6/2/19

As deficiencias na pediatría "estoupan" no norte: falta de médicos, longas viaxes e remendos "voluntarios"

"Tamén algo máis ao oeste. Moeche, Cerdido e San Sadurniño teñen fixado para este xoves e á mesma hora (20) cadanseu pleno extraordinario no que demandarán á Xunta o “inmediato restablecemento” do servizo de pediatría que se prestaba nestes tres concellos e no das Somozas. Pais e nais levan días mobilizados ante a “precaria” situación da pediatría na área.

A atención sanitaria infantil prestábase cunha pediatra con base en San Sadurniño que se desprazaba en itinerancia durante parte da súa xornada a Cerdido, Moeche e As Somozas. A especialista marchou tras aprobar unhas oposicións –algo sabido hai tempo-- e o servizo é atendido agora por un médico puericultor tres días á semana e por médicos de familia outros dous. En todos os casos, as familias teñen que se desprazar a San Sadurniño, a 15-20 minutos e entre 16 e 20 quilómetros de distancia para calquera das combinacións.

Son máis de 320 nenos os afectados. Malia a problemática que supón, a Xunta non é quen de poñer data para a solución e recoñece que as deficiencias son minguadas grazas a “outros profesionais que se presentan voluntarios para prolongar os seus horarios”.

Recoñeceuno así Ángel Facio, responsable da Xerencia Integrada de Ferrol, durante a xuntanza que mantivo este martes cos alcaldes de Moeche, Cerdido e San Sadurniño. “Non hai profesionais de pediatría para contratar; en canto haxa un dispoñible, será contratado”, destacou tras aclarar que a praza non está en cuestión.

Con todo, non hai data para recuperala e os alcaldes apelan á presión. “Estamos como entramos, sen novidade e sen garantía ningunha de que se solucione o problema de xeito inmediato”, explica Beatriz Bascoy, rexedora de Moeche, moi crítica con que a xuntanza tardase once días en celebrarse desde que se solicitou e que o xerente do Sergas se reunise antes co alcalde das Somozas “e alcaldables” do PP. 

Ademais, insiste na “falta de previsión” que agora “pagan” os habitantes destes tres municipios. “A cousa, por desgraza, vai para longo”, asumiu o seu homólogo en Cerdido, Benigno Galego. Todos asumen que, polo menos en febreiro, os atrancos para as familias seguirán."             (Miguel Pardo, Praza Pública, 29/01/19)

No hay comentarios: