"A finais do pasado mes de xaneiro, Núñez Feijóo rexeitaba promover unha tarifa eléctrica galega porque "ningún español o entendería".
A preguntas da prensa sobre a repetida proposta do BNG, o presidente da
Xunta aseguraba que "eses plantexamentos non se sosteñen nin en España
nin en Europa" porque implicaría que a tarifa mudase "en función do
punto quilómetrico no que se viva" e impediría que cada Estado tivese a
súa tarifa unitaria. Esquecíase o xefe do Executivo galego das
diferentes tarifas, segundo territorios ou áreas, que se aplican en
países como Alemaña, Suíza ou o Reino Unido.
Agora, o
pacto entre PP e PNV para a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado
inclúe unha rebaixa tarifaria da electricidade que se aplicará ás
empresas vascas a partir de 2018, o que evidencia a
posibilidade de adaptar, mediante negociación política, os importes en
función das características de cada lugar.
O acadado polo PNV para Euskadi -que se une á rebaixa no cupo en case
600 millóns, a devolución de 1.400 millóns por discrepancias anteriores e
un investimento de 3.380 millóns para o AVE até 2023- non é unha tarifa
eléctrica propia como a reclamada polo CIG, BNG, En Marea e diferentes
administracións do país.
Pero si a solución a unha problemática que
levaba anos en debate político e unha vantaxe evidente para as súas
grandes empresas. Desde Galicia reclámase que tanto familias como
compañías poidan beneficiarse do feito de que o país sexa produtor
excedentario de enerxía e soporte todos os custos medioambientais e de
impacto que iso supón. (...)
Preguntado pola cuestión tras o Consello da Xunta deste xoves, Feijóo
insiste en que "non hai tarifa vasca". "É como se me din a min que teño
tarifa galega porque empresas grandes consumidoras, como Alúmina, teñen
descontos, ou pola subestación que pedimos para PSA-Citroën", dixo o
presidente galego, que comparou o acadado polo PNV coa poxa de
interrumpibilidade que rexe para empresas como Alcoa. "Cada un defende o
seu e nós defendemos o noso", insistiu. (...)
Noa Presas, portavoz parlamentaria do BNG en materia
de Industria, asegura "non compartir" en nada a idea amosada por Feijóo,
que "vén xustificar que Galiza ten un equivalente ás vantaxes de Euskadi no sistema de interrumpibilidade".
"O que fai ese modelo é fomentar máis inseguridade e poñer en risco a
viabilidade do emprego; mesmo o anterior sistema era máis xusto, aínda
que o idóneo sería ter unha tarifa eléctrica galega pola nosa condición
de país excedentario", advirte. Así, a deputada nacionalista asegura
que o modelo de Euskadi revela que "esa tese de que hai unha única
factura eléctrica é falsa".
"A tarifa acaba sendo unha decisión política
e no País Vasco estanse a beneficiar dunha peaxe de alta tensión que
existe noutras comunidades pero que é maioritaria para as grandes
industrias vascas; a pregunta é por que ningunha empresa galega se
beneficia diso. A resposta é que todo depende da vontade política",
engade.
Ao tempo, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, advertiu que froito da
"lexítima negociación do Goberno vasco, Euskadi gaña 1.400 millóns e
unha mellora na tarifa eléctrica", xusto non momento que se coñece que
"tamén gaña Madrid porque o Executivo central ten dispostos 3.500
millóns nos Orzamentos para rescatar as radiais madrileñas impulsadas
por Aznar e Aguirre”.
“E a Galiza que lle queda? Un recortazo de 442 millóns
nos investimentos do Estado para 2017 e cero euros para rescatarnos da
estafa legalizada das peaxes da AP9; ao contrario, anúncianse subidas”,
denunciou a dirixente do Bloque, que contrastou o resultado de "ter un
Goberno que exerce para defender os seus intereses, -Euskadi-, e un
Feijóo marioneta de Rajoy". “Cinco deputados do PNV valen o seu peso en ouro, doce deputados do PPdeG non lle valen a Galiza para nada, agás para restar”, rematou.
Sexa como for, a tarifa eléctrica galega foi rexeitada
en diversas ocasións polo PP, tamén no Parlamento, cando botou abaixo
unha iniciativa do BNG apoiada por toda a posición na que se reclama a
devandita tarifa como medida de apoio ás factorías de Alcoa no país. No
entanto, os conservadores déranlle na Deputación de Lugo o seu voto favorable a unha proposta practicamente idéntica tan só unhas semanas despois.
Desde o Bloque, Pontón pregúntase “que máis ten que
pasar para que Feijóo saia do seu ensemismamento e deixe de defender o
indefendible, que ten que pasar para que se poña as pilas en defensa do
interese xeral deste país?". "Euskadi gaña nesta negociación, Madrid
gaña o rescate das radiais socializando as perdas das empresas, pero
aquí somos as últimas da fila”, rematou." (Miguel Pardo, Praza Pública, 04/05/17)
No hay comentarios:
Publicar un comentario