18/3/16

“Mira, necesito que me fagas un pequeno certificadiño. Temos que xustificar os gastos realizados no Centro de Día"

"Ti para este traballo vas contratar xente? Ou é xente do Concello?”. “Eu vouno xustificar con xente do Concello, pero que realmente non van, vaino facer el”. “A nós con isto chéganos". 

Son fragmentos dunha conversa entre unha funcionaria da Xunta, dependente da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, e Belén Villar, nese momento edil de Facenda e Persoal no Concello de Ponteareas e tenente de Alcalde, investigada no marco da Operación Patos polos encargos realizados á construtora Eiriña, propiedade de Enrique Alonso Pais. 

Esta conversa forma parte das escoitas telefónicas que forman parte do sumario do caso e amosa con claridade os intentos de xustificar as obras realizadas no Centro de Día da localidade. 

Para Compromiso por Galicia, esta e outras gravacións "son unha evidencia clara de que cometeu unha irregularidade grave para xustificar unha subvención, en complicidade cunha funcionaria da Xunta", polo que a formación pide a dimisión de Villar, hoxe concelleira na oposición municipal, pois "cando unha persoa está imputada (investigada) debe abandonar os seus cargos institucionais". 

As escoitas telefónicas tamén amosan a Villar pedíndolle a un traballador municipal do Concello de Ponteareas, encargado da área de persoal, que realice un informe para xustificar outra subvención: “Mira, necesito que me fagas un pequeno certificadiño. Temos que xustificar os gastos realizados no Centro de Día. 

Eu estoulle metendo unha limpadora, dúas horas ao día. Collín un custe dos máis altos, o de xxx, que cobra 18.832 euros. Necesito que desde aí me fagas un informe conforme é así”. 

Nos audios óese o funcionario acceder a realizar o falso certificado, acreditando que esa persoa realizara ese labor. Compromiso pide tamén "medidas cautelares para os funcionarios implicados nestes asuntos, pois seguen traballando no seu posto de traballo e poderían seguir facendo falcatruadas deste tipo". 

A Operación Patos investiga en Ponteareas diversas encomendas realizadas polo Concello á empresa Eiriña e tamén á outras, como Aquagest (actuacións de saneamento). 

 Entre as obras contratadas e nos que se sospeita que se infrinxiu a lei destacan traballos ligados á senda do río Tea, a construción dun centro de día e a da casa do propio ex alcalde, Salvador González Solla. 

Estas accións ilegais, que favoreceron a diversas empresas que mantiñan relacións próximas con esta e outras administración, chegaron ademais nun contexto de quebra económica do Concello, que foi intervido polo Estado central en 2012."               (Praza Pública, 16/03/16)

No hay comentarios: