6/11/17

As traballadoras poñen fin á folga en Berskha

"Valoramos de modo moi positivo o acordo coa empresa”, explica Transi Fernández, da CIG, xusto ao remate da asemblea desta mañá. O acordo contempla a incorporación de todas as medidas sociais que reclamaban e avanza na equiparación salarial, xa que Berskha terá que pagarlles 120 dos 130 euros en pluses que cobran o persoal da Coruña.

“Foi un conflito unitario de longa duración contra unha grande empresa como Inditex no que atopamos moitas dificultades, como ter boa parte dos medios de comunicación en contra, mais coa forza das traballadoras conseguimos arrincar un bo acordo”, indicou a secretaria nacional da CIG-Servizos antes de subliñar que a decisión de volver ao traballo hoxe mesmo tomouse por unanimidade

Fernández recordou que "Inditex tivo a oportunidade o día 31 de desconvocar por 25 euros e onte conseguimos 40 e que abonen 3 días de novembro de folga e todo o demais incluídos os 80 euros tamén".

Foi precisamente este último aspecto o que frustrara o acordo na primeira xuntanza celebrada entre as partes, e a piques estivo onte de volver a facelo ante a negativa da empresa a abonarlles o plus de 50 euros do que si gozan as traballadoras coruñesas (Bershka si aceptara pagar o plus de 80). Na primeira reunión as negociadoras da empresa unicamente ofrecían 10 euros do plus de 50. 

Mais no segundo encontro celebrado onte e que rematou xa de noite, as partes chegaron a un preacordo que contempla tanto a aplicación das melloras sociais que reclamaban (vacacións, permisos e excedencias, tempo de descanso, lactancia, conciliación familiar e incapacidade permanente) como abono do plus de 80 euros, mentres que do de 50 ingresarán un total de 40 euros (30 en 2018 e 10 en 2019).

Outras melloras económicas e laborais

Ademais, a empresa comprométese a abonar os atrasos dende o mes de xuño. Outras das melloras económicas logradas pasan por un incentivo do 1,6% para as terceiras encargadas, o que supón o recoñecemento da responsabilidade que desenvolven na tenda. Tamén se establece un sábado libre mensual para todas as traballadoras. 

A pausa diaria para o café pasa a ser de 10 minutos para as xornadas inferiores a cinco horas, de 30 minutos para as xornadas de entre 5 e 6 horas e media, podéndose fraccionar en dous descansos, e para as xornadas de 7 horas en diante o descanso será de 40 minutos, podéndose fraccionar tamén en dúas pausas. Isto suporá unha importante redución de xornada anual, segundo informa a CIG nun comunicado de prensa emitido este sábado.

"Conseguimos consolidar xornadas e reducila semanalmente co tempo de descanso. Foi unha loita dura pero estamos satisfeitas e orgullosas do pasado. O conflito nos beneficia, está claro", concluiu Transi Fernández."                 (Sermos Galiza, 04/11/17)

No hay comentarios: