13/11/18

Comeza a folga indefinida en Urxencias do Hospital de Santiago, co apoio da Asociación de Pacientes e Usuarios

"O persoal do Servizo de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago (CHUS) convocou a partir deste luns, 12 de novembro, unha folga indefinida para reclamar máis persoal e medios. Os paros levaranse a cabo todas as semanas, desde este luns ás 8.00 horas até o xoves á mesma hora. Unha decisión que se toma tras "tentar un diálogo" cos responsables da administración sanitaria que non chegou a ningún acordo concreto.
 
Ante a convocatoria desta folga, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS expresa o seu total apoio a esta medida de presión do persoal sanitario: "Como pacientes e usuarios que padecemos o sistemático maltrato asistencial que se practica no servizo e que coñecemos como afectados directos, queremos expresar a nosa satisfacción pola resposta unánime do persoal sanitario ante a conduta neglixente e intolerante da xerencia que se nega a admitir a realidade e que non está disposta a dotalo dos medios que se reclaman, aínda que iso poida producir danos e prexuízos irreparables, como xa aconteceu en tres ocasións con pacientes graves que faleceron en padiolas no corredor de acceso", expón a asociación.

A organización de pacientes considera que non se resolverá o conflito mentres o Sergas non ofreza máis medios humanos e materiais para satisfacer as demandas asistenciais deste centro hospitalario. "Os medios actuais son manifestamente insuficientes e non hai marxe para aumentar un uso eficiente destes que redunde na mellora da atención", advierten.  (...)

Entre outras cuestións, o persoal sanitario reclama a elaboración dun plan funcional negociado coa Comisión de Centro e acordado co equipo multidisciplinar, que estea "adaptado á realidade asistencial" e contemple a utilización do 100% do espazo na área de urxencias, con "dotación de persoal de maneira estable".

Do mesmo xeito, reclama unha "dotación suficiente de persoal en todos os colectivos" que traballan en Urxencias, que permita abarcar o volume de pacientes.

A maiores, pide a reposición de material "deteriorado e obsoleto", a dotación do material necesario para cada posto e a reparación de elementos danados; a elaboración de protocolos para a asistencia de pacientes pendentes de ingreso mentres permanezan en Urxencias e a priorización das interconsultas que se xeran en urxencias, co obxectivo de "evitar atrasos".

Para concluír, incide na necesidade de cubrir o 100 por cen das ausencias de traballadores."              (Galicia Confidencial, 11/11/18)

No hay comentarios: