22/3/16

Na rúa unha vítima de violencia machista e o seu fillo con autismo

"Carme –nome figurado- é a cuarta vítima de violencia machista que recorre a Stop Desafiuzamentos Ourense en busca de axuda após perder a casa na que vivía. Denunciou a súa ex parella e ten un fillo menor de idade con autismo e dependencia recoñecida de grao tres. 

Carece de recursos suficientes para acceder a un alugueiro e nin o Concello de San Cibrao das Viñas nin a Xunta de Galiza accederon a atoparlle unha vivenda social.

Stop Desafiuzamentos explica que situación de Carme se agravou após esquecerse de selar a tarxeta do INEM en novembro de 2015. Este esquecemento levouna a perder a única axuda da que dispuña, a Renda Activa de Inserción. 

“Dende esa data non pode pagar o aluguer da vivenda na que residía e acumulou cinco meses de impagamento”, explica a entidade, que a 14 de marzo entregou un escrito no Concello de San Cibrao das Viñas e reuniuse co alcalde para lle dar traslado da situación da muller.

O alcalde “fainos saber que xa coñecen o caso e que eles non poden facer ren”, sinala Stop Desafiuzamentos, que diante da resposta do rexedor presentou outro escrito no Instituto Galego da Vivenda e Solo e mantivo unha reunión coa delegada territorial de Vivenda para lle expoñer en persoa o caso de Carme. 

Ese mesmo 14 de marzo, a vítima de violencia machista decidía abandonar voluntariamente a vivenda “para non causarlle máis prexuízos ao propietario”, do que Stop Desafiuzamentos destaca “o comportamento respectuoso e comprensivo”.

Un día após Carme abandonara a vivenda, Stop Desafiuzamentos volveu reunirse coa xefa de área e a delegada do IGVS e, ante a falta de solucións, a entidade concentrouse de maneira espontánea diante do edificio administrativo. 

“Tivemos unha reunión bronca, mesmo nos faltaron ao respeito nada máis sentar a falar”, sinala, en declaracións a Sermos Galiza, unha das activistas presentes na xuntanza, “o IGVS díxonos que estaban co seu caso pero non nos deu ningunha situación de emerxencia”. De feito, a solución máis próxima para Carme, de habela, sería no prazo de 30 ou 45 días.

Carme foi acollida na vivenda dunha activista de Stop Desafiuzamentos e só percibe desde xaneiro unha axuda de 193 euros pola dependencia do fillo. Estes 193 euros representan o único ingreso do que dispón á espera de poder recuperar a RAI.

Como Carme son moitas as mulleres que após sufriren violencia machista teñen dificultades para accederen a unha vivenda. Aliás, a situación presenta unha extrema gravidade cando as vítimas teñen fillos ou fillas menores de idade, “o feito de ter menores ao seu cargo e de poder perder a tutela impídelles facer pública a súa situación”, advirten fontes de Stop Desafiuzamentos.

Protesto esta segunda feira

O colectivo, que critica o desleixo do Concello e da Xunta, convocou para esta segunda feira, 21 de marzo, ás 12h diante do IGVS de Ourense un protesto para denunciar e facer público “un xeito de violencia que o sistema exerce contra as mulleres xa vítimas da violencia machista”. Para a entidade, casos como o de Carme implican unha “violencia institucional”.              (Sermos Galiza, 21/03/16)

No hay comentarios: