28/6/19

México sinala por corrupción a artífices dos negocios de Pemex en Galicia que apadriñou Feijóo

"En maio de 2018 abandonaba a ría de Ferrol o buque Cerro de la Pez. O flotel antes nomeado Orgullo Petrolero foi o único buque construído nos estaleiros ferroláns de Navantia para a petroleira estatal mexicana Pemex. 

O outro flotel, Reforma Pemex, encargárao a filial internacional da empresa (PMI) ao estaleiro vigués Barreras despois de mercar en 2013 a maioría das súas accións, as mesmas das que agora se quere desfacer. O barco construído en Vigo é parte da flota de Pemex, mentres que o feito en Ferrol busca comprador notablemente devaluado.

Ambos floteis e a compra de Barreras foron, a efectos prácticos, os únicos resultados tanxibles para o sector naval galego e para a economía de Galicia en xeral da "alianza estratéxica" que, bordeando a lei electoral, Alberto Núñez Feijóo escenificara en vésperas das eleccións galegas de 2012xunto aos daquela máximos directivos da compañía mexicana no Pazo de Raxoi coas cámaras da televisión pública emitindo ao vivo. Feijóo, e o Goberno galego por extensión, apadriñaran ata presentalas case como propias promesas de construcións de múltiples buques, instalacións industriais como unha ambiciosa base no Porto Exterior da Coruña e milleiros de empregos que nunca chegaron. Fixérao tras negocialas nunha viaxe a América con Mariano Rajoy.

O propio presidente galego tivo que acabar admitindo, cando os incumprimentos de Pemex xa deixaran en evidencia en varias ocasións á Xunta, que en realidade aqueles anuncios preelectorais nin estaban asegurados nin dependían do Goberno galego. Dependían da empresa estatal mexicana e, máis concretamente, dos que daquela eran os seus principais directivos

Algúns deles son agora sinalados pola Xustiza de México e polo novo goberno do país, presidido por Andrés Manuel López Obrador, polas súas implicacións en casos que as autoridades mexicanas presentan abertamente como "corrupción". Estas acusacións remóntanse a hai meses e mesmo anos, pero esta mesma semana o propio López Obrador estendeu implicitamente as sospeitas aos negocios en Galicia.

Entre os ex-directivos de Pemex que compartiran xuntanzas e fotografías oficiais con Feijóo e que agora están baixo a lupa da Xustiza destaca Emilio Lozoya, director xeral de Pemex de 2012 a 2016. Lozoya, clave na compra do estaleiro Barreras por parte de Pemex, é sinalado como presunto receptor de subornos da construtora brasileira Odebrecht, no centro dun dos maiores casos de corrupción de América Latina nos últimos anos. 

As acusacións chegan dende a propia empresa investigada pero tamén dende o Goberno mexicano a través da Fiscalía, que atribúe a Lozoya delitos como o branqueamento de capitais  no marco da aprobación da compra, por parte de Pemex, de plantas de fertilizantes que, segundo as acusacións, foron adquiridas por grandes sumas de cartos malia estaren practicamente quebradas. Esta mesma semana Lozoya continuaba "prófugo da xustiza", segundo informou o xornal mexicano El Universal.

 No coñecido como caso Fertinal, en referencia ao nome dunha das empresas adquiridas, o gabinete de López Obrador non só implica a Lozoya. Tamén a outros directivos clave nos negocios en Galicia e que compartiron xuntanzas con Feijóo, co conselleiro Francisco Conde e con outras autoridades galegas nos anos dos devanditos anuncios. É o caso de Carlos Roa, xefe de asesores de Lozoya en Pemex e vicepresidente de Barreras ata 2016, que segundo o ex-propietario de Fertinal, foi quen negociou a venda da fábrica

Tamén José Manuel Carrera Panizzo, antigo director da filial internacional de Pemex, PMI. Panizzo fora un dos protagonistas das operacións dos floteis e a quen a Xunta presentara como un dos garantes de que Pemex ía construír en Galicia ata 14 remolcadores que nunca foron encargados. Foi tamén membro do consello de Barreras

A Carrera Panizzo e a Roa sinálanos as novas autoridades daquel país por outra compra sospeitosa en Pemex, a de Agro Nitrogenados, compañía de fertilizantes que segundo diversos medios mexicanos levaba máis dunha década paralizada e sen posibilidade de ser reactivada cando a petroleira a mercou con presuntos sobrecustos. O novo goberno do país e a propia Fiscalía tentan esclarecer se por tras de todos estes negocios sospeitosos está o ex-presidente Enrique Peña Nieto.

 "Rematou a corrupción en Pemex"

 Por todos estes casos foi cuestionado polos medios esta mesma semana o presidente mexicano. Nunha rolda de prensa no Palacio Nacional, López Obrador sinalou a Lozoya como "representante da corrupción en Pemex", compañía na que o seu Goberno, asegura, está desenvolvendo unha "limpeza xeral". 

"Podo dicirlles que rematou a corrupción en Pemex, xa non hai corrupción nos mandos superiores", resumiu para afirmar que "terminou" o tempo de "tráfico de contratos e compras con sobreprezos". "O que custaba mil millóns de dólares agora págase por 700", exemplificou.

"Estamos limpando Pemex e vai moi ben", afirma o mandatario centroamericano que se referiu especificamente as antigas operacións de PMI, a filial internacional ligada aos negocios en Galicia. Filiais coma esa, especifica, "eran independentes", pero agora xa "teñen control da dirección" da empresa estatal. 

Agora, dixo, "estamos mesmo revisando contratos de empresas que se teñen en España, con estaleiros españois, onde non había un trato xusto para Pemex". "Todo iso estase revisando e imos informar", advertiu López Obrador en aberta referencia a Barreras e Navantia.

 Sobre as eventuais repercusións directas en Barreras, a compañía con sede en Vigo opta, polo momento, polo silencio. Así o reflectiron as declaracións realizadas polo seu presidente, José García Costas, á axencia Europa Press e recollidas por Faro de Vigo, segundo as cales non ten "ningunha noticia directa" sobre os movementos anunciados por López Obrador. 

Na mesma liña, o presidente da Asociación de Industriales Metalúrgicos de Galicia (Asime), Enrique Mallón, aseguraba este mércores en Vigo non ter máis novas ao respecto que as palabras de López Obrador, se ben defendeu a "legalidade" da entrada de Pemex en Barreras e considerou que o naval galego non sufrirá repercusións negativas polas investigacións en marcha."               (David Lombao, Praza Pública, 27/06/19)

No hay comentarios: