"Cáritas presentou este mércores o VIII Informe Foessa,
unha completa radiografía da situación social no Estado Español, e que
lle dá continuidade aos traballos publicados en 2008 e 2014: antes da
recesión económica e no peor momento da crise.
Este novo estudo analiza
os efectos desta década de crise e recortes, preguntándose se houbo unha
recuperación e que sectores sociais puideron acceder a ela. Unha das
primeiras conclusións do documento é que na actualidade hai en España
8,5 millóns de persoas en situación de exclusión social, 1,2 millóns
máis que hai unha década.
Isto representa unha porcentaxe do
18,4%, que é moi semellante en Galicia (17,5%). Un amplo grupo da
poboación "para quen o ascensor da mobilidade social non funciona, e non
é quen de subir sequera ao primeiro andar".
O informe
si detecta que dende o ano 2014 se produciu un incremento das persoas
"que non teñen dificultades para a súa supervivencia, que levan unha
vida digna en termos materiais e que se recuperaron cando menos aos
mesmos niveis de antes da Gran Recesión". Porén, tamén advirte da
situación dun grupo intermedio, que denomina sociedade insegura e
que estaría composto por persoas que neste non se atopan en situación
de pobreza ou en risco de exclusión social, pero que podería caer nestas
situacións en caso dunha hipotética nova crise.
"Este grupo da sociedade insegura
móvese no gume da navalla. E intúe que ante unha eventual acudida,
nunha nova crise, o seu sostén económico crebará. Indígnalle que a
sociedade segura se desentenda do resto e colla máis impulso ata
desconectarse", destaca o informe, que cifra en seis millóns o número de persoas que estarían neste grupo en todo o Estado.
Esta sociedade insegura é especialmente importante en Galicia. O
noso país sitúase por debaixo da media española en canto á porcentaxe de
poboación en situación de exclusión social e moi lonxe por exemplo dos
datos de Canarias (29%) ou Estremadura (23%). Porén, Galicia é tamén a segunda comunidade autónoma con menos poboación con integración plena, é dicir, fóra de todo perigo. Fronte ao 48,4% do conxunto de España, o dato galego é do 40,96%, e só mellora ao das Illas Canarias.
No medio fica unha parte moi importante da poboación galega,
maioritaria, de feito, o 42% do total, que fica adscrita a esa categoría
de sociedade insegura, que está "na antesala da exclusión",
destaca o informe. "Mira cara á fracción estancada e ve que é próxima,
aínda que non é semellante. Non a coñece nin a comprende porque apenas
mantén vínculos con ela", explica. "Porén, cando mira cara ao outro
lado, ve que tamén se están debilitando os lazos coa sociedade segura, a que vive instalada na soberbia", engade.
"A sociedade insegura
aínda se valora, non perdeu a autoestima e os compromisos co estado de
dereito, pero intúe que na próxima sacudida o seu sostén económico
crebará e caerá a terra. Non ten poder económico nin son da súa
propiedade os medios de comunicación. Ten un emprego precario,
insuficiente, e un futuro incerto", completa a descrición.
O informe debulla a situación dos factores de sostibilidade das
distintas capas da sociedade, a ameazas máis urxentes e os elementos que
ameazan con debilitarse. Alerta, por exemplo, sobre o encarecemento da vivenda, lembrando que nos últimos anos o prezo dos alugueiros nas cidades creceu un 30%.
E advirte dos efectos da crecente precariedade laboral, subliñando
que "o 14% das persoas que traballan están en exclusión social", que
"un de cada tres contratos temporais dura menos de sete días" ou que "o
15,1% dos fogares sofre inestabilidade laboral grave (son fogares nos
que a persoa principal pasou por 6 ou máis contratos, por 3 ou máis
empresas, ou estivo 3 ou máis meses en desemprego durante o último ano).
Alerta igualmente sobre o efecto dos recortes sobre os servizos públicos, apuntando
que o número de persoas con cobertura sanitaria privada aumentou do
13,3% en 2012 ao 16,3% en 2017 como resultado das crecentes deficiencias
do sistema sanitario público e da presión das empresas privadas para
gañar espazo de negocio. No campo do ensino tamén salienta "o aumento da
ratio de alumnado e a carga electiva para o profesorado" ou das
"dificultades para a obtención dunha bolsa".
Tamén fai fincapé na situación especialmente vulnerable que sofren algúns colectivos, como as familias monoparentais (que dependen case exclusivamente dunha muller) e, en xeral, os fogares nos que viven menores de idade.
¿Quen saíu da crise? Quen sufriu a crise?
O informe destaca que na sociedade española "implantáronse dous
significados da saída da crise que se basean en indicadores diferentes".
"Para as elites significa crecemento da economía, para a cidadanía común significa traballo e soldo dignos",
di, destacando que non se trara só "dos indicadores nos que baseamos os
nosos relatos, senón de entender que diferentes miradas xeran
diferentes prioridades e diferentes resultados".
O documento salienta que "non se adquiriu unha conciencia clara de que os máis prexudicados foron os grupos máis excluídos socialmente". E comenta que a crise pagárona principalmente os traballadores maduros (61%), seguidos polos mozos (56%).
O documento salienta que "non se adquiriu unha conciencia clara de que os máis prexudicados foron os grupos máis excluídos socialmente". E comenta que a crise pagárona principalmente os traballadores maduros (61%), seguidos polos mozos (56%).
"Necesitamos unha proposta de horizonte ético, unha pedagoxía da
indignación e a esperanza", conclúe o informe de Cáritas, que di que "é
urxente construír espazos para o empoderamento social e político das
persoas máis afectadas pola crise". "Ábrese a necesidade de crear un
sector público composto polo espazo de traballo conxunto das
administracións públicas, as entidades non lucrativas e as empresas
sociais. E todo iso desde a perspectiva de non deixar a ninguén atrás", remata." (Marcos Pérez Pena , Praza Pública, 13/06/19)
No hay comentarios:
Publicar un comentario