"Rebordechán, no concello de Crecente, é unha parroquia rural como moitas outras en Galicia, que sofre un imparable problema de envellecemento e despoboamento.
Hoxe conta cun cento de veciños e veciñas -unha boa parte deles e delas
só nominalmente, pois traballan e residen noutras localidades-, cando
en 1999 eran 142 e en 1753 o censo do Marqués da Ensenada recollía cando
menos 682 habitantes. Hai anos que en Rebordechán asumiron que debían
organizarse para cambiar o futuro da súa aldea, para que puidese ter un
futuro.
E en 2006 a Comunidade de Montes comezou a promover un proxecto
de reordenación do monte que permitise adaptar os recursos de sempre ás
novas demandas. Máis adiante naceu a cooperativa veciñal O Tempo da Aldea, que hoxe conta cuns 80 socios e socias.
En 2007 a Comunidade de Montes impulsou un Plan de Xestión Integral do
Monte, a través dunha UXFOR (Unidade de xestión forestal), e deseñou un completo Proxecto de desenvolvemento integral de Rebordechán, que
foi aprobado en 2011. Dende entón, o proxecto tivo que superar unha
auténtica carreira de obstáculos burocráticos nos distintos
departamentos da Xunta, que obrigou a reformular o documento inicial que, por fin en 2015, obtivo todos os permisos necesarios.
Este plan para o futuro de Rebordechán inclúe a produción de legumes e
froitas mediante parámetros ecolóxicos, a cría de animais (porco celta e
cabras, que ademais axudarán ao control da matogueira no monte), o
aproveitamento apícola e a explotación turística, cunha ampla rede de
rutas de sendeirismo e a instalación dun campamento que tamén poderá
servir como aula viva de educación ambiental e etnográfica, sobre todo
para os máis novos e novas.
O proxecto prevé a creación dun bo
número de postos de traballo (8 no comezo e ata 15-20 cando o
proxecto sexa estable), co obxectivo final de fixar poboación nova na
parroquia, xerando un beneficio económico na contorna e axudando a dinamizar todo o Concello.
O necesario apoio da administración
Os socios e socias que forman parte da cooperativa e a propia
comunidade de montes realizaron nos últimos anos achegas importantes,
pero para completar a iniciativa O Tempo da Aldea necesita máis financiamento, ao redor de 200.000 euros,
co obxectivo de poñer en marcha actividades que consigan que o proxecto
xere ingresos dende o comezo, e sexa economicamente autosustentable.
Unha axuda que, de momento, non chegou dende a administración.
"O noso proxecto explícase en dúas liñas: en Galicia hai preto de 2.000
aldeas abandonadas e outras tantas a piques de desaparecer. Nós queremos
aproveitar os recursos da aldea e do monte, xerar postos de traballo,
acabar cos lumes e achegar unha idea para o futuro do rural galego.
Levamos
moitos anos coidando do noso pasado e chegou o momento de dar un paso
adiante. Ofrecemos unha solución privada a un problema público e
político: o despoboamento do rural", explican. "Nós fixemos o
noso traballo, o proxecto está completamente deseñado, a
responsabilidade de que o rural estea vivo é das administracións", salienta David Lourido, vogal da cooperativa e responsable de Comunicación.
Destacan que a relación co Concello é boa, pero aínda que a finais do
pasado a Deputación de Pontevedra lles abriu nun primeiro momento as
portas, dende O Tempo da Aldea denuncian que non volveron ter noticias do ente provincial, ao que lle dedicaron hai uns días unha carta aberta. A relación coa Xunta non é mellor:
"É moi rechamante que un proxecto coma o noso, que busca tirar proveito
dos recursos do rural e do monte, para protexelo, conservalo e
potencialo, aínda non atopou cabida en case que ningunha liña de
subvención", destaca Lourido.
"Aínda estamos a tempo"
"Hai unhas semanas comezamos co traballo de comunicación, para
conseguir que nos coñeza cada vez máis xente, e dese xeito reunir ao
noso redor unha comunidade cada vez maior. A partir diso, poderíamos no
futuro tentar establecer a partir desa comunidade algunhas outras
fórmulas de financiamento e apoio", explica.
"Detectamos un grande interese pola aldea en moitas persoas.
Ás veces dise que non, que somos nós mesmos os que primeiro maltratamos
o rural, pero non é para nada así", subliña.
"Non propoñemos un
proxecto deste tipo da noite para a mañá. E levamos moito tempo
realizando un gran número de actividades, que permiten que a pesar do
despoboamento en moitos momentos do ano haxa aquí moita máis xente da
que realmente está residindo na aldea", destaca, en referencia á Festa
dos Cativos ou á recuperación do Entroido ou do Magosto.
"Nós non pretendemos ser pioneiros nin mellor que ninguén. Pero
se outras aldeas galegas queren aproveitar o traballo que levamos feito
aquí será marabilloso. O fundamental é levar a cabo un
proxecto que fixe poboación e que tire proveito dos recursos que ten a
aldea, pelexando ao mesmo tempo contra ese outro gran problema, que son
os incendios forestais", salienta.
A este respecto, comenta que "foi
despois da vaga de lumes de 2006 é cando se comeza a pensar en
desenvolver un proxecto de desenvolvemento integral da parroquia".
"Cando hai veciños cerca que miran constantemente para o monte, porque o
seu sustento depende del, o monte non arde", resume.
Explican que os 80 integrantes da cooperativa "somos labregos,
publicistas, fontaneiros, albaneis, profesores, psicólogos,
carpinteiros, camareiros, traballadores do metal, etc. Moitos nacemos en
Rebordechán". E conclúen que "todos estamos convencidos de que outro futuro para o rural é posible, de que aínda estamos a tempo". (Marcos Pena, Praza Pública, 16/09/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario