18/12/18

A dirección de En Marea propón mudanzas técnicas para retomar as votacións...

 "Bruzos: “Os responsábeis desta situación son Luís Villares e a actual Coordinadora”.

Na mañá do sábado reuníase en Compostela o Consello das Mareas –principal órgano político do partido–, coa ausencia do sector crítico da forza política, aliñado coa candidatura encabezada por David Bruzos, Entre Todas, para acordar unha serie de mudanzas técnicas para retomar as votacións paralizadas o 1 de decembro pola Coordinadora a petición da Comisión de Ética e Garantías por unha "intrusión" no censo electoral.

O propio Bruzos reaxiu contra as medidas aprobadas polo Consello das Mareas nunha reunión que, ao seu entender, foi “unha farsa”. Advertiu de que se trata dun “órgano en funcións que se debería ter renovado o 1 de decembro” e que non o foi “pola situación que manteñen Luís Villares e a súa coordinadora” ao “adiar todo o posíbel as votacións”. Engadiu que o órgano “non ten lexitimidade para tomar decisións de ningunha clase”.

Bruzos asegura que a dirección actual do partido redunda “no que levamos visto todo este tempo, tratando de botar balóns fóra”. “Todo o mundo acaba sendo culpábel”, sinalou a respeito do Comité Electoral e tamén da empresa que xestionou as votacións e que o Consello das Mareas propón cambiar. E mentres, “as inscritas non poden elixir cal é a súa dirección política. Isto segue sendo tremendamente grave”.

En relación ás auditorías cuxo informe a actual dirección de En Marea presentará na Fiscalía, criticou que sexan “absolutamente secretas”. “Só as posúe a Coordinadora”, lamentou Bruzos, que considera o contexto dunha “irresponsabilidade tremenda” con “nomes e apelidos”. Citou entón Luís Villares e a súa actual Coordinadora.

“Inventan un novo inimigo e buscan un novo sistema de votación que levará moitísimo tempo e cando remate esta situación, inventarán outra”, prognosticou Bruzos, que apelou a realizar as votacións canto antes “sabendo que hai garantías plenas”. “Estáselle roubando ás inscritas e inscritos o dereito democrático a elixir os seus representantes e a nova dirección política”, concluíu.

As medidas anunciadas por Villares

Entre as medidas anuncias por Luís Villares, portavoz de En Marea e cabeza de lista de Coidando a Casa, atopábanse o cambio da empresa xestora do ficheiro informático que contén o censo electoral; o cambio da empresa xestora das votacións; a implementación do sistema de confirmación de voto por SMS; a renovación das claves de acceso á plataforma no momento da votación; a contratación dun servizo de autorización de votación externa que garanta a limpeza e a implementación na papeleta do nome completo das persoas que conforman cada candidatura.

No día de onte tamén se pronunciaba Esquerda Unida, a través dun comunicado enviado aos medios, para anunciar que pedirá "responsabilidades políticas e legais" dadas as acusacións de "manipulación" do censo electoral que afectan membros das súas filas e ao propio partido.

 Fontes da actual Coordinadora sinalaban a Sermos Galiza que as cinco persoas —dúas delas non integrantes do comité electoral— que accederon sen permiso ao censo electoral son militantes de Esquerda Unida."                   (Sermos Galiza, 16/12/18)

No hay comentarios: