"Con Inditex á cabeza, o sector téxtil lidera a economía española, sendo a
industria que máis riqueza xerou no último ano e con seis empresarios
do ámbito na lista Forbes dos máis ricos. (...)
Pero mentres todo isto ocorre, outras empresas do noutrora exitoso
téxtil galego seguen sufrindo. A última Caramelo, que vén de ser disolta
e abriu a fase de liquidación, ou Viriato.
Caramelo bota o peche e deixa na rúa 169 traballadoras, 79 delas en
Galicia. Fundada nos anos 60, cerra ao non superar as perdas e a crise
dos últimos anos, nos que afrontou un concurso e prescindiu de centos de
empregados con dous ERE tras recibir millóns en axudas da Xunta. Por
diante leva tamén outra histórica marca, Antonio Pernas, que hai unha
década integrárase plenamente na compañía.
As traballadoras acolleron con "sorpresa" a nova, tal e como recoñecía
Víctor Ledo, responsable de CCOO-Industria, que lamenta que a compañía
non buscase alternativas antes de pechas definitivamente. "Tiñamos propostas para unha viabilidade futura, como noutras empresas",
explica quen advirte agora do "complexo proceso" de liquidación, que
provocará que as empregadas tarden, ben seguro, un mínimo de medio ano
en recibir o finiquito e o que lle adebede a empresa.
Mentres, este mesmo mércores, o portavoz de En Marea, Luís Villares, e o
deputado Manuel Lago, reuníronse con traballadores da empresa textil
Viriato, outra histórica da comarca de Ordes que vén de presentar
concurso voluntario de acredores apenas un ano despois dun ERE no que
despediu 40 traballadores e tras pechar o ano pasado con máis de 2,5
millóns de perdas e acumular unha débeda de 10 millóns.
Desde En Marea sinalan que é unha compañía "viable, punteira e a máis
significativa da comarca", polo que piden a mediación e unha resposta
clara por parte da Xunta. "É necesario un verdadeiro plan industrial",
di Villares, que advirte que Viriato "pasa por unha situación de crise
financeiro pero é viable neste momento" ao posuír unha importante
carteiara de clientes e mercado e ser unha marca consolidada.
Pero é outra empresa téxtil en perigo. Como Adolfo Domínguez, que desde
hai máis de cinco anos perdeu o 70% do seu valor en bolsa, acumulou
perdas e continúa a pechar tendas. No terceiro trimestre de 2016
acumulou perdas de 4,22 millóns de euros e triplicou os seus números
vermellos. Con ERE continuos desde 2012, a crise da compañía ameaza
tamén os traballadores da súa factoría en San Cibrao das Viñas.
Mentres, outras empresas do téxtil seguen un camiño diferente e continúan a medrar. Por exemplo, Sociedad Textil Lonia, creada precisamente polos irmáns do deseñador Adolfo Domínguez, e Bimba y Lola, das súas sobriñas.
A primeira delas é proietaria de Purificación García e a súa
facturación, de máis de 300 millóns, triplica a da empresa da que se
desvincularon. A segunda achégase aos 120 millóns.
Hai xa máis dun ano, outra empresa textil botaba tamén o peche.
Textilmendo, propietario da marca TMX, foi á liquidación dous meses
despois de entrar en concurso de acredores. Estaba dirixida polos
fundadores iniciais de Viriato, que agora pasa tamén por problemas.
Pero
as desgrazas dunhas contrarréstanse cos bos números doutras.
Florentino, Nanos, Alba Conde, Pili Carrera... Son moitas as que
continúan a abrir establecementos e medrando nun sector que, como
lembran os sindicatos, xa tocou fondo. Galicia continúa a liderar as
exportacións textís no conxunto do Estado. Perdéronse moitos empregos
polo camiño e púxose fin a unha era. " (Praza Pública, 02/11/16)
No hay comentarios:
Publicar un comentario