12/12/17

“É un escandalo que se estea a adiantar citas aos pacientes que ameazan con acudir á Xustiza”

"O caso é o seguinte: un paciente ponse en contacto coa Plataforma Sanitaria A Mariña porque quere que se lle axude a facer una reclamación en Atención ao Paciente; o home padece de dor, inchazón e tumefacción no antebrazo esquerdo dende o mes de xullo deste ano; acode ao seu médico de cabeceira, que lle pon un tratamento ao que non responde e por este motivo vai ao Servizo de Urxencias do Hospital da Costa, do cal sae sen diagnóstico e co mesmo tratamento que lle puxeran no Centro de saúde; o problema persiste, non mellora en absoluto, derívano a Reumatoloxía e danlle cita para o 7 de novembro do 2017, solicitándolle analítica, resonancia e radiografías, mais cítano para ver os resultados e coñecer o seu diagnóstico e establecer un posible tratamento o día 26 de novembro de 2018, máis dun ano despois da sua consulta de Reumatoloxía.

Por todo isto, o paciente presentou unha reclamación en Atención ao paciente o día 23 de novembro de 2017, solicitando que se lle axilizasen os trámites para diagnosticar e tratar o seu proceso, calificando de "inadmisible" semellante lista de espera. Na reclamación, que ten o número de rexistro 2727, o usuario conclúe que de non axilizarse os trámites tomará as medidas legais que considere oportunas.

O 28 de novembro, o paciente recibe una chamada telefónica na que lle notifican que vaia ao hospital o día 29 de novembro a realizar a devandita resonancia.

Desde a Plataforma Sanitaria manifestan que "é un escandalo que se esté a adiantar citas a aqueles pacientes que ameacen con acudir á Xustiza", xa que ademais de "ser un modo nefasto de administrar a asistenza sanitaria", resulta "inaceptable por pasar por diante de aqueles que non fan reclamación e agardan para ser vistos", denuncian.

A Plataforma Sanitaria esixe á Administración que "se xestione adecuadamente a asistencia sanitaria, non a golpe de reclamacións, senón garantindo que cada proceso patolóxico sexa visto en base a criterios clínicos obxectivos, segundo a súa gravidade, e garantindo uns tempos de espera axeitados, facendo as previsións adecuadas de persoal que garantan a asistenza sanitaria dacordo ás necesidades".

Sinalan tamén que isto "non é un caso illado", senón un "modus operandi do Goberno da Xunta para desprestixiar e desmantelar a sanidade pública co fin de privatizala".
Trátase, din, de "facer negocio coa sanidade e de reservar poltronas nos consellos de administración dos hospitais privados a modo de portas xiratorias".               (Galicia Confidencial, 01/12/17)

No hay comentarios: