Mais sen profundar moito neste pasado prerromano pasamos a outra
época que tamén ten moita importancia en Ferrolterra e que deixou moitas
pegadas como foi a época medieval, a Galiza dos Trastámara, que recuperou a Gallaecia Sueva despois do intento de incursión musulmá.
Esta recuperación da Gallaecia Sueva coloca
o nome da Galiza como o reino cristián da península, mentres que no
resto da península estaba o reino islámico. Esta época, que durou até a
chegada dos Reis Católicos, deixou un patrimonio curioso e de grande
importancia que na súa maioría tampouco está sendo tratado coa
importancia que ten.
Porque coñecer o noso patrimonio, coñecer a nosa
historia é darnos valor como país, cunha historia e unha cultura
próprias. É coñecernos a nos mesmos, quen somos.
Na bisbarra ferrolá hai mosteiros, castelos, torreóns, igrexas, vilas
medievais, restos de murallas medievais, pontes medievais,
muíños...etc. Un grande número de vestixios culturais que enraízan coa
historia da Galiza e á que non se lles está a dar o valor que realmente
entrañan. É ben irmos desterrando a idea xeneralizada de que a comarca, e
a cidade de Ferrol concretamente, só existe dende a Ilustración.
O que,
porén, reflicte o patrimonio histórico-artístico é que hai máis
historia por debaixo do que xa temos por sabido, do que só se recoñece.
Alén do máis, o patrimonio cultural, como sabemos, non só nos fala da
historia, senón que tamén pode constituír unha fonte de riqueza
económica coa creación de roteiros, vieiros, museos, e as necesarias
obras de rehabilitación de edificios e monumentos que teñen problemas
para se manteren en pé.
O problema meirande para avanzarmos na protección deste patrimonio, e
no seu coñecimento, radica en que en boa parte está en mans da Igrexa,
que non fai nada por o conservar, e do Ministerio de Defensa, que
tampouco.
Como exemplos deste patrimonio histórico-cultural medieval temos:
Mosteiros: San Martiño de Xuvia, Caaveiro (A Capela), Santa Catarina de Montefaro (Ares), Monfero...
Castelos: Narahio, Moeche, Andrade (Pontedeume), Casón (Ortigueira)...
Igrexas do Románico: Santa Olaia de Lures (Ares), San Miguel de Breamo (Pontedeume)...
Igrexas do Gótico: Ermida da Mercé de Chanteiro (Ares)...
Pontes romanas e medievais: consérvanse, só no concello de As Pontes, oito pontes destas épocas.
A vila de Neda ten un valor histórico moi relevante, embora aínda non
se dispor dunha información suficiente. Con todo sabemos que nela (no
seu consistorio) se conserva un dos escudos do antigo reino de Galiza.
Hai tres casos nesta enumeración que si se están a manter e si están a pór en valor: o Mosteiro de Caaveiro, que
pertence á Deputación da Coruña, e que está situado nunha paraxe única
como son as Fragas do Eume, un parque Natural, ben como tamén a Igrexa de Santa Catarina de Montefaro ou o Torreón dos Andrade en Pontedeume.
Mais hai tamén que recordar o grande espolio que sofreu Ferrolterra
sobre o seu patrimonio cultural, como se pode aprezar ao visitar varios
museo arqueolóxicos como o Castelo de San Antón (A Coruña) -onde vemos a grande cruz sobre o porco bravo (símbolo do Andrade)-, o Museo de Pontevedra -alí está oo "Tesouro de Bedoya" (prerrománico) que foi descuberto en Ferrol (entre A Graña e Doniños)- ou o Museo das Mariñas de Betanzos -onde
podemos desfrutar da contemplación do disco de lousa que se atopou na
parroquia de Covas (Ferrol) onde hai unha inscrición, que se cre poida
ser a primeira vez, que aparece o nome de Trasancos.
Deste xeito a creación dun museo arqueolóxico na bisbarra sería de
moito interese para coñecer a historia deste territorio e dala a coñecer
ao resto do país.
Recollo unha verbas interesantes que dan a pensar o que está a ocorrer co noso patrimonio do artigo de Cátedra, xa nomeado antes, feito por J.J. Sobrino Ceballos e J.F. Correa Arias que di:
"Para
rematarmos, cómpre unha pequena reflexión sobre as institucións e
persoas que estarían comprometidas no estudio e defensa do patrimonio
histórico e cultural da nosa terra, no sentido de que, entrementres se
adican moitos cartos e esforzos aclarexar realidades históricas ben
coñecidas xa, o patrimonio arqueolóxico estase a perder polo abandono ó
que está sometido.
Neste sentido este trabalo non é máis ca un gran de
area nun extenso deserto aínda sen investigar, incluso na comarca do
Eume; porque sabemos que hai outros moitos xacementos arqueolóxicos, uns
que non citamos porque están a ser investigados por outras persoas e
outros aínda sen estudiar, e mesmo sen descubrir, con evidente risco de
desapareceren para sempre." (María López, Sermos Galiza, 05/07/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario