"Tempo propio para gastar bromas e argallar
trasnadas, para rir e facer rir, para ser un mesmo, amparado polo
anonimato das máscaras. Eis as historias dunhas cantas mulleres que
sacan ferruxe aos seus recordos ao redor dunhas chulas e mais un café.
- O antroido non o corrades, deixádeo estar!
- O antroido éche moi larpeiro / o antroido éche moi ghandulo / por catro días de chea / sete semanas de ayuno.
Houbo un tempo en que as aldeas estaban cheíñas de xente.
Os labores do traballo e mais as festas xuntaban un lote de homes e
mulleres nas casas. Os almanaques rebordaban de datas sinaladas, unha
delas o Entroido. Hoxe seguen sendo días especiais, pero na meirande
parte do rural o conto cambiou ben dende aquela.
Houbo un tempo en que se reunían a vinte e saían correr o antroido
polas corredoiras adiante, petando de casa en casa, de porta en porta.
Xente moza que vía naqueles días cada vez máis grandes a oportunidade de
facer aquilo que o resto do ano non lles estaba ben visto. Era o tempo
apropiado para gastar bromas e argallar trasnadas, para rir e facer rir,
para ser un mesmo, amparado polo anonimato que ofrecían as máscaras.
A ilusión, o mérito maior, estaba en que os antroideiros non fosen
recoñecidos en ningún lugar polo que pasaban. Para iso ían tapados da
cabeza aos pés, mais nas casas polas que levaban a troula poñíanllelo
ben difícil para gardar o segredo. "Dábanche filloas, chulas, orellas,
viño..., nós comiamos coa cara tapadiña, caladiños, caladiños, pero o que eles querían era cacharte no momento en que te descubrías un pouquiño para dar o bocado".
As señoras de Visantoña e mais de Olas, no Concello de Mesía, gardan
na memoria un bo feixe de historias de cando ían correr o Entroido.
"Éranche tempos... Pasabámolo de marabilla!". Unha vez á semana, os
maiores e as maiores de cada parroquia xúntanse nos locais sociais ou
nas unitarias xa en desuso dos seus lugares. Acompañadas e guiadas por
Laura Pérez, coordinadora da actividade Tempo fóra, e ao redor dunhas
boas chulas, ou dun café quentiño, ou dunha partida ás cartas, estas
mulleres sacan ferruxe aos seus recordos. Escoitalas é unha delicia...
CONTOS DE ANTROIDEIRAS
- Unha vez que fun correr o antroido cunhas que eran máis mozas ca
min. Eu era o home. Ía vestida cunhas cirolas (é coma un pixama, muller,
coma un calzón largo, eran de liño). Eran do meu avó, dun que xa
morrera. Puxéranme O Perucho porque era un mozo pequecho. Levaba un
sombreiro e cando iamos bailar cos mozos, faciamos a chistada de darlles
con el na cabeza. Non nos conocían nada. Tocabamos a pandeireta e
bailabamos...
- Eu sempre me acordarei cando esta María que teño ao meu lado se
vestiu cun vestido que trouxera eu de Suíza. Comprárao pola comuñón de
Federico. E foi de aquí ata o cruce de Vilanova e deu volta e ninguén a
coñeceu. Ía coa cara tapada, toda dereitiña cara arriba. Aínda dixera
Pepe: arre me falte diola, non se sabe se é home ou muller!
Aquela tal Pepe dubidaba porque era habitual que os homes vestiran de muller, e as mulleres vestiran de home.
Tratábase, dalgunha maneira, do disfraz estrela. "A muller segue sendo
discriminada hoxe, pero naquel tempo aínda o era máis... Daquela no
antroido, como todo estaba permitido, era cando aproveitabamos para
facer certas cousas que o resto do ano non podiamos". A pillas ninguén
lles gañaba. Poñían rumbo arriba polas corredoiras ao comezo da tarde e
non poucas veces lles daba a noite no camiño. Tres días seguidos: o
domingo, o luns e o martes de Entroido.
- Nós iamos eleghantes, a roupa era eleghante, non iamos con trapos...
- Ai, pois a nosa non, ho. A nosa era trapalleira!
- Eu estáballe contando a estas as vestiduras que fixera miña nai.
"Espera aí", díxolle ao meu pai. E foi buscar dúas pelicas de ovella,
porque claro, antes aproveitábanse as pelicas. Fíxolle unhas saias,
amaila chaqueta, amaila careta. Todo de ovella. E un sombreiro de palla
na cabeza. E unhas polainas das que había antes que abrochaban pola
pantorrilla arriba. Iso levaba meu pai. E a patrona, a tía Marica, dixo
ela: "Eu non sei que hei levare".
"Tía Marica, unhas saias de
candil!", de estopa, de lana, mal fiadas. Miña nai fíxolle as saias con
moito rizo, e púxolle uns zocos rachados, mal feitos, e fíxolle unha
chaqueta que lle poñía as tetas de punta. Miña nai levaba un vestido e
fixo unha careta con trapos, amais un mantón de manila que lle chegaba
aos pés. Eu daquela collinlle medo ao meu pai, velo coa condenada da pel
da ovella... Outras veces aínda ten pintado a cara con tizón do lume.
- A min acordanme os homes que ían vestidos de militar facendo na
Instrución. Eses si que daban ghusto. Xuntábanse por aí uns 50 da aldea e
ían polos camiños que había, que pista non había.
TEMPOS DE BRINCADEIRAS
Sexa como for, choqueiro ou con glamour, o caso era pasalo ben,
bailando, comendo e facendo das súas... Porque os antroideiros non
sempre che son pacíficos. "Eu acórdome que na de Chinto abriamos as
lacenas todas!". Se as casas eran de confianza, límites poucos se
poñían. Había quen lles escondía o carro, ou o fouciño, ou mesmo unha
cancela... Calquera cousa valía para facer a trasnada. Unha das Jesusas
de Olas (eran cinco mulleres á mesa e as cinco eran Jesusas) contaba
despois de moitos rodeos que cando viñan os antroideiros lle metía fíos
ás filloas. Moita risa foi ese conto!
Houbo quen non tivo liorta ningunha. "A nós nunca nos deron coa porta
nas narices. Ata levabamos unha canción aprendida para entrar nas casas,
faciámolo todo moi ordenadamente". Pero tamén os había máis rabudos,
máis barulleiros. "Nós levabamos bara! E logho se se metían con nós,
que? Cada un súa bara! E pandeireta quen a sabía tocar, e mais gaitas de
xoguete".
- Un día saíronnos co ghalleto, ou co lampo, ou non sei que era. Ai
aí... Cada un escapou por detrás das silveiras por onde puido!
- Desas teño eu outra... As portas de antes partían pola metade.
Pois entramos na de Lucas. Estaba Ricardo e mais Jaime do Fondo de Vila.
E empezamos ca historia toda. Iamos un lote deles. Nisto vin pasar a
Ricardo por detrás de nós cara a porta, que nos quería encerrar! Se
viras... Tiramos por riba da porta para fóra! E non volvín máis!
Axiña xurdiu na conversa o conto das historias nas feiras.
Uns folletos que saían cada quince días e que traían dúas ou tres
cancións. "Sempre maliciosas, cun pouco de morbo, pero moi axeitadas,
eh". O entroido era boa época para elas. Igual había algunha familia
encontrada e neste tempo aproveitaban para dicirse o que non se dicían
en todo o ano. "Miña madriña fora protagonista dunha desas
historias...", comeza o conto de Avelina.
- Ía cun cesto de ovos á feira a Carral, andando, eh! Polo camiño
pasou un veciño que era moi trallero e colleuna. Díxolle: "Vés?
Levámoste". E ela foi de boa ghana, pero despois virouse o carro, que
seghuro que o virou adrede, e romperon os ovos, e despois armoulle a
historia e leuna na feira. Á miña madriña aquilo non lle ghustara
nada... Fixéralle a faena. Non era amigha das bromas.
Máis alá das brincadeiras, había cousas que o Entroido sempre
respectaba, por exemplo, o loito das casas. Todas as mulleres teñen ben
aprendido canto tempo se gardaba por cadaquén: "Medio ano polos avós, un
polo irmán, dous polos pais, e polo marido...", "Toda a vida!",
resolven varias á vez.
AO ESTILO FÉLIX RODRÍGUEZ DE LA FUENTE
Cos anos 80 asomando, nalgunhas parroquias fóronse introducindo novas
modas que anunciaban un tempo diferente, onde as casas xa tiñan
televisión, onde a xente viaxaba en coches particulares, onde a censura
quedara atrás... Os concursos de comparsas, pouco a pouco, foron
inundando o país. E a aldea de Visantoña comezou a coller sona polo seu esmero e dedicación na construción daqueles grandes espectáculos.
"Os chavales, de 18 e 20 anos, preparábano todo na nave de Joselino, e
logo ían ás salas de festa por toda Galicia. Alá onde daban premios,
eles ían".
Raro era que viñeran coas mans baleiras. Todos os anos botaban a andar a
imaxinación baseándose nos referentes da época: "O primeiro que fixeran
fora unha representación de El hombre y la tierra, de Félix Rodríguez de la Fuente. Érache unha serie moi bonita...".
Tampouco se lles escapou Astérix e Obélix nin La Guerra de las Galaxias.
"Talmente ían coma na película os que viñeran da outra galaxia!",
contan elas. "Eran obras de arte, hoxe dicimos: que pena que non houbera
onde gardar todo iso... Hoxe facía un museo marabilloso".
- Deses entroidos saíron moitos matrimonios!
- Aghora antroideiros coma antes non os hai. Daquela faciamos filloas un día enteiro. Hoxe unha ducia chegha para oito días.
- A min quen me dera poder facer outra vez todo o que fixen..." (Uxía Iglesias, Galicia Confidencial, 22/02/20)
No hay comentarios:
Publicar un comentario