"Os incendios que arrasaron boa parte de Galicia no outono do ano 2017
espertaron en moitas persoas o convencemento de que había que facer
algo para loitar contra a expansión do eucalipto e outras especies
invasoras, como a acacia. Sobre todo tendo en conta que estas especies
se estenden con gran rapidez nas zonas que veñen de ser afectadas polo
lume. Foron varias as iniciativas de todo tipo que se puxeron en marcha e
unha das máis destacadas foi a das Brigadas Deseucaliptizadoras.
Impulsada por Verdegaia e numerosos colectivos e comunidades de montes a nivel local, botou a andar o pasado mes de abril
cun chamamento a voluntarios e voluntarias que quixesen traballar sobre
o terreo recuperando a biodiversidade e arrincando os eucaliptos
naqueles espazos delimitados polos propietarios e propietarias do monte.
Dende entón, as Brigadas levaron a cabo unha ducia de accións en oito concellos do país, nas que participaron ao redor de 350 persoas e que abrangueron máis de 500 hectáreas de terreo.
Durante o ano, o número de brigadistas foi aumentando paulatinamente,
e mesmo hai brigadas que, aínda que contan coa cobertura de Verdegaia,
actúan de maneira autoxestionada, como é o caso de Corcubión, onde o
colectivo Boca de Sapo está traballando nun terreo de propiedade
municipal.
O vindeiro 12 de xaneiro as Brigadas intervirán no
Monte Veciñal en Man Común de Amoedo (Pazos de Borbén), afectado polos
incendios de 2006 e 2017 e onde o eucalipto se está a estender debido á
acción do lume.
As actuacións centraranse na contorna da Senda
Arqueolóxica de Amoedo, creada en 2014 pola Comunidade de Montes e que
pon en valor máis de 80 petróglifos e 20 mámoas. O estado actual e de
“semidesertificación”, acusando niveis altos de erosión nalgúns puntos
debido aos incendios. Falamos con Joám Evans, un dos impulsores da
iniciativa.
Que valoración facedes da actividade das Brigadas neste primeiro ano?
Cando
comezamos o proxecto en abril tiñamos uns obxectivos moitísimo máis
limitados e modestos e ao final vímonos desbordados polo interese que a
iniciativa espertou en propietarios de terreos, tanto individuais como
comunidades de montes, e tamén nos voluntarios e voluntarias que
participaron: non podiamos prever que houbese máis de 350 persoas
inscritas. En xeral, a resposta da xente foi extraordinaria,
participando moi activamente.
É máis importante o impacto real dos traballos que realizades
nun determinado lugar ou esa outra parte da iniciativa: a toma de
conciencia, a creación de comunidade?
Tense dito moito
que as intervencións son simbólicas, pero realmente non o son. Se miras o
resultado en Froxán, por exemplo, onde houbo cinco intervencións nos
últimos meses, o resultado é moi importante e verase aínda mellor cando o
ano que vén haxa novas fotografías por satélite. Nesta última fin de
semana a xente que veu traballar chegou a primeira hora da mañá a un
eucaliptal e cando marchou comer ao mediodía xa non había ningún
eucalipto, só quedaban as árbores nativas.
Evidentemente, 530
hectáreas é unha superficie insignificante fronte á dimensión xeral que
ten o problema no conxunto do país.
E a experiencia, o convivio e a
comunidade que se crea é moi importante, pero si que hai un cambio. A
transformación que se fai sobre o terreo non é simbólica.
As
intervencións fanse ademais co compromiso por parte da comunidade na que
se asentan de que estes primeiros traballos van ter continuidade. Non
se concibe que se realice unha única intervención nun lugar. Sempre vai
haber dúas ou tres ou catro, precisamente polo problema de rebrote que
ten o eucalipto. Fai falla repetir a acción para asegurar a súa total
desaparición.
Que tipo de persoas están participando?
As
brigadas son un proxecto moi aberto, no senso de que ao monte vén xente
de todo tipo, chegada de todos os puntos do país pero tamén con
características moi diversas: dende algúns voluntarios que coñecen moito
o monte ata outros que non teñen experiencia ningunha e que ao comezo
non saben distinguir un brote de eucalipto ou case non saben coller as
ferramentas. É moi inclusivo, ademais, e veñen moitas crianzas, que
tamén aprenden moito sobre o monte e este traballo.
Como reacciona a xente? Que vos comenta? Como é a súa experiencia?
Esta última fin de semana, trala xornada en Froxán a Comunidade de Montes convidou ás brigadistas a un albaroque, ao final do cal fíxose balance das experiencias vividas ao longo deste ano. A xente destacou que as Brigadas propiciaron a posibilidade de actuar de xeito proactivo fronte á degradación dos montes galegos inzados de eucaliptos e fronte os incendios forestais.
E sinalou que este traballo contribúe a reducir a frustración que provoca ver o desleixo co que desde a administración se trata o noso patrimonio natural. Moitas das persoas presentes dixeron que esta actividade reporta unha satisfacción persoal que non lles produciría una mera protesta contra a realidade forestal galega, xa que traballando no monte temos a sensación de estar facendo algo realmente válido de cara ao futuro.
En vez que simplemente quedar na casa queixándose, facer algo real, tomar a iniciativa, non si?
Estabamos inmersos nunha tendencia a laiarnos, non só no tema dos lumes, senón noutras cuestións. Cada ano, despois dunha vaga de lumes, había un período de laios, de botar pestes contra a administración por non evitar, por tolerar e mesmo por fomentar as prácticas destrutivas. Críticas que ás veces tamén se dirixían contra as propias comunidades de montes e que procedían de ámbitos que moitas veces non coñecen esta realidade
As brigadas o que fixeron foi darlle unha oportunidade a calquera persoa, aínda que non sexa comuneira ou titular de terreos forestais, para que poida ir ao monte e facer algo, coas súas mans, para loitar contra as especies invasoras e ver, ademais, o cambio cos seus propios ollos. É unha actividade moi satisfactoria porque se ve que o que se fai ten impacto. Ao remate da xornada pode ver que a realidade mudou, que a paisaxe cambiou. É un cambio de paradigma: en vez de só queixarnos, ábrense vías para que a xente directamente tente mudar a situación, para que vaia ao monte para tentar transformalo." (Marcos Pérez Pena, Praza Pública, 12/12/18)

No hay comentarios:
Publicar un comentario