18/1/19

Pacientes do CHUS defenden do "linchamento" á médica que denunciou mortes no colapso de Urxencias

"Nós fomos testemuñas do colapso das Urxencias o día 2 de xaneiro". A Asociación de Pacientes e Usuarios do Clínico de Santiago é un dos colectivos máis activos na reivindicación de melloras na asistencia do hospital compostelán, o de referencia para múltiplas comarcas da contorna.

 O pasado día 2, ao coñeceren "a situación de colapso" das Urxencias, cinco membros do colectivo "desprazámonos persoalmente ata o servizo" e "nese momento -aseguran- eran un total de 29 pacientes os que formaban unha cola que os auxiliares e celadores ían movendo" nun corredor. O tempo de espera era dunhas tres horas, manteñen.


Esta médica, cre a asociación, está "sendo obxecto dun linchamento institucional por esixir responsabilidades a aqueles que coas súas decisións poñen en perigo a vida dos pacientes". E "como nós fomos testemuñas das denuncias e avisos de colapso", explican, queren darlle "o noso total apoio" e "agradecemento por defender os nosos dereitos".

A Asociación de Pacientes e Usuarios decidiu pronunciarse publicamente despois de que, nos últimos días, diversos cargos da Xunta e do PPdeG, a comezar polo presidente Feijóo e polo conselleiro Vázquez Almuíña, acusasen abertamente a Fátima Nercellas de mentir. E, especialmente, tras o comunicado na que a Xerencia da área sanitaria de Santiago asegurou que os dous pacientes falecidos "recibiron atención" aos "poucos minutos". Nomeadamente, "nun caso aos 9 minutos e noutro, aos 14 minutos", negando outra volta que o denunciado se corresponda coa realidade.

Para o colectivo de pacientes "resulta incrible ter que aclararlle á Xerencia" que "o feito de que todos os pacientes, igual que os que faleceron despois de permaneceren no corredor, fosen cualificados cunha cor que determina o tempo máximo en que deben ser atendidos en función da súa doenza" non significa que fosen atendidos en sentido estrito. "A triaxe [clasificación ao chegar] non é atención urxente, senón clasificación de gravidade para recibir dita atención".

Así, detallan, "se un paciente está clasificado coa cor amarela, como era o caso dos pacientes que posteriormente faleceron, deberá ser atendido nun máximo de 60 minutos". Pero estas dúas persoas, segundo a asociación, "no canto de seren tratadas como pacientes de risco foron colocadas na cola dos corredores de acceso, agardando horas á súa vez". 

"Todos os pacientes que permanecemos nesta situación, despois de sermos cualificados pola triaxe, temos un risco de padecer en calquera momento episodios de saúde derivados da demora na asistencia que poden poñer en perigo as nosas vidas ou empeorar o nosa situación física", agregan.

 Neste contexto a asociación di non poder "admitir" que "se afirme, sen rubor ningún, que non eran necesarios ese día" e "todos nos que se producen colapsos" habilitar "máis espazos para atender a demanda de asistencia urxente". 

"Se realmente había ocos libres e eran suficientes", como mantén o Sergas, consideran, cabe preguntarse por que había pacientes a agardar nos corredores "durante horas". "Unha vez máis, preténdese normalizar o maltrato asistencial" e, neste caso, "manchar a traxectoria profesional" de quen denuncia."             (David Lombao, Praza Pública, 17/01/19)

No hay comentarios: