"A Coruña e Compostela botaron a andar nas últimas semanas as súas respectivas rendas sociais municipais. O 5 de outubro comezou o prazo para solicitala en Santiago e o 30 de setembro fixérao na cidade herculina.
Os dous instrumentos buscan dar cobertura a persoas en situación de
vulnerabilidade que na actualidade non perciben a Renda de Inclusión
Social de Galicia (RISGA) -á que só poden acceder aquelas que carecen de
calquera ingreso-, dando resposta así a novos perfís de pobreza,
persoas que en moitos casos teñen traballos intermitentes ou con
salarios insuficientes para ter unha vida digna.
Tanto na Coruña coma en Compostela ao redor de un de cada cinco fogares
ingresa menos de mil euros mensuais. E unha proporción semellante de
persoas se atopa en risco de pobreza ou exclusión social. Máis de 15 mil
familias coruñesas e máis de 4 mil compostelás din chegar a final de
mes con "moitas dificultades".
E entre as dúas urbes suman máis de 26
mil parados e paradas. Aínda así, o número de solicitudes anuais da
RISGA (a pesar de incrementarse nos últimos anos) non supera as 783 na
Coruña e as 129 en Santiago de Compostela.
As contías das rendas van nos dous casos dende os 532,51 euros mensuais
(o 100% do IPREM) ata os 798,58 en Compostela e os 1.064 na Coruña, en
función do número de persoas ao cargo da solicitante.
A ordenanza
compostelá da Renda Básica Cidadá incorpora ademais unha serie
de cinco prestacións de rescate social para cubrir necesidades básicas
(alimentación, vestido, aloxamento...), para paliar a pobreza enerxética
e colaborar co equipamento básico de vivenda, para o fomento do dereito
á educación para estudos postobrigatorios e unha prestación para saúde
bucodental.
Ademais, as achegas -en forma de prestación e non de
subvención, reducindo así os trámites- acompáñanse de itinerarios de
inclusión social, grazas á acción de profesionais especializadas nas
dúas cidades.
A renda social era unha das grandes apostas nos programas que levaron a
Marea Atlántica e Compostela Aberta ao goberno das súas cidades. E son,
nesta primeira metade da lexislatura, un dos elementos que lles poden
permitir levar a iniciativa política e dar solucións aos problemas máis
urxentes dunha parte dos seus e das súas habitantes.
Falamos coas dúas
concelleiras responsables da posta en marcha das rendas municipais,
Silvia Cameán (edil de Xustiza Social e Coidados na Coruña) e Concha
Fernández (edil de Políticas Sociais en Compostela).
Podemos considerar a renda municipal o principal proxecto dos
gobernos municipais da Coruña e Compostela, atendendo á situación de
emerxencia social e ao cambio de enfoque político destas apostas?
Silvia Cameán: Sempre dixemos que vivindo en tempos de emerxencia
social, nos que as políticas do PP provocaron un gran sufrimento en
moitas persoas, esta tiña que ser a prioridade. A taxa de risco de
pobreza e exclusión social na Coruña incrementouse nun 51% co anterior
goberno municipal. E mentres iso acontecía, ese goberno non levou a cabo
ningunha acción que atendese a estas necesidades.
Nós sempre dixemos
que o máis importante é a xente, que viñemos aquí para gobernar para o
99%. A renda social nace para atender estas necesidades básicas, que non
se estaban atendendo, e para poñer no centro da política o
verdadeiramente importante: as persoas. A renda social é especialmente
importante para dar solución ao problema das mulleres que viven en
situación de pobreza, as mulleres somos dobremente castigadas.
Tamén
para as persoas migrantes, que saen dos seus países fuxindo da pobreza e
aquí teñen que soportar que se lles diga que son persoas ilegais, cando
simplemente teñen que superar uns trámites administrativos.
Fernández: "Buscamos ademais romper os círculos da pobreza, investindo en educación e en saúde alí onde non chega o sistema universal"
Concha Fernández: É un piar fundamental. Cando iniciamos o proxecto de
Compostela Aberta partiamos co obxectivo de defender todos os dereitos
para todas as persoas. A nosa ordenanza de garantía básica cidadá
intenta garantir e regular o acceso ao conxunto de dereitos e recursos
municipais para a cidadanía de Compostela.
Entendiamos que tiñamos que
amparar todas as situacións que xerasen necesidades de dereitos e
recursos, incorporando as prestacións de rescate social. Ademais,
buscamos romper os círculos da pobreza, investindo en educación e en
saúde alí onde non chega o sistema universal.
Cameán: "Sempre se nos dixo que proporcionar esta renda social non era a nosa competencia, pero si era a nosa incumbencia, dende os concellos non podemos mirar cara a outro lado"
A renda social chega alí onde a Risga non estaba chegando? Dá
resposta aos problemas dos novos perfís de pobreza que, por exemplo, si
teñen traballo, pero cuxos ingresos son insuficientes para ter unhas
condicións dignas de vida?
SC: A renda social nace en parte porque o sistema da Risga non estaba
funcionando. Na Coruña a metade das solicitudes eran denegadas, e mesmo
nos casos que eran concedidas os importes eran moi insuficientes. Unha
das nosas preocupacións era chegar a esas persoas que a Risga estaba
excluíndo, e tamén achegar unha cantidade que permitise vivir a unha
persoa, fixando finalmente un mínimo de 532 euros e un máximo de 1.064,
cantidades que, dende logo, consideramos que se poden mellorar.
Efectivamente, hai persoas que traballan e que reciben un salario de 200
ou 300 euros. Sempre consideramos a renda social como un complemento
para esas persoas que traballan pero que non poden chegar a fin de mes.
CF: Os concellos non pretendemos substituír as competencias e as
responsabilidades que ten a comunidade autónoma. Por que temos que poñer
en marcha esta renda? Porque a Risga non cobre unha parte importante da
poboación.
Por exemplo, non cobre as persoas que non teñen unha
residencia legal, pero esas persoas son tamén os nosos veciños e
veciñas, e son persoas que se perden o seu traballo perdían todos os
seus dereitos. Tamén deixa fóra as persoas que teñen pequenos ingresos,
por exemplo empregadas do fogar que gañan 200 euros ao mes, ou persoas
que cobran pequenas pensións, por exemplo por unha pequena
incapacidade.
A Risga hoxe en día non é suficiente, non chega aos
traballadores pobres, aos precarios, aos que encadean contratos
descontinuos e que non chegan a uns ingresos mínimos para vivir con
dignidade. Os 429 euros da Risga, ademais, son insuficientes, debemos
fixar o mínimo do 100% do IPREM.
Fernández: "A Risga hoxe en día non é suficiente, non chega aos traballadores pobres, aos precarios, aos que encadean contratos descontinuos e que non chegan a uns ingresos mínimos para vivir con dignidade"
O ideal sería que este tipo de rendas sociais chegasen a toda
Galicia, ben a través da Xunta, ben a través doutras administracións?
CF: Non deberiamos ser os concellos os que nos ocupásemos disto,
debería ser quen ten competencia, por exemplo como sucede en Euskadi.
Dende os concellos queremos chamarlle a atención á Xunta e dicirlle:
'miren, vostedes teñen aquí competencia e non chegan, fáganse cargo de
todos os colectivos aos que deixan fóra, e eleven a contía'.
SC: Sempre se nos dixo que proporcionar esta renda social non era a
nosa competencia, pero si era a nosa incumbencia, dende os concellos non
podemos mirar cara a outro lado. Hai recursos que a comunidade autónoma
debería estar articulando e non o fai, polo tanto dende aquí debemos
tomar a iniciativa para dar solucións aos nosos veciños e veciñas.
O
ideal sería reformular a Risga, que a Risga fose xusta, que non deixase
fóra a tantísima xente e que ademais achegase unha cantidades
suficientes para poder vivir. Dende logo, todas as persoas en Galicia
deberían poder ter acceso a mecanismos coma o que puxemos en marcha na
Coruña.
O prazo para solicitar a renda comezou hai só uns días, pero
tedes xa datos ou algún indicador sobre o xeito en que está funcionando,
o perfil dos solicitantes, posibles atrancos ou dificultades...?
SC: Temos xa os primeiros datos, pero aínda non podemos ofrecer cifras
exactas. Está funcionando ben, moitas persoas están a achegarse polos
centros cívicos para obter información, non está habendo situacións de
colapso, que era unha das nosas preocupacións. E isto é así porque
reforzamos os servizos sociais municipais, coa contratación de 11 novas
profesionais.
Cameán: "Entendemos a renda social como un dereito consistente nunha axuda económica pero tamén nun soporte humano"
Que papel xogan os e as profesionais na aplicación da renda social e no proceso de inclusión?
CF: O primeiro que fixemos cando se aprobou a ordenanza foi reforzar os
servizos sociais, con persoal de traballo e educación social e tamén
persoal de administración e xestión, incidindo moito no asesoramento
laboral, porque en moitos casos se trata de persoas que veñen de quedar
sen traballo, que foron expulsadas do mercado laboral e que poden
reincorporarse.
SC: Para nós, estes e estas profesionais xogan un papel moi relevante:
son a encargadas de realizar unha intervención e un acompañamento
social. Cando chegamos ao Goberno vimos que esa intervención non se
estaba a producir.
Aquí viñan persoas a pedir unha axuda, pagábanselles
esas facturas, pero despois non se trataba o seu problema, non se lles
facía un seguimento, non se lles facía un itinerario de inclusión.
Nós
entendemos a renda social como un dereito consistente nunha axuda
económica pero tamén nun soporte humano, un apoio emprestado por unhas
profesionais que permite que pouco a pouco estas persoas poidan ir
mellorando a súa situación e acadando autonomía.
Da Risga e doutras prestacións adoita criticarse o exceso de
burocracia, de atrancos administrativos e a falta de coordinación entre
administracións. Que medidas se tomaron para evitar este tipo de
problemas?
SC: Cando estabamos traballando na redacción desta ordenanza tivemos un
debate xurídico moi importante, centrado precisamente nisto: imos crear
unha nova norma, pero non queremos que sexa excesivamente burocrática,
de xeito que ao final non chegue á xente que ten que chegar.
Decidimos
reducir as esixencias de documentación e optar por unha prestación
social e non por unha subvención, porque no caso das subvencións as
persoas terían que xustificar absolutamente todos os seus gastos.
O noso
obxectivo inicial foi buscar a axilidade e reducir a burocracia ao
máximo, pero somos conscientes de que pode haber aínda atrancos deste
tipo. Por iso queremos facer un seguimento de todos os procesos, para
corrixir o que haxa que corrixir e mellorar o funcionamento.
Fernández: "Temos o reto de poñer en marcha un mecanismo de xestión e xustificación das axudas moderno e áxil, á altura da importancia que a renda ten"
CF: Un dos nosos obxectivos é achegar estes mínimos vitais e recursos
para a unha vida digna e autónoma simplificando ademais os trámites para
a súa obtención e xustificación. Se reproducísemos o modelo da Risga
colapsaríamos a xestión.
En Santiago xa tiñamos unha renda, chamada 'de
solidariedade', que compensaba certas cuestións nalgúns casos
determinados, pero que non tiña unha concepción de dereito: por exemplo,
quedaban excluídas todas as persoas que tiñan débedas coa
administración, e é frecuente que as persoas que teñen dificultades
económicas severas teñan débedas, por exemplo do IBI ou do imposto sobre
vehículos. Isto excluíaas do acceso a calquera prestación.
Nós tentamos
remover todas estas barreiras, comezando por situar a renda no marco
das prestacións sociais e non das subvencións, tamén reducindo e
simplificando a documentación esixida. Así mesmo, prevemos facer pagos
anticipados mediante declaracións de responsabilidade, para que a
tramitación siga adiante mentres a persoa recolle a documentación que
necesita ou mentres se deseña o itinerario de inclusión cidadán.
Temos o
reto de poñer en marcha un mecanismo de xestión e xustificación das
axudas moderno e áxil, á altura da importancia que a renda ten. As
administracións ás veces funcionan de forma anticuada neste tipo de
procedementos e na tecnoloxización destes procesos.
Cameán: "Faremos un seguimento continuo para comprobar que a norma cumpre os seus obxectivos, e realizaremos traballo en rede: hai moitas entidades que levan anos facendo un gran traballo social nesta cidade"
Mirando cara ao futuro, sobre todo pensando nos orzamentos do
2017, introduciranse cambios ou outras actuacións para consolidar esta
aposta?
SC: Para os orzamentos de 2017 contemplamos o orzamento que xa
programamos no estudo económico inicial, uns 3 millóns de euros.
Faremos
un seguimento continuo para comprobar que a norma cumpre os seus
obxectivos, e realizaremos traballo en rede: hai moitas entidades que
levan anos facendo un gran traballo social nesta cidade e que na
anterior lexislatura -ante a inacción do goberno municipal do PP-
directamente asumiron todo o peso da axuda. Estas asociacións, coas que
mantemos un contacto permanente e facemos un traballo conxunto, moitas
veces detectan casos que non chegan aos servizos municipais.
CF: Aínda non tivemos tempo, as rendas aprobáronse en setembro, o prazo
de solicitude da renda vén de abrirse, aínda non temos una avaliación.
Estamos xa elaborando os orzamentos de 2017, e cremos que a actual
contía pode ser suficiente, pero temos que analizar os resultados desta
convocatoria. Estamos abrindo as portas, e temos que ver as necesidades
que hai na cidade." (Praza Pública, 16/10/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario