24/1/20

“Nunha cidade coma Lugo, onde hai máis dun 20% de vivenda baleira, tense que ofrecer alternativa habitacional para as persoas desafiuzadas”... "As persoas desafiuzadas son criminalizadas. Senten vergoña e culpabilidade por ter unha débeda"

"Pensamos que en Lugo non hai desafiuzamentos, pero a realidade é outra”. Dicíao Mina Galván, activista da plataforma Stop Desafiuzamentos, en xullo do 2019. Onte, martes 14 de xaneiro, volvía abordar a cuestión nunha conferencia que xirou arredor da “desidia” das administracións ante esta problemática. “Nunha cidade coma Lugo, onde hai máis dun 20% de vivenda baleira, tense que ofrecer alternativa habitacional para as persoas desafiuzadas”, reclamou.

‘Nin xente sen casa, nin casas sen xente’, rezaba precisamente o título da charla, organizada en colaboración co Club de Letras do IES Lucus Augusti. Ademais de Mina Galván, tamén participaron a avogada Isabel Cancela e o mestre Santiago Fernández Rocha, que centraron as súas intervencións nas vías legais para deter un desafiuzamento e na pobreza infantil, respectivamente.

O LABOR DA PAH

Segundo os datos da PAH-Stop Desafiuzamentos Lugo, actualmente teñen un total de corenta casos de desafiuzamento abertos: seis deles graves, outros seis en camiño de se solucionar e, o resto, “en stand by”. Na PAH (Plataforma de Afectados pola Hipoteca) reciben persoas que se atopan en risco de perder a súa vivenda, acompáñanas no proceso e mobilízanse para lles axudar nas negociacións e trámites precisos. “Ás veces, os Servizos Sociais derivan algunha persoa aquí para que nós lles axudemos. É irónico!”, comentou a activista Mina Galván. Quéixase de que as administracións “nunca dan ningunha explicación” e de que “alongan os procesos de solicitude de axudas” ata o punto de que se volve moi complicado acceder a elas.

A principal demanda desta plataforma é a paralización total de calquera desafiuzamento en aluguer sen que exista unha alternativa habitacional. Lugo é unha das cidades de España con máis volume de vivendas baleiras, pero “o Concello non fai nada por recuperalas” malia haber xente que corre o perigo de quedar na rúa. Do mesmo xeito, tamén reclaman que non se executen lanzamentos sen data e hora fixadas. “É unha intranquilidade a maiores. Ás veces non sabes cando te van botar da casa. Pode ser en calquera momento”, explicaba Galván.

POÑER O FOCO NO LUGAR ERRÓNEO: OS OKUPAS

No discurso da conferencia, tamén se afondou no asunto das okupacións. Como é que a sociedade se indigna máis ante casos de okupas ca cos desafiuzamentos?, preguntábanse uns e outros. Como é que os grandes medios centran o debate nisto? “Ás veces okúpanse pisos de bancos, non de propietarios particulares. O banco non protesta, porque nin sequera se entera. E van e protestan os veciños… Iso non o entendo”, expresou a avogada Isabel Cancela.

Detrás de todo isto agóchase, quizais, a demonización da precariedade. “A maioría da xente criminaliza e repudia a pobreza en vez de facer algo conxunto por axudar as persoas que a sofren”, engadía Mina Galván. “Cando as persoas desafiuzadas chegan onda nós, teñen vergoña e séntense culpables de ter unha débeda”, explicou a activista. “Como sociedade, normalizamos a delincuencia dos de gravata, pero se lemos que unha persoa debe 1.500 euros a un banco xa nos escandalizamos”.

Para Santiago Fernández Rocha, profesor, é “tristísimo” o que “está ocorrendo a día de hoxe en Lugo” no referido á vivenda. Coida que “a esquerda non está á altura neste sentido” e non entende por que non sitúan esta realidade “en primeiro plano” político. “Sería máis rendible combater con decisión as causas da pobreza ca facer investimentos para reducir as consecuencias”, opinaba. “É o cancro devastador do futuro”.                (Silvia López, LugoXornal, 15/01/20)

No hay comentarios: