"Hai uns meses Antonio Fernández-Campa, actual Xerente do SERGAS, afirmou nunha entrevista en televisión
que a precariedade "non é una situación habitual" e que "o 85% dos
nosos traballadores está en vínculos estables". Declaracións semellantes
ás que nos últimos tempos repetiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez
Feijóo, que afirmou que o 88% do persoal ten un "nomeamento definitivo".
Estas palabras resoaron entre o colectivo de traballadoras e
traballadores eventuais do Servizo Galego de Saúde, en especial entre as
enfermeiras e enfermeiros que levan meses mobilizándose para demandar
unha estabilización da súa situación laboral. Para responder ás
declaracións de Feijóo e Fernández-Campa, a Asociación Enfermería
Sociosanitaria de A Coruña (Aensac) propuxo a realización dunha ampla
enquisa entre o persoal eventual que lle puxese datos á situación que
están a a vivir.
Este luns veñen de presentarse as conclusións da Enquisa da Enfermaría galega precaria, un traballo composto por 735 entrevistas realizadas entre marzo e maio. Estas son as principais conclusións do informe:
- O 89% das entrevistadas din estar en situación de precariedade laboral, un 8,8% afirma que "quizais" e tan só un 2,2% opina non ter un traballo precario.
- O tempo medio que levan nas listas de contratación do Sergas, á espera de acadar unha praza estable, é de máis de 8 anos (8,14 anos). Un 78,7% das enquisadas levan nas listas 5 anos ou mais e un 44,4% do total leva 10 anos ou máis.
- A media de contratos asinados no último ano é de 24. A persoa que asinou un maior número de contratos superou os 300.
- Entre as persoas entrevistadas, tan só un 19,2% ten unha vacante ou comisión, unha situación que achega unha certa estabilidade e que permite non depender do encadenamento de contratos, aínda que segue sen ofrecer unha praza estable e mantén a situación de temporalidade. Entre estas persoas que si acadaron unha vacante ou comisión, para conseguila tiveron que pasar 12,2 anos desde que asinaron o seu primeiro contrato no Sergas.
- A enquisa confirma o carácter fundamentalmente feminino da profesión, cun 89,12% mulleres entre as persoas entrevistadas. O 73,7% non teñen fillos e a súa media de idade sitúase nos 32,2 anos.
Dende AENSAC conclúese que, á vista deste datos, "a eventualidade na Enfermaría Galega non é algo puntual" senón que "é algo que vivimos cada día miles de galegos e galegas".
Destacan que este colectivo tan precarizado é o que sostén "un sistema
de saúde que sen o persoal eventual, se viría abaixo". "O tempo de estar
na escuridade rematou. Agora é tempo de coidar a quen te coida. É tempo
de coidar á enfermaría", conclúen.
Esta situación de precariedade únese a un número moi
escaso de prazas de profesionais, tendo Galicia a terceira peor ratio de
profesionais por doente de todo o Estado.
Chaman a atención, ademais, sobre o feito de que as
vacantes ou comisión non significan unha situación de "estabilidade"
fronte ao que "en moitas ocasións expresou a Xunta de Galicia". Neste
senso, lembran que a Lei 55/2003 do Estatuto Marco do persoal
estatutario dos servizos de saúde sinala que "o persoal interino en
praza vacante é persoal temporal".
Finalmente, fan fincapé na dificultade que este tipo de persoal
precarizado ten, por exemplo, para ter fillos e fillas, lembrando que "a
idade media dos traballadores eventuais do Servizo Galego de Saúde
segundo datos do INE, coincide co momento no que a muller adoita ter o
seu primeiro fillo". Unha situación que contrasta coa aparente preocupación da Xunta de Galicia polas baixas cifras de natalidade en Galicia" (Praza Pública, 17/06/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario