"Saca por segunda vez a concurso a licitación dos
helicópteros de salvamento marítimo por un millón máis do que custaban
cando eran un servizo público.
A Xunta tivo que enmendar o concurso para a contratación de dous helicópteros para
a vixilancia, loita contra a contaminación e salvamento marítimo logo
de que o anterior quedara deserto ante a falta de empresas que se
presentaran.
Deste xeito, o Consello da Xunta aprobou o xoves o inicio da tramitación da nova contratación dos
destes dous helicópteros, dependente da Consellería do Mar. Este novo
contrato, unha vez adxudicado, terá unha vixencia inicial de catro anos e
o seu importe para este período é de case 33 millóns de euros. Unha
cantidade que supón un millón de euros máis caro do que lle custaba a
Xunta este servizo cando era de titularidade pública.
Con todo, Feijóo defendeu a privatización deste servizo porque dixo que
era “difícil” o mantemento das dúas aeronaves anteriores, debido a que
comezaban a ser aparatos vellos. “A decisión foi a correcta
e operar con helicópteros vellos supuña máis problemas que ventaxas”,
dixo para xustificar a decisión de que sexan empresas privadas as que se
encarguen deste servizo.
Non obstante, o proceso de privatización resulta complicado porque ao
primeiro concurso convocado pola Xunta só se presentou unha empresa que
non cumplía cos requisitos da Xunta. Por iso, decidiuse abrir un novo
concurso.
Concurso deserto
Tras quedar deserto, optouse por promover unha consulta pública ao
mercado, co obxecto de solicitar información e definir mellor os
aspectos técnicos e económicos deste novo contrato con respecto ao
anterior. Unha vez realizada a consulta pública, con base nos resultados
acadados nela, procedeuse, segundo a Xunta, a axustar os importes
estimados de custo do contrato e aproveitouse para modificar aqueles
aspectos técnicos que redundasen no incremento da concorrencia e na
mellora da prestación dun servizo único en España “e cuns estándares de
calidade superiores incluso aos de Salvamento Marítimo”.
Entre as novidades introducidas no concurso, cabe resaltar que, respecto do actual contrato en vigor, recolle a obrigatoriedade de contar con 20 pilotos para atender o servizo aéreo de gardacostas,
fronte aos 18 que se exixen na actualidade. Así, disporase de 2 pilotos
máis a partir de novembro. A Consellería do Mar xa sacara a licitación
deste servizo no mes de abril deste ano.
Servizo
A empresa que resulte adxudicataria prestará o mesmo servizo de
salvamento marítimo a través de medios aéreos que se vén desenvolvendo
en Galicia desde 1990, garantindo a cobertura no litoral galego os 365
días do ano, as 24 horas do día, cun tempo máximo de resposta de dez
minutos. Este novo contrato entrará en vigor o vindeiro 1 de novembro,
xa que o actual aínda está vixente ata o 31 de outubro.
A Xunta lembra que Galicia é a única comunidade autónoma que conta cun
Servizo de Gardacostas e tamén a única que pon á disposición de
Salvamento Marítimo do Estado os seus medios para actuar naquelas
operacións e operativos nos que sexan requiridos. Este organismo,
dependente da Consellería do Mar, encárgase da vixilancia, busca,
salvamento e protección do medio mariño nas augas galegas.
Para desenvolver os seus labores conta cos helicópteros Pesca 1, con base en Vigo, e co Pesca 2, con base en Celeiro. Ademais, dispón de diversos medios terrestres e marítimos distribuídos por todo o litoral galego. " (Galicia Confidencial, 14/07/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario