28/3/16

Máis de 100 contratos a dedo para privatizar a limpeza do monte

"A Xunta de Galicia comeza a efectiva privatización dos traballos de limpeza do campo, en aplicación da polémica e nova Lei de Montes. A Consellería de Medio Rural acaba de sacar este mes máis de 100 contratos para tal fin.

O goberno adxudicará todos estes contratos mediante o procedemento negociado sen publicidade. É dicir, no lugar de publicar as bases no DOG para que se poida presentar quen queira; a administración invitará a determinadas empresas, que escollerá discrecionalmente até un mínimo de tres.

A lista completa de contratos menores a adxudicar pódese atopar ao final deste artigo. Nunca antes o Goberno Galego explotara a vía da contratación sen publicidade para executar a política de prevención de lumes dun xeito tan masivo.

As licitacións iniciais suman un importe de 9.260.962,65 euros sen IVE; é dicir, 11.205.764, 32 euros co IVE do 21% incluído. O importe final saberase cando se coñezan as empresas gañadoras.

Non sería mellor investir tal cantidade de cartos nun servizo público que realizase as labores de prevención de incendios, dado que este non é un problema puntual, senón recorrente en Galicia?

Non o ve así o goberno do PP. Segundo informara Faro de Vigo, a Xunta cree que os traballos de limpeza deben converterse nunha "inversión produtiva" e non nunha tarefa da administración pública.

Cómpre lembrar que a Administración Galega conta xa cun organismo especializado, entre outras funcións, nas tarefas do coidado do monte, o SEAGA. Os representantes sindicais nesta empresa pública levan lustros denunciando a progresiva privatización e precarización do seu traballo. O cadro de persoal aumenta durante o verán, pero no inverno os traballadores reclaman facer o traballo preventivo, tarefas que a Xunta encomenda agora ao sector privado.

O control por mans privadas da loita contra o lume -que xa é total no referido aos medios aéreos- subiu un chanzo o ano pasado. En 2015 a maioría absoluta do PP aprobou nas Cortes unha Lei de Montes que, segundo criticara o PSOE, “privatiza e recorta a loita contra os incendios”.

Dáse a circunstancia que esta aposta polo sector privado realízase con fondos públicos da Unión Europea. A práctiva totalidade destes contratos están financiados con fondosFEDER (...)" (Galicia Confidencial, 28/03/16)

No hay comentarios: