"A desertización do solo é unha problemática da que Galiza non está exenta.
Lémbranolo Adega con motivo do Día Internacional de Loita contra esta
realidade, que nos últimos anos avanza cada vez máis. No territorio
galego pérdense anualmente case 42 millóns de toneladas de solo
debido á erosión, afirma a Asociación Ecolóxica para a Defensa da
Galiza.
Segundo o Inventario Nacional de Erosión de Solos (INES)
pérdense cada ano un total de 14,5 toneladas por hectáreas de solo
debido a procesos erosivos, afectando a unhas 2.880.817 hectáreas. “Esta
superficie fai un cómputo total de 41.695.509 toneladas de solo
erosionado anualmente no país”.
A isto engádese que 12% do territorio galego sofre risco de desertización causado
por estes procesos erosivos. “Os incendios forestais, os monocultivos, a
agricultura e a gandaría intensiva, as explotacións domésticas, o
urbanismo e a ocupación do litoral, a minaría, e en xeral os cambios
nos usos de solo, provocan a perda da cobertura vexetal”, explican os e
as ambientalistas. Estas actuacións, unidas aos períodos de maior seca e
ás mudanzas no réxime de precipitacións debido ao cambio climático, fan
que a erosión e a desertización sexan “un problema medioambiental de
primeira magnitude na Galiza”.
Os solos albergan unha cuarta parte da biodiversidade do planeta,
afirma Adega. Constitúen un reservorio de biodiversidade que conforma
un ecosistema complexo que achega numerosos servizos ecosistémicos
necesarios para a vida. “O solo é a base para a produción de alimentos
saudábeis, e é capaz tamén de almacenar e filtrar a auga. Ademais, o
solo é, despois dos océanos, o segundo sumidoiro de carbono polo seu
importante papel nos ciclos bioxeoquímicos”. (Sermos Galiza, 17/06/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario