"O Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol
viviu catro días de colapso coincidindo coa celebración dos Reis e do
patrón da cidade. Catro xornadas festivas nas que a entrada continuada
de doentes con problemas crónicos, moitos afectados pola
gripe, incrementou as exixencias asistenciais, desbordou os equipos de urxencias
e copou as camas dispoñíbeis na planta de medicina preventiva e na
Unidade de Coidados Intensivos (UCI), entre outros servizos, segundo
denunciaron representantes dos traballadores sanitarios.
Os sindicatos critican unha reacción tardía por parte da dirección do centro de referencia, o Arquitecto Marcide, que se viu na obriga de activar o plan de continxencia de inverno e recorrer ás unidades de apoio previstas na área sanitaria. Dunha banda, a apertura da segunda planta do hospital Naval, con 36 camas reservadas para este tipo de continxencias, e doutra, o desvío de pacientes ao hospital xeral Juan Cardona, de titularidade privada.
"Poñer en marcha a planta do Naval require a contratación dun equipo completo de profesionais eventuais,
que xa son os que soportan boa parte da actividade sanitaria destas
datas", sinalan os delegados sindicais. A situación comeza a
normalizarse, apuntan, grazas tamén a que se activaron as visitas e as
altas durante os festivos." (Nós, 08/01/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario