, nas comarcas da Mariña, o Ortegal, boa parte de Ferrolterra, Eume e a área da Coruña, ademais do Baixo Miño e a zona de Vigo en Pontevedra. Nesta provincia, tan só doce dos seus 62 concellos non contarían coa presenza de niños de velutina, mentres que na da Coruña un total de 82 dos seus 93 concellos estarían afectados.

A problemática apunta a ser maior coa chegada da primavera e logo dun outono pouco frío. É unha praga que non se detén desde que en 2012 se avistasen os primeiros exemplares desta avéspora asiática. Unha especie que provoca a redución da biodiversidade -nomeadamente pola afectación nas abellas-, causa serios prexuízos económicos no sector apícola e froiteiro e crea riscos de picaduras en traballos forestais, así como inseguridade cidadá."                (Praza Pública, 24/02/16)

No hay comentarios: