16/7/18

Os cen anos de Albor; de piloto da Alemaña nazi a presidente da Xunta

"Político tardío --foi o primeiro presidente autonómico elixido as urnas con máis de 60 anos--, Gerardo Fernández Albor naceu na capital galega en setembro de 1917. A vocación levouno polo camiño da Medicina, carreira que iniciou na Universidade de Santiago de Compostela e que concluíu tras verse interrompidos os seus estudos ao empezar a Guerra Civil en 1936, pero non lle impediu involucrarse na vida pública.

Precisamente, esa paréntese na súa vida tamén é a máis escura pois marchou a Alemaña para ser piloto. O historiador Carlos Fernández Santander recolle en 'Alzamento e Guerra Civil en Galicia (1936-1939)' que Albor tiña 21 anos cando, xa como alférez provisional da aviación de Franco, marchou á Alemaña nazi a facer "cursos de perfeccionamento" na Luftwaffe. É 1938, en plena guerra civil e cando a Lexión Condor xa bombardeara Guernica.

Tras esta experiencia volta como tenente alferez e retoma os estudos de Medicina. Tras licenciarse amplía a súa formación médica en varias cidades europeas. Os seus anos de mocidade centrounos Albor no seu desenvolvemento profesional como especialista en Cirurxía Xeral e Dixestiva, así como ao impulso de sociedades científicas.

De feito, nesa época tamén decidiu meterse no mundo empresarial e afondar no galeguismo. Foi o fundador do Policlínico La Rosaleda, un hospital privado situado na capital galega, referente na medicina dos anos 60 e 70.  Tamén é neste tempo cando, a pesar das súas ideas conservadores, se aproxima a intelectuais e galeguistas de mediados do século XX en Galicia como Domingo García-Sabell ou Ramón Piñeiro.

A súa implicación cultural ligouno ao impulso da Fundación Penzol e doutras entidades similares como as que se centran nas figuras de Rosalía de Castro, Alfredo Brañas ou Castelao. Tamén formou parte do grupo 'Realidade Galega', aínda que o paso cara adiante deuno da man de Manuel Fraga, con quen entrou de cheo en política ao concorrer ás primeiras eleccións autonómicas de outubro de 1981 como candidato de AP.

ÉXITO E CAÍDA

Tras gañar os comicios, dos que saíu un Parlamento galego plural no que entraron seis organizacións que frutificaron en catro grupos --AP, centristas, socialistas e grupo mixto--, foi investido presidente en xaneiro de 1982 e botou a andar o autogoberno. Repetiu a finais de 1985 como candidato de Coalición Popular, na que xunto a AP integráronse outras forzas como Centristas de Galicia, e de novo logrou a vitoria.

O novo éxito nas urnas, con todo, precedeu a un ano de inestabilidade política no seu Goberno, que culminou en outubro de 1986 coa dimisión do seu vicepresidente, Xosé Luís Barreiro e doutro cinco conselleiros. 

Manuel Fraga apoiouno e el sumou a Mariano Rajoy como vicepresidente para tentar manter o Executivo, pero unha moción de censura cruzouse no seu camiño e situou en setembro de 1987 ao socialista Fernando González Laxe como novo presidente.

EURODEPUTADO E PRESIDENTE DE HONRA

Pero a marcha da Xunta non supuxo para Fernández Albor o abandono da política. De feito, o mesmo ano no que Fraga recuperaba o Executivo autonómico para o PP, o primeiro presidente autonómico elixido as urnas entrou na Eurocámara e presidiu na primeira etapa a Comisión creada para a reunificación de Alemaña.

Durante unha década, a vida política de Albor estivo ligada a Europa, pero nin sequera cando deixou o Parlamento europeo con máis de 80 anos se retirou da actividade pública. De feito, en 2007 foi o primeiro expresidente en pedir o ingreso no Consello Consultivo e acudiu cada día ao seu despacho no centro de Santiago mentres lle deixou a saúde.

 Este feito provocou unha tensa polémica entre o PP e En Marea que denunciou que Albor levaba cobrando case 60.000 euros anuais sen ir traballar.

FARIÑA

A última polémica que tivo que aturar o finado político foi a súa vinculación co narcos e contrabandistas dos anos 80. Un feito que, aínda coñecido, non se popularizou ata que se emitiu a serie Fariña. 

Nun dos seus capítulos podíase ver a Albor conversando con varios narcos nun hotel en Vilanova da Cerveira, entre eles, Marcial Dorado, que logo tamén mantería unha longa amistade co actual presidente galego, Alberto Núñez Feijóo."                (Galicia Confidencial, 12/07/18)

No hay comentarios: