"A comisión formada polas dez entidades e particulares que promoven unha Proposición non de Lei de Iniciativa Popular para desenvolver un centro comercial e de lecer en Liñeiriños, na parroquia de Cabral, en Vigo, anunciou este mércores que recolleu xa máis 60.000 firmas para impulsar o maior espazo de ocio de Galicia, Porto Cabral, en Vigo,
unha iniciva empresarial que ocuparía 80 hectáres e case 205.000 metros
de superficie comercial. Ademais, de realizarse o proxecto, case a
metade dos montes de Cabral desaparecerían.
“Convértese xe na iniciativa popular que máis apoio
conseguiu en toda a historia da autonomía galega”, apuntan os promotores
desa ILP que din que o seu obxectivo é alcanzar o maior número de
firmas posible para demostrar o contundente apoio da cidadanía ao
proxecto de Porto Cabral. Un anuncio que chega logo de que os montes do
periurbano de Vigo en Valadares, Zamáns, Beade, Candeán e tamén Cabral, onde se pretende facer este macro proxecto, arderan.
Luis Rodríguez Pérez, presidente da Comunidade de
Montes de Cabral, e un dos defensores do macroproxecto, destacaba o 16
de outubro nunhas declaracións a V TV que o problema dos lumes é dalgúns
“iluminados” e apostaba por “máis prevención” e “menos extinción”.
Búscase a súa aprobación pola vía supramunicipal
Con esta ILP preténdese que os partidos políticos con representación parlamentaria “asuman a iniciativa
para que poida debaterse e, se é aprobada, se inste á Xunta a que
desenvolva o proxecto de Porto Cabral pola vía supramunicipal” e evitar,
así, os actuais problemas administrativos que ten no Plan Xeral de
Ordenación Municipal de Vigo.
O proxecto Porto Cabral recolle a construción dun macrocentro comercial, que "contará cun investimento de 600 millóns de euros" e "xerará 4.000 empregos directos".
A promotora, Intu Eurofund, insiste en que este é un proxecto
estratéxico de Vigo para os próximos 30 anos “polo impacto e o retorno
socioeconómico que terá na cidade e a súa área”. “Será un plan estratéxico de Vigo para os próximos 30 anos,
unha locomotora”, destacou o conselleiro de Eurofund, Salvador Arenere,
e equiparou o impacto de Porto Cabral ao que tivo a implantación en
Vigo da fábrica de Citroën.
Rexeitamento
Pero este proxecto ten un forte rexeitamento veciñal e
de gran parte dos comuneiros dos montes de Cabral. Denuncian a
intención da xunta reitora da comunidade de montes de Cabral de entregar
os terreos á empresa Intu Eurofund para a construción do complexo.
Os
opositores a Porto Cabral alegan que a cesión do terreo obedece ao interese privado da empresa e da propia xunta reitora,
en contra da vontade da maioría dos veciños e comuneiros. Tamén
sosteñen que o proxecto infrinxe a Lei de Montes e que en absoluto
atende aos intereses públicos e comunais.
No 2013, os veciños e comuneiros votaron en asemblea
sobre Porto Cabral e venceron os contrarios ao centro comercial. Na súa
opinión, porque se entendeu que era incompatible co aproveitamento
económico sustentable do monte e coa continuidade do comercio local de
Vigo. Desde entón o conflito está xudicializado.
O pasado verán, o
Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Vigo ordenou rexistrar a sede
dos comuneiros para localizar a documentación que xustifique o gasto de case tres millóns de euros en terreos.
A directiva da comunidade de montes de Cabral e as
entidades que apoian a reactivación do proxecto iniciaron entón unha
recollida de sinaturas a favor para levar o asunto ata o Parlamento de
Galicia. A Ría non se vende denuncia que os impulsores da construción do
macrocentro comercial tratan de utilizar a precariedade económica para a aceptación do proxecto por parte da cidadanía e apela ao aproveitamento do monte de forma sustentable." (Galicia Confidencial, 01/11/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario